Terras do Deza. Berce de pintores. Laxeiro ou Colmeiro son os notarios maiores daquela bisbarra, das súas xentes, das súas facianas compostas arredor dun ámbito rural no cal latexa gran parte do que significa esta terra galega. Dese berce tamén xurdiu Alfonso Sucasas, e dende esa terra fixo agromar unha produción artística senlleira no que debe ter toda arte de conexión coa súa realidade. A súa formación autodidacta achegouno de xeito inmediato ao que tiña ao seu carón: as tabernas, as escenas rurais, os grupos de paisanos, as mulleres. Temas que foron conformando unha linguaxe onde confluían modos expresionistas baseados na disimulación duns rostros substituídos por máscaras ou a amplitude das mans, pero tamén polas achegas de moitos outros pintores.
Percorrer a obra de Sucasas supón tamén adiviñar a tradución das linguaxes de nomes como Picasso ou Bacon e, como non, do referente para toda a súa xeración, por suposto, Laxeiro. Todo isto viña ademais a amosar o coñecemento que do eido pictórico tiña o artista. Alfonso Sucasas seguía o que acontecía no mundo artístico, sabendo distinguir o bo do malo.
Sucasas soubo amalgamar todos eses ingredientes e, o que é máis difícil, compoñer unha linguaxe singular onde esa pervivencia do carácter expresionista concedeulle ás súas obras unha fonda humanidade. E é que a humanidade é o outro gran alicerce da súa obra. Tanto nas grandes escenas, das que era un mestre (non hai máis que ver os seus entroidos), como nas que amosaban poucos personaxes, adivíñase unha fonda humanidade. Escenas cheas de ledicia ou tenrura, exaltacións da amizade ou espazos íntimos. En todos eles a pintura vai servir para a reivindicación da vida a través da figura do ser humano. Alfonso Sucasas, como pintor verdadeiro, dirixía sempre a súa mirada cara a ese punto, o de facer do home o motivo central da obra, sen fondos que nos distraesen, sen cores que nos abraiasen; para el, todo estaba contido na figura, nesa presenza que se erixía como un altofalante dunha forma de entender o mundo e tamén, a pintura.
Publicado en Diario de Pontevedra 28/06/2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario