Á hora de elexir unha lectura na nosa língua no cabe dúbida que sempre é un valor seguro a aposta por Agustín Fernández Paz. A súa anterior novela ‘Non hai noite tan longa’ amosounos o bo estado da literatura do autor vilalbés. Unha novela chea de lembranzas dun tempo que se conxela no interior das persoas e que nun intre estoupa para sanar as feridas que semellaban estar curadas. Agora con ‘Aire negro’ Agustín Fernández Paz muda de rexistro con esa facilidade que so poden amosar os mellores escritores para levarnos a unha historia na que conflúen varias temáticas literarias que van dende o thriller ao fantástico, ou dende o terror ao amor.
Quizáis sexa a mente humana o lugar máis complexo dende o que artellar unha novela, o universo dende onde o escritor ten que tirar de máis fíos para xerar unha trama que compoña o que é o relato. Agustín Fernández Paz bótase de bruces na mente humana a partir dos sucesos que ocorriron no interior da mente dunha rapaza sometida a unha terapia nun centro mental case na fronteira con Portugal. Ata alí chegou tras unha experiencia traumática que leva ao escritor a afundirse no imaxinario popular galego, nese mundo de lendas que sustenta moito do que somos e do que tamén xorde moito da nosa narrativa, e ao que a protagonista chega por amor, un amor dun tempo pasado que volve para activar en Laura Novo un sentimento que nunca estivo perdido de todo. Vemos como ao falar do que na novela acontece vanse tecendo diferentes ingredientes: amor, lendas, terapias... que van xerando unha atmósfera que é a grande achega de Agustín Fernández Paz na obra ao conseguir que en cada un dos escenarios principais da novela: o sanatorio e a Casa rural sexa quen de envolver ao lector neses dous ambientes. Por un lado o espazo da razón, ese sanatorio no que un doutor novo intenta coa protagonista unha nova terapia de achegamento que lle permita superar o rexeitamento que amosa cara os demáis e que a leva a pecharse ante uns folios nos que de xeito compulsivo escribe o seu nome unha e outra vez. Esa novedosa terapia enfróntase a todo un sistema establecido que parece afondar nesa dobre perspectiva sobre a mente humana que representan as teorías de Freud e Jung recentemente levadas ao cine por David Cronenberg en ‘Un metodo peligroso’. Fronte a ese ambiente case cartesiano atópase o lugar onde xorden as emocións humanas, unha Casa e o seu contorno no medio rural onde as tradicións e as supersticións van a tomar un papel decisivo no fluír dos acontecementos. Alí é onde se catalizan os sentimentos, onde se recupera o tempo pasado a través dun amor e onde nos afondamos nos xéneros do terror e do thriller, que de xeito brillante manexa o autor e o que é máis complexo, integra dentro do relato xeral dunha maneira moi efectiva para manter a nosa atención.
‘Aire negro’ é, polo tanto, unha especie de delta ata onde van chegando varios ríos que finalmente desembocan nun único mar, o da literatura, a boa literatura. A que te fai pasar un bo rato, a que te ensina moitas das motivacións que moven ao ser humano nesta sociedade e que se expresan dunha maneira moi suxerente ante o lector, ademáis de estar perfectamente integrado no espíritu desta terra, o que provoca que esteamos ante unha novela profundamente galega revestida dun traxe que ao principio non o semella e que ao mellor se achega máis a relatos de autores xa consagrados como Henry James, Conrad ou Lovecraft, aos que ben se ve admira o escritor e dos que se serve para facer aquelo que eles tamén facían baixo unha apariencia de misterio, que non é máis que facer unha viaxe ao interior do ser humano.
Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 23/09/2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario