POUCOS libros nos últimos tempos fixéronme tremer as pernas do xeito como
o acadou ‘Os ángulos da brasa’ de Manuel Álvarez Torneiro. E é que poucas
lecturas poden axitar máis a alma que a poesía. A súa máxica percepción da
realidade e a súa posterior devolución ao lector a través da alma espida do
poeta, permite achegarse como poucas artes a esa fenda que tantas veces xenera
a realidade entre ela mesma e nós. Un xeito de espirse que no caso de Manuel
Álvarez Torneiro afástase de especulacións, de amizades interesadas con
críticas e ata cos lectores, agromando así unha poesía chea de referencias, de
ligazóns cun pasado cultural imprescindible para tentar comprender o noso
presente. Tendo en conta que falamos dun presente miserable para o ser humano
no que abofé que o único xeito de redención, a derradeira táboa á que
suxeitarse ante o naufraxio xeral é a da poesía.
Aferrado a ela o poeta vai a beber nas fontes da beleza para convertela
en palabra no esqueleto que xuntas sustentan, non so este poemario, senón unha
obra á que o que esto escribe chegou tras este milagre morniño de brasas aínda
hoxe quentes e reconfortantes, pese ao tempo que pasou tras a súa publicación.
E é que coller entre as mans libros como ‘Parábola do incrédulo’ ou ‘Setembro
Stradivarius’, ambos dentro da colección Tambo publicados pola Deputación de
Pontevedra supón afianzar a cerna da súa poesía. A fonda ligazón desa maridaxe
de beleza e palabra que escorrega por cada un dos seus versos beliscando a pel
do lector e abríndolle camiños engaiolantes.
Chegados a este punto merece especial atención o mundo da edición. Editar
poesía é de tolos, non dubiden que así é. Pero ¡bendita tolemia! Sementar
librerías e fogares con esas táboas salvadoras é unha misión tan necesaria como
irrepetible neste contexto social e humano, de aí que esta illa de resistencia
no que se converte Tambo, agora baixo o selo da Faktoria K de Kalandraka, e
outro motivo de orgullo para a nosa cidade e de respaldo para a atinada (á
vista está) dirección do tamén escritor Luis Rei, ao conformar paseniño unha
colección xa imprescindible nas nosas letras (e non se perdan a recente edición
do poemario de Xavier Seoane ‘Espiral de sombras’ que se move neste mesmo
nivel).
O Premio Nacional de Poesía, concedido por primeira vez a unha obra en
galego, convértese deste xeito no fito cultural do ano en Galicia. Unha Galicia
que non adoita amosar ledicias como esta pese a calidade dos seus creadores,
tantas veces faltos dos respaldos necesarios, aínda que todo muda cando as
brasas palpitan coa singular forza que é quen de acadar Manuel Álvarez Torneiro
para acariñar as nosas almas a partir da súa propia alma espida. A alma dun
poeta.
Publicado en Diario de Pontevedra 9/10/2013
Fotografía: Presentación do libro 'Os ángulos da brasa' en Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario