John Berger nos seus ‘Modos de ver’ afirma que “nunca miramos só unha
cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós”; do mesmo xeito, Juan
Adrio formula a natureza como unha relación coa nosa propia práctica, ben sexa
co descubrimento do descoñecido, ou con aquilo que coñecemos e que é
interiorizado a través da experiencia pero tamén desas palabras, vivencias,
emocións, recordos ou impresións que o mar semella facer xermolar das súas
entrañas. Podemos formar parte desa experiencia no Pazo da Cultura ata o 17 de
novembro nunha exposición que por vez primeira se integra dentro da programación
do Outono Fotográfico.
Mirar, experimentar, sentir...
todo isto e máis escóndese baixo a proposta de Juan Adrio, ou o que é o mesmo,
baixo a percepción dunha natureza que nos empequenece ante a súa dimensión,
pero sobre todo, ante a magnitude da súa beleza e as súas ocultas evocacións.
Juan Adrio colócanos ante eses miradoiros en que se converten cada unha das
súas imaxes, para que nos decatemos do que se abre ante nós, pero tamén para
abrirnos cara a nós mesmos.
Nunha primeira serie de
imaxes, pertencentes ao proxecto 'Finisterrae', o autor xoga coa amplitude de
mares e ceos, para que desfilemos por uns horizontes nos que esa liña parece
esvaecer, nesa loita de territorios formulados por mareas e nubes; unha
experiencia xurdida da visión do artista pero que se traslada a nós dende ese
punto de vista no cal nos coloca, coma se nós mesmos fósemos os que
accionásemos o disparador da cámara na conquista dese instante desexado.
Instantes como os que se suturan sobre un lenzo para sintetizar esas miradas
fragmentadas dende a costa nunha sorte de recuperación da memoria vivida á hora
de conseguir cada unha desas imaxes que agora, unidas, configuran unha única
mirada. E por último... as palabras. Asomados a eses vastos horizontes quizais
o que menos sintamos sexa a necesidade de pronunciar palabras, absortos como
estamos ante o espectáculo proposto, de aí que o silencio pareza formar parte
daquelas imaxes pertencentes á primeira das series, pero as palabras buscan o
seu lugar e o efecto logrado por Juan Adrio na terceira desas variacións
paisaxísticas fainas emerxer deses fondos de ceo e mar formulados ambos os dous
dende unha premeditada medida. Palabras que se mergullan no interior do ser
humano aludindo á súa relación co mundo, con aquilo que o rodea, e que normalmente
permanece afastado desa natureza tan fascinante como abafadora. Nalgún momento
poderán casar ambas as dúas realidades? É posible que só a arte, coa súa
capacidade de suxerir e de sintetizar percepcións, sexa quen de logralo, de
permeabilizar ambas as dúas situacións para que conflúan nunha experiencia
visual como a aquí proposta.
Actualiza Juan Adrio desta forma ou formas a percepción romántica da natureza
que, durante dous séculos, leva prendida na historia da arte. Aquela visión
cauterizada a través dunha presenza humana ante a ingravidez crepuscular
substitúese agora, pensemos na recorrente visión para estes casos da obra de
Caspar David Friedrich, pola nosa mirada, pola percepción directa dunha
natureza exhibida en momentos de tensión, en axitadas situacións que derivan en
descubrimentos como os aquí presentados. Reactiva Juan Adrio aquela tarefa
básica do artista romántico tan ben descrita por Rafael Argullol no
imprescindible 'A atracción do abismo', como a "liberación da potencia
poética oculta que é o inconsciente". Ben sexa dende a contemplación
directa da natureza ou a través da sublimación deses pensamentos interiores, o
noso protagonista somérxese nas sombras, as de alí e as de aquí para, como
consegue cos seus horizontes, disolver esa fina liña que separa ambas as dúas
realidades co fin de indagar na torrencial riqueza das sombras", retomando
de novo as palabras do filósofo e profesor de Estética.
Participamos, polo tanto,
dunha percepción en dúas direccións, sendo a nosa propia mirada a que permita o
acceso da unha á outra, e é que na mirada, no feito de mirar, en como miramos e
como reinterpretamos esa mirada é onde radica o éxito da proposta do fotógrafo.
John Berger nos seus 'Modos de ver' afirma que "nunca miramos só unha
cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós"; do mesmo xeito,
Juan Adrio formula a natureza como unha relación coa nosa propia práctica, ben
sexa co descubrimento do descoñecido, ou con aquilo que coñecemos e que é
interiorizado a través da experiencia pero tamén desas palabras, vivencias,
emocións, recordos ou impresións que o mar semella facer xermolar das súas
entrañas. É o poder evocador da natureza, unha alienación momentánea na que
eses ocos, que xorden nese instante, se ven taponados polo que emana do noso
interior, conformando unha nova realidade a través da obra de arte, a través
desa morea de matices, tan importantes para o artista como para o espectador.
Matices que nos confunden para, dese pretendido caos, facer fluír unha nova
percepción da natureza e como non, de nós mesmos.
Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 6/10/2013
Fotografía: Juan Adrio
Ningún comentario:
Publicar un comentario