En el jardín, junto a la sombra/ de exóticas palmeras,/ y el recuerdo de los poetas al inmortal Marqués/ de las barbas de chivo,/ duerme en su soledad,/ el banco donde repongo/ en las mañanas/ el cansancio de mis muchos años.// Es una grata sombra,/ remanso que consuela/ la pausa,/ para seguir otros caminos.//Breve o largo, el descanso;/no importa,/ el camino no cuenta,/ y el banco tampoco se impacienta.
(‘El banco’. Sabino Torres)
Nesta semana de caixas destempladas e papeis acusadores un titular segue a flotar no aire, resistíndose ao paso do tempo cando xa van varios días dende que Belén López nos regalou outra das súas entrevistas, e reforzado hoxe co 75 aniversario do pasamento deAntonio Machado. «Eu aínda sigo crendo na poesía», exhalou Sabino Torres nun canto de cisne que nos fala da súa rebeldía. O pelo cano da poesía que leva axitando dende a xuventude, e iso é irse moi lonxe, ata unha Pontevedra de posguerra, na que a poesía era tan temida coma as armas.
Agora estes papeis de obras e contratas saen dos palacios baixo custodia policial; antes, as poesías saían dos fogares embozadas en abrigos para respirar o aire da rúa que tan ben lle senta. Sabino Torres empeñouse en darlle aire a aquela poesía, ventilando palabras e metáforas, para o que botou a tirar papel parindo o máis fermoso canto poético da Galicia da ‘Longa noite de pedra’ que bautizara o seu amigo Celso Emilio Ferreiro, protagonista daquela travesía xunto a Manuel Cuña Novás, Manuel María, Luis Pimentel, Xosé María Álvarez Blázquez ou Emilio Álvarez Negreira entre outros. Todos eles rebeldes, os nosos poetas airados.
A colección Benito Soto foi un deses milagres que todavía hoxe estremece a alma e fai de Sabino Torres un rebelde con causa. A causa das letras que tamén defendeu dende o xornalismo, ‘Ciudad’ ou ‘Litoral’ foron a prensa que había naquela Pontevedra dos corenta e cincuenta. Sabino foise a Madrid que é onde os galegos semella que teñen sempre o respiradoiro derradeiro, que llo digan ao noso Manuel Jabois. E alí segue, entre letras e memoria, porque memoria é o que é este home de espigada figura que, cando me cruzo con el polas rúas de Pontevedra, respiro tranquilo ao comprobar como esa memoria permanece entre nós, como unha táboa á que asirse e da que aínda se pode sacar bo proveito, como esa entrevista, os seus poemas, o libro de memorias que publicará na primaveira, ou como foi aquel outro chamado ‘As tres columnas’, que nos ensinou, alumeado por farois vermellos, unha Moureira que moitos descoñeciamos. Os seus case noventa anos non son máis cunha cifra no carné de identidade, un xesto máis de resistencia que en gran medida emana desa condición poética. O xesto como pegada do que un é.
E outro xesto conmoveunos esta semana, e é que nesa man levantada, tan solitaria coma rotunda, hai tamén moito de poesía, moito de resistencia. María Biempica non sei se terá poesías metidas nos caixóns pero a súa man blanca resplandeceu entre o veludo negro do Teatro Principal para erixirse en poema ao que ademais florecéronlle as palabras e entonces foi luz. Ese puntiño luminoso que Sabino Torres, desencantado e escéptico, comeza a negar, converteuse en esperanza ao saber que as persoas están por enriba dos idearios dos partidos e que a liberdade comeza onde remata o desexo dun ministro de mutilar á muller.
María Biempica levantou a man como muller, non como partido, nunha votación que nunca debeu ter lugar pero é que a política do Goberno cada vez máis nos obriga ao posicionamento público. No grupo municipal do PP ao parecer hai máis mulleres, delas pouco sabemos, como do sesenta por cento dos compoñentes dunha oposición que leva como un lastre a incapacidade para visibilizar a súa presenza entre os cidadáns.
Os brazos de todas elas non se ergueron, perdendo a oportunidade de facer poesía, de debuxar no aire a rebeldía e a paixón pola liberdade, como naqueles poemas que berraron na noite feitos libros, co nome dun pirata, si, pero as veces, espadas e palabras son as ferramentas da esperanza para podermos seguir de pé, para pensar que a rebeldía é parte do noso como o foi e o é dos poetas.
Publicado no Diario de Pontevedra 22/02/2014
Imaxe: Homenaxe a Manuel Cuña Novás en 1991. Na imaxe Sabino Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Cuña Novás, Manuel María e Luis Rei. (Rafa)
Ningún comentario:
Publicar un comentario