Xornalismo e asasinatos sempre mesturaron ben. Na literatura ou no cine
non foron poucos os xornalistas que rivalizaron coa mesma policía, ou que
traballaron a carón dela para esclarecer algún crime como cerna do relato.
Elena Gallego deitase nese cómodo colchón para botar a andar a súa
primeira novela allea a un dos fenómenos literarios do noso sistema cultural,
do que ela tamén é protagonista, como autora da serie de libros ‘Dragal’ que
enche as mentes dos nosos xóvenes dende o bendito maxín da literatura. A
autora, xornalista que coñece ben este medio, mergúllase nun Vigo no que a
aparición dunha serie de cadáveres pon patas arriba unha redacción periodística
e o corpo de policía. Esa simbiose entre ambos estamentos é o que permite a
autora poñer un pé, por un lado no periodismo, no que se acadan moi boas
páxinas ao transmitir a vida (por chamarlle así) dentro dun xornal e as relacións
entre os seus integrantes, e o outro na investigación que a xornalista
protagonista realiza a carón da policía.
A ringleira de cadáveres que xurden ao longo da novela, nun Vigo
tan concreto e case lexendario, como foi o dos oitenta co marco ambiental da
Movida, medra ao tempo que xunto a cada un dos corpos aparecen uns bonequiños
que xa forman parte das vidas de moitos que os viron aparecer fai xa corenta
anos acompañandoos como fieis escudeiros de xogos. Aqueles inesquecibles clicks
de Famobil son o fío do que tirar para tentar buscar unha explicación a todos
eses feitos nos que Elena Gallego é quen de implicar ao lector, de enganchalo
nun relato que homenaxea as novelas de xénero negro, pero sobre todo o que fai
é permitir o goce do lector, e iso, non é pouca cousa. Unha intriga na que
tamén hai lugar para o humor, un sonrriso que esvara entre a morte, para evitar
unha excesiva rixidez, e que lle acae moi ben ao conxunto, como descanso entre
os crimes, o que tamén se acada con esas descripcións do mundo xornalístico que
amosa un espazo no que a escritora móvese cunha soltura evidente a medida cun
lee eses fragmentos tan ben resoltos.
Unha novela que leva varias semanas, dende ben pouco da súa saída do
prelo, encabezando as listaxes de vendas de libros na nosa terra e que supón
unha especie de beizón para o sistema literario que con este tipo de novelas
suma adeptos, e dicir, lectores para seguir asomándose ás historias dos nosos
creadores. Elena Gallego segue así a perpetuar ese milagre que xurde de
vencellar literatura e vendas, e o fai cunha obra amable, chea de bondades para
un lector desexoso de atopar na literatura un engaiolante pasatempo que o
afaste da intrascendencia de tantos pasatempos moito máis perigosos que os
mortos agochados nesta ‘Sete Caveiras’.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 4/05/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario