luns, 9 de xuño de 2014

Homérico!




Dende o seu recuncho vital de Mourente ata o Innisfree xa mitolóxico de John Ford, Luis Rei abre de novo a cerna da súa realidade como creador e aínda máis alá, como ser humano. Poucas disciplinas máis intensas ca poesía para entenderse a un mesmo, para abrirse en canal e intentar achegarse a aquilo que nos identifica como eu. Solitario, singular, é ben certo que o creador literario necesita de cando en cando exercer ese acto de expiación íntima, aflorar sensibilidades, rastrexar esas derivas que foron acaendo ao longo dunha vida chea de experiencias e sensacións e que logo quedan nun como crebas sobre a area dunha praia.
Moito diso hai neste poemario de Luis Rei. Cada vez mellor poeta o autor peneira cunha inusitada efervescencia esa bagaxe da vida, e así é como por estes versos non deixan de xurdir fragmentos do naufraxio (ao fin e ao cabo toda vida ten algo de naufraxio) aos que o noso protagonista se aferra como unha Ítaca a que regresar unha e outra vez na procura do alento para continuar fiando a súa traxectoria literaria e persoal, se é que ambas non son unha.
Nesa incorruptible harmonía atopamos o seu Monte Louro, faro existencial que da sombra a moito do escrito por el, pero tamén as illas do tesouro, as leiras e as praias, as ondas e as conversas cos amigos, Beethoven e Zurbarán, as nubes e a patria sentida.... en definitiva, os dons aos que el mesmo prega no poema final, un impoñente belisco para quen o le polo respecto que se ten a todo aquilo que fai mellor as nosas vidas, os refuxios onde un sempre atopa acubillo e paz, acougo e sosego. Sen eles a vida sería moi diferente e este poemario non sería o que é, un percorrido vital por esa dualidade aberta e pechada. Aberta porque o autor nos leva á natureza como experiencia sensorial, dende á Costa da morte ata o xardín que arrodea a súa casa de Mourente: «Unha leira en Mourente e o xardín que arelan as mans que me envolven nas caricias da dita». En calquera desas dimensións a luz, as cores, os ventos ou os aromas xeran o fluir necesario para sentir o latexo da vida; pero tamén pechada, ao facerrnos partícipe das súas ligazóns culturais: Simbad, Jim Hawkins, Rilke, Ramiro Fonte, Torneiro ou Cuña Novás son so algúns dos integrantes desa extensa nómina de influxos aos que un nunca está de todo agradecido polo moito que dan sen esperar nada a cambio.
Mergullarse nestes poemas é ollar en fite a alguén que espreme a vida, que sabe o que hai de bo nela para balizar ante nós un itinerario de experiencias, como se fose un deses faros que o cautivan tanto, luz na natureza, pero tamén na escuridade da que saímos moitas veces grazas a todo ao que o poeta rende tributo. Toda unha oración polos dons.


Publicado no Diario de Pontevedra e Progreso de Lugo 8/06/2014
Fotografía Gonzalo García

Ningún comentario:

Publicar un comentario