Dela fala Manuel Bragado, director da editorial Xerais, como dunha
integrante da xeración da esperanza da nosa literatura. Case nada! Eu non lle
cargaría con esa responsabilidade, simplemente falaría dela como dunha nova
realidade que sente a Literatura como parte súa e como xeito de expresarse
nesta sociedade nosa.
A esperanza, de habela, aínda que cada vez un teña menos motivos para
tela, é o que hoxe temos nas mans, este libro viscoso, fedorento e xoguetón que
Ledicia Costas argallou e que foi recoñecido co Premio Merlín de literatura
infantil. Ao seu remate un abeizoa a decisión do xurado que foi quen de ver nesta ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’
o material preciso para este recoñecemento.
Un neno que quere ser cociñeiro e a presenza dunha cociñeira falecida no
século XIX son os protagonistas deste relato vencellado ao mundo dos defuntos,
a ese alén que tan afastado pode semellar para a literatura infantil pero ao
que Ledicia Costas outorga unha apaixoante identidade que abofé fará as
delicias dos cativos, e tamén dos maiores. Asegúrolles que si. Unha aposta que
pode semellar difícil pero que, á vista do resultado, amosa a afouteza da
autora e a confianza nas súas posibilidades. Todo o relato semella enchoupado
por esa fantástica ambientación victoriana pero tamén cunha pátina do
benquerido universo de Tim Burton, ao que incluso se lle fai un chisco nalgún
instante, que permite que o lector visualice de xeito rápido todo ese mundo
xurdido do maxín de Ledicia Costas, pero tamén brilantemente corporeizado,
nunca mellor dito, polas ilustracións de Víctor Rivas.
Podemos falar doutra das achegas do libro, e para nada pequena ou
desprezable, senón ben ao contrario, como é a importancia da cociña e a súa
inclusión no terreo literario. Esa motivación dos protagonistas pola cociña,
salpícase dunha serie de receitas que abren cada un dos capítulos do libro,
todo un receitario de medo que fai salivar a calquera, aínda que logo esas
receitas se vexan substituídas por outras moito máis ‘complexas’ para o ser
humano, pero non así para os habitantes dese inframundo no que cae Román, o
neno protagonista.
Ese xogo de dous mundos, o da realidade e máis o do alén, xunto con todo
un universo de seres, ímolos a chamar así, que completan ás personalidades dos
protagonistas, artellan un imaxinario abraiante, abofé que merecedor do Premio
Merlín, pero tamén da confianza dos lectores que descubrirán e participarán dun
itinerario insospeitado no que non borrarán o sorriso da faciana, pese algún
xesto de noxo, parte da peaxe que hai que pagar por ir ao mundo dos mortos. Eu
deixolles, que me poño a escribir e escribir... e teño no forno unha larpeirada
que xa me cheira a torrado.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 2/11/2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario