luns, 15 de decembro de 2014

Á pescuda do persoal


«Unha novela que te vai obrigar a seguir lendo ata o final». É a frase que pecha, na contracapa do libro, a breve presentación que se fai da última novela de Francisco Castro. Unha frase típica das novelas de intriga e suspense que sempre semella un chisco pretenciosa, pero que, de cumprirse, suporía todo un éxito para este título.
O certo é que, tras cada liña, tras cada páxina, polas que atravesa a mirada do lector, alo menos deste que lles escribe, esa frase retumba unha e outra vez. O está a facer!, o está a facer!... e segues a pasar páxinas, e ves como Antonio, o protagonista de ‘Tes ata as 10’, fía pistas na procura dun segredo que se abre trala morte do seu pai. Unha lea de pescudas que te atrapan pero das que Francisco Castro tamén saca outro partido, este moito máis intenso e cheo de afoutezas literarias, xa que nese xogo co xénero do thriller agóchase outra pescuda, ésta íntima e persoal, a dun home nun mundo que non lle foi moi amable. Ao verse enchoupado por estes sucesos ábrese para Antonio todo un abano de expiacións de si mesmo e das súas relacións  máis próximas. Namorado por vez primeira, afastado da súa nai e descoñecendo moitas das facianas do seu pai, recén finado, Francisco Castro é quen de artellar un muestrario da complexidade das relacións humanas que moitas veces, as máis delas, precisan dun detonante que faga que nos enfrontemos a elas e a aquilo que nos intimida.
Na contorna desas situacións móvese o outro relato, o dunha investigación sorprendente por como se produce e polos fíos dos que ten que tirar o protagonista para que progrese o relato. Este outro camiño cóntase de xeito engaiolante, atrapándote polo bo manexo que se fai dos recursos que permite este xénero e que se enchen de chiscadelas literarias que amosan o amor que o propio autor ten por libros que agromaron en moitos de nós a semente da lectura. E todo iso sen despegarse dun momento moi concreto da nosa historia á que ven moi ben mirar aínda que sexa envolvéndose cun baño de chocolate. A falla na liberdade de expresión no franquismo ou as condutas soterradas de moita xente compoñen parte do crebacabezas que nesta novela ten a Vigo como a paisaxe física na que se moven os personaxes na procura de solucionar un misterio que dará pé a outras solucións, persoais e cheas de medos, pero moi necesarias para que o protagonista sinta que a vida se lle pega á pel para conformar a súa propia vida.
Rematamos o libro e volvemos a atoparnos esa contracapa e alí unha frase que nos desafiaba ao principio da lectura pero que agora convértese nunha beizón. Unha obriga pola lectura, polo entretemento, pero tamén por descubrirnos a nós mesmos e as zonas escuras das nosas vidas.




Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 14/12/2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario