Prende Pontevedra as súas luces de Nadal ao tempo que na beira do río, a carón dun Lérez calmo no que reflectirnos, acéndense outras luces, tamén de esperanza dentro dunha realidade demasiadas veces escura. Luces de vagalumes que nesa orela voan xuntos, bulideiros e con gañas de traballar, formando un enxame chamado Culturgal. Coma pequenos insectos cada unha das diferentes achegas culturais que nel participan amosan o seu quefacer para que todos sexamos conscientes da importancia dun eixo cultural capital, xa non só como unha dínamo económica, que a moitos tamén se lles escapa, senón como alicerce do que somos como pobo, e que nos pode reflectir mellor que calquera outra faciana da sociedade.
Nesa paisaxe chea de aloumiños que é como traballa a xente da cultura acotío, dende o desexo, engadido ao seu labor, de agradar ao público, ábrese un bosque tan sorprendente coma máxico. Alí os vagalumes escintilan entre follas de libros, pero non uns libros comúns senón libros convertidos en obras de arte. Un rosear que enche a sala de exposicións do Pazo da Cultura de inspiracións e afoutadas achegas artísticas, co libro como raíz, pero co maxín dos artistas como xardín, no que un pode perderse durante un bo rato. Un bosque case irreal que non poden perder, ademáis ten máis ingredientes de conto, xa que só vai durar en pé tres días, o domingo á noite rematará o feitizo e todo voltará a ser coma antes. Os libros pecharánse e voltarán aos seus andeis, esas páxinas cheas de debuxos e de suspiros creativos agocharanse baixo as súas cubertas como se nada pasara, como se todo fose un soño, pero nada máis lonxe diso. Qué marabillosa exposición! Qué fermoso xogo creativo!, qué inabarcables son os libros! e qué bos creadores temos nesta terra! Paula Cabaleiro e Antón Sobral, como comisarios, ou mellor dito como trasgos dese bosque, alicerzaron unha natureza de conto para todos nós, que repito, non deberían perder. Coidadores de moitos destes bosques creativos desta volta ambos superánrose e fixeron dunha boa idea unha idea absolutamente máxica e engaiolante que, por un lado, desterra as sombras que tantas veces arrodean a felicidade que conleva a cultura. É a parte escura de toda lenda. Seres embozados con capa e sombreiro que poñen atrancos ao desenvolvemento dos bosques da ledicia cos seus impostos abusivos, eivas á lingua, marxinacións, desafeccións... na construción dun relato que ao fin e ao cabo vai contra nós mesmos.
E por outra banda representa ao libro como obra de arte, pero non dende a escrita, senón da compoñente matérica que emerxe do seu interior coma un volcán en erupción. A arte e o artista nacen para romper xéneros, para dinamitar límites e compoñer novas formas de expresión. Facelo dende un libro é mergullarse en todo o potencial que se agocha tras o seu significado para significarse como unha obra de arte total. As 50 intervencións, que se di ben pronto, agromaron nas paredes do pazo como unha hedra que se impón a calquera espazo ermo. A cultura liberada de tapas ou cubertas busca o seu espazo en liberdade, alonxada de limitacións perniciosas, nese campo expandido, ao modo da escultura que enunciara Rosalind Krauss, aínda que aquí esa escultura faise co material máis resistente do mundo, o papel, nese mesmo no que século tras século, ano tras ano, mes tras mes ou día tras día imprímense os relatos que nos deron forma a nós mesmos. Agora os textos parecen voar, como eses vagalumes cos acompañan no resto do Culturgal, a arte plástica confúndese coas lumieiras que están a uns poucos metros deles. Os brillos dunha cultura que segue á procura dunha maior visibilidade, dunha maior conexión cun público que, abofé encherá o Culturgal nestes tres días inesquecibles para a cultura galega e para Pontevedra (perdoen a redundancia) e, desta volta, baixo a presidencia dun seareiro da cultura como é Manuel Bragado, inmellorable mantedor deste ecosistema.
‘Faganponting’ na fin de semana, atravesen o río, sigan o axouxere do bulir dos vagalumes, sintan o que é respirar libros, ideas, proxectos, ilusións, cinemas, músicas, títeres, teatros, imaxes, e agora tamén obras de arte. Percorran ese bosque e logo pensen que todo o que se atoparon alí dentro é o maior dos nosos sustentos, aquel que nunca nos deixará tirados e do que mellor alimento podemos sacar para seguir medrando. Porque ao fin e ao cabo diso é do que se trata, de medrar, de enchouparse naquelo que sexa un fertilizante que nos faga un chisquiño mellores. Achéguense ao Culturgal, vivan a Culturponte.
Publicado no Diario de Pontevedra 6/12/2014
Fotografía: Exposición 'Do xesto ao papel' (David Freire)
Ningún comentario:
Publicar un comentario