É un dos grandes fitos deste Día das
Letras Galegas. O da recuperación de textos esquecidos, de narracións que o
tempo e o non prestarlles a atención precisa fixo que foran caendo no esquecemento.
Hai moito disto na obra de Filgueira Valverde, un facedor egrexio da cultura
galega dende os máis diversos dos seus recunchos. O seu labor como xestor
cultural, dende o Museo de Pontevedra ata a primeira Consellería de Cultura de
Galicia, fixo que a súa produción literaria se vise asoballada pola propia
praxe física e intelectual dese quefacer institucional. Pero a carón del Xosé
Filgueira Valverde pode presumir e vindicar tamén a súa obra narrativa, tamén
heteroxéna como todo nel, pero con fitos salientables como ‘Os nenos’, ‘6
canciones do mar’, ‘O Vigairo’, ‘A monxa frade’, ‘Agromar’, ‘Auto de Santa
María’ ou os nove tomos dos ‘Adral’ son proba de como a súa obra literaria
tamén é merecente de agasallo nun día como este.
A editorial Galaxia leva traballando
dende a designación de Xosé Filgueira Valverde como protagonista no Día das
Letras Galegas na abeizoada recuperación deses textos aos que non é sinxelo
achegarse. Trala edición de ‘Quintana Viva’ agora chegan arredor deste día tres
obras singulares. A primeira, a que nos ocupa; e as dúas seguintes os dous
primeiros volúmenes desta xesta do coñecemento chamada ‘Adral’.
Baixo a fermosa capa que acolle unha
obra de Ovidio Murguía neste libro recóllense catro composicións ben diferentes
entre si, o que ven a reflectir esa característica que pode extenderse a moitos
dos quefaceres na vida do ‘vello profesor’, como o foi esa heteroxeneidade do
saber e do coñecemento. O home ao que nada lle era alleo, tampouco na escrita,
traballa dende a poesía, o teatro, ou a narrativa. Tres xéneros aquí
acubillados e que presentan a un Xosé Filgueira Valverde que entende o galego
como unha parte irrenunciable do ser humano. Un galego do que nos anos trinta
defendeu de xeito intenso a liberdade das nais galegas para falarlle aos seus
fillos no seu idioma, un dereito que no ámbito educativo levou ata as Cortes
Franquistas para pronunciar alí as primeiras verbas nesa língua.
Forman o libro, ‘O vigairo’, un relato
sobre a historia do mar de Pontevedra, daquela Moureira que deu a volta ao
mundo para facer de Pontevedra o epicentro de Galicia coroada coa Basílica do
Gremio de Mareantes. ‘A monxa-frade’, un curioso relato cheo de humor, e dúas
obras de teatro: ‘Agromar’, unha auténtica xoia plantexada dende a mirada
infantil, e as liortas entre rapaces da aldea e o rapaces da vila, porque eles
os nenos, están «máis achegados á fonte da vida, senten máis fonda a chamada do
ben e a magoa da falsía», comenta o propio Filgueira Valverde nun prólogo cheo
de gabanzas. E a derradeira peza, tamén de teatro, ‘Auto de Santa María’, unha
obra de teatro litúrxico medieval arredor da Asunción da Virxe María.
Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 17/05/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario