martes, 23 de xuño de 2015

Fotografar o silencio

Rue Saint-Antoine nº170
Fotografía. Ex alumnas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Marta Cerviño e Maya Kapouski, baixo o comisariado da actual decana da Facultade, Silvia García, desandan os seus pasos para deixar constancia do seu traballo. Do compromiso cuns estudos que as levaron a facer da arte un xeito de expresión e unha aposta de vida.


Pasan uns poucos minutos das doce da mañá. A Sala X da Facultade de Belas Artes está baleira, nin visitantes, nin sons, só un silencio que semella materializarse a través da luz do mediodía que entra pola fiestra. Esa luz o inunda todo, e converte as fotografías que colgan das paredes da sala en todo un espectáculo, o complemento axeitado para que esas imaxes retomen a forza que unha vez que te atopas fronte a elas eres quen de descubrir. Si, porque aínda que non o crean, o silencio pódese retratar, acádao a música dun xeito máis evidente, pero tamén a fotografía, cun discurso conceptual tras ela, tamén o pode chegar a facer. E aquí a proba.
‘Retratos e silencio. (Case branco)’ é o título que Marta Cerviño e Maya Kapouski escolleron para amosarnos o seu traballo. Unha aposta dende a fotografía para capturar un silencio que semella pousado en numeroso obxectos, rincóns, ou espazos da nosa vida. Ese silencio semella saír fóra das fotografías destas dúas artistas, para desenvolverse pola sala, para converterse en atmosfera que enche co maxín da arte esa Sala X convertendoa nun lugar singular. Dúas apostas diferentes pero que coinciden nunha complementariedade que vai do xogo interior ao exterior, do plano corto ao plano longo ou da observación á participación
Suspendido, a súa presenza determina gran parte do que aquí vemos, un tempo entendido como testemuña do vivido, pero tamén como notario ante a nosa presenza. Cada unha das pezas de Marta Cerviño debería ser analizada con precisión case que quirúrxica. Cada fotografía, ollada detidamente, é unha barbaridade de boa, unha condensación de sensacións e percepcións nunha pequena mirada que fuxe do fugaz, do transitorio, para converterse en eternidade. Abofé que o derradeiro motivo para a súa publicación é o de trasladar ao espectador ese senso de atemporalidade do cotiá, o cincelar unha mirada adoitadamente fría e afastada do que vemos cada día na nosa contorna máis inmediata.


Esas miradas son pequenas. Nelas reflíctense fragmentos, cáptanse detalles, tómanse recunchos elevados á categoría de escenario... e todo iso convértense na recuperación de todo aquilo que forma parte das nosas vidas e co que moitas veces non somos moi xenerosos por ese contacto cotiá. Cortinas, sillóns, camas... son como pequenos latexos nos nosos fogares, elementos que en moitos casos nin nós mesmos chegamos a mercar, senón que foron outros, os que viviron nesas casas antes ca nós, os que se decantaron por eles e entenderon que merecían formar parte desta nova vida na que a realidade marca o seu devir e na que os que vivimos hoxe nos tocar desenvolver a nosa vida.
E xunto a esas miradas Marta Cerviño propónnos outras, estas fan do tempo unha pegada na propia peza. A súa serie flores murchas está chea de fermosura e explica iso tan fascinante que xurde cando algo deixa de ser fermoso pero no que sempre hai un instante de beleza final. É a derradeira beleza antes do fin, o remate a unha espléndida realidade que se ve abocada ao fracaso. Unha agonía rexistrada de maneira maxistral e que pelexa con esa luz que entra pola fiestra coma unha loita entre a vida e a morte, entre o pasado e o presente, un enfrontamento co destino e a realidade.
Deses interiores pasamos aos exteriores de Maya Kapouski. Neles ábrese o foco e saímos ás rúas, atopamos tamén a complicidade do grupo, a pandilla como representación dunha xeración que se ubica nos seus escearios habituais converténdoos, dese xeito, en xeografías cunha carga para nada afastada de intimidade. Unha estética en moitos casos propia da publicidade ou do cine, evocacións dunhas representacións que definen un tempo, ou mellor dito unha temporalidade, é dicir, un fragmento de vida, unha fuxida das etapas da experiencia, deses tránsitos que constrúen a nosa personalidade e que se van queimando a lume lento, aínda que o tempo os poña diante de nós coma un lóstrego. A arte tamén ten esa capacidade, e dentro dela a fotografía, como poucas ramas válenos como dietario de todas esas experiencias. Aínda que ese plano se abre, que nos afastamos dos interiores reflectidos por Marta Cerviño, nas pezas de Maya Kapouski tamén hai moito de intimidade cunhas esceas que xurden desas vivencias e polo tanto moi achegadas á experiencia.


Miradas interiores e exteriores. Reflexións arredor do que temos preto de nós a cargo de dúas mulleres que estudaron na Facultade pontevedresa e que a ela voltan xa como artistas, como definidoras dunha linguaxe e dun argumentario que exemplifica o bo facer deste centro de estudos que non deixa de alimentar á sociedade cunha chea de creadores cada vez máis preparados para reflexionar sobre ela, para representala e para levar ao público o reto de enfrontarse con todo ese universo plástico. Aínda teñen ata o 3 de xullo para visitar esta mostra, para descubrir a dúas mulleres confiadas do que fan, sabedoras tamén de que esta é só unha parada máis nun dificil camiñar, pero do que estamos seguros é de que dende a súa capacidade de mirar e reflectir o que ven nunha fotografía todo será moito máis sinxelo. Máis dificil é fotografar o silencio.





Publicado en Diario de Pontevedra 21/06/2015
Fotografías de Tania Moreira

Ningún comentario:

Publicar un comentario