domingo, 21 de xuño de 2015

Tempo de vida e arte

«O mercado ignora que o que importa da arte é a súa vida subterránea, o que acontece cando unha persoa vese afectada polo que viu, escoitou ou leu. Iso é, precisamente, o que non se pode cuantificar» (John Berger)


Se nos bota enriba o verán coas súas longas xornadas, as súas horas de luz e a invitación a saír á rúa. E Pontevedra se algo é, é rúa. «Érase unha cidade a unha rúa pegada/ érase unha rúa superlativa,/érase unha rúa saión e escriba/érase un peixe espada moi barbado», podería ter escrito o gran Quevedo se unha máquina do tempo o trouxese aos nosos días a carón do Lérez.
Tempo e rúa que se xuntan para facer aínda mellor do que é a esta cidade. E a esas coordenadas durante estes días engádeselle o complemento perfecto, a arte, con varias exposicións cheas de calidade en diferentes espazos de Pontevedra que invitan a percorrelos e a descubrir o ben que lle senta a esta cidade as miradas dos artistas. Plantexar un itinerario axeitado debe quedar nas mans do visitante, que debe xuntar o pracer do camiñar, de metrominutear polas nosas rúas e logo decidir onde repousar ollando o que fan todos eses creadores. Pontevedra recuperou moitos novos espazos para a creatividade que sumar aos que xa levan tempo compoñendo as súas programacións, iniciativas privadas e arriscadas por parte dos seus donos que confían no que aquí se fai e se pode chegar a facer. Polo tanto, o que aquí se amosa é só unha parte dese todo, unha parte, iso si, chea de talento e magnetismo cara o espectador, e de feito nestes momentos coinciden na nosa cidade un conxunto de extraordinarias exposicións. Diferentes nas súas formulacións, variadas nas temáticas e nos seus integrantes, pero iso é a súa gran riqueza.
Unha semana é o tempo que queda para que se acheguen á Fundación RAC, a nosa Sixtina da arte contemporánea, e un dos lugares en Galicia onde a arte de hoxe ten un mellor refuxio. Alí unha espectacular mostra de Marcos Covelo vailles facer pensar, e a desentrañar moito dos procesos comunicativos de hoxe, as interferencias que neles se producen, as máis das veces ocultando o realmente importante, aquilo que a moitos non lles gusta exhibir, aínda que sexa o realmente importante. O adagio dylaniano de que «as respostas están no aire», aquí ademáis de darlle título a mostra, revélase como toda unha posta en cuestión do tanxible ou non desas respostas. Ben cerca dese espazo, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, a exposición de Pedro Solveira recolle setenta anos de carreira e o fai moi ben. Unha exposición de calidade e cantidade para achegarse á obra dun dos nosos creadores máis importantes. Un creador experimentado que ten complemento nos doce artistas que no Café Moderno Afundación forman parte do que poderíamos chamar a xeración dos cincuenta en Pontevedra e que a través de só dúas obras tentan resumir iso tan imposible de antemán que é o reflectir toda unha vida adicada a arte. ‘Unha mirada, dous tempos’.
Yolanda Dorda é un descubrimento, unha muller que nos trae a súa pintura chea de afouteza e decisión á Sala de Exposicións da Delegación da Xunta de Galicia, un impacto que nos lles vai a deixar indiferentes. Descúbrana tamén. E neste percorrido non podemos obviar o noso gran viveiro de artistas, a Facultade de Belas Artes que, na súa Sala X, amósanos a obra de dúas ex alumnas, Marta Cerviño e Maya Kapouski que dende a fotografía xeneran un espazo cautivador a través diso tan difícil como é fotografar o silencio.
Quédannos as dúas últimas, as máis recentes na súa inauguración ao longo desta semana, e tamén ambas, protagonizadas por xente nova. María Ledo na galería About-Art, fai da pintura un territorio de valentía ao non ter medo a pintar ao ser humano, tantas veces esvaído en propostas máis abstractas que parecen ser as que dictaminan os mercados artísticos. Os seus rostros, que nos miran directamente, son un desafío para que nos acheguemos a unha revalorización da pintura. E rematamos no Pazo da Cultura, cunha cita xa tradicional dos nosos veráns, ‘Do  final e do comezo’, na que se amosan os traballos que son quen de facer os recén graduados en Belas Artes.
Como ven hai onde escoller, agora é o seu tempo, o de visitar estas exposicións e o de facer da rúa un territorio de vida. E déixolles unha suxerencia, ou unha idea, boa e gratis, a da apertura destes espazos en horarios non tanto de oficina como de ocio. Noites de arte e lecer. Anímense!


Publicado no Diario de Pontevedra 20/06/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario