Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Ata o 27 de setembro o Museo MARCO de Vigo abre a totalidade da súa planta baixa para que nos mergullemos no ollar dun dos nosos artistas máis sobranceiros: Luis Seoane. Un creador total, un deses homes que por si mesmos son capaces de artellar a cultura de todo un país dende diferentes vieiros, aquí analizados.
Pintura. Ata o 27 de setembro o Museo MARCO de Vigo abre a totalidade da súa planta baixa para que nos mergullemos no ollar dun dos nosos artistas máis sobranceiros: Luis Seoane. Un creador total, un deses homes que por si mesmos son capaces de artellar a cultura de todo un país dende diferentes vieiros, aquí analizados.
Toda exposición debe deixar despois da
súa visita unha serie de conclusións, isto é, que o visitante, cando volte para
a súa casa, ou cando lle adique uns segundos a reflexionar sobre o vivido neses
intres, da súa cabeza xurda todo un ideario ao que asirse para entender o
visto. Ese é o gran éxito dunha exposición, o da súa prolongación máis aló do
que só é un recinto físico, pero para iso a mostra debe ofrecer diferentes
situacións. Por un lado que haxa un proxecto sólido a explicar; segundo, que a
súa exposición ao público se faga de maneira axeitada; e terceiro, que xurda
unha empatía entre visitante e mensaxe. Cando todo isto se concreta, cando todo
isto encaixa como a engranaxe dun reloxo, é cando podemos comprobar a
importancia da cultura e a súa necesidade, e máis concretamente da arte, da
arte plástica como un medio de análise e explicación dunha sociedade e o seu
devir histórico. Todo iso dase nesta mostra adicada a Luis Seoane no MARCO de
Vigo. Unha exposición de tese para revisitar a unha das figuras totémicas da
nosa cultura. Un ser deses proteicos que engrandecen todo o que o rodea e que
son incapaces de someterse a unha soa disciplina, agromando coma unha
torrenteira toda unha semente que no caso de Luis Seoane foi da pintura ao
deseño, a escultura, a publicidade, a edición ou a ilustración na
construción dunha obra, pero tamén da identidade dun país dende o terreo da
plástica, alicerzado dende as dúas orelas atlánticas.
‘Retrato de esguello’, é o inxenioso título
que acolle a exposición que, dende o MARCO e a Fundación Luis Seoane,
comisariada polo que é director desta última, David Barro, procura retratar a
esta figura, pero máis que a el mesmo, busca compoñer o retrato do que el mesmo
pretendía retratar, unha composición caleidoscópica de quen tivo tantos puntos
de vista, tantos xeitos de mirar as cousas. «Unha cabeza nunca é unha», é o
título dunha das catro pezas que, coma esfinxes interrógannos antes de acceder
aos diferentes espazos da exposición. Fronte a elas temos que preguntarnos cómo
é a nosa mirada sobre as cousas, se a realidade é a que recollen as nosas
retinas ou se é outra diferente. O artista, coa súa capacidade demiúrxica, é
quen de percibir que as cousas non sempre son como as vemos, que hai aristas ás
que a nosa precipitación á hora de mirar ou o adocenamento visual e mental ao
que esta sociedade nos somente non é quen de calibrar dende esa diversidade. É
por iso que estes catro retratos miran de esguello, que segundo o diccionario
quere dicir, «mirar en oblicuo», ampliando o noso ángulo de visión ou
percibindo as cousas doutra manera. Unha vez superados eses retratos
mergullámonos nos diferentes territorios que acollen esas miradas en oblicuo, esas
miradas que perciben unha realidade feita en Galicia e para Galicia. É o pulso
dunha terra a través das súas xentes, das súas escenas, da súa fauna, dos seus
ceos e árbores, pero tamén dunha interpretación intelectualizada de todo iso
para achegarse a unha linguaxe renovadora e chea de modernidade, algo que tanto
precisa sempre calquer discurso artístico e máis un que pretenda artellar a
singularidade cultural dun país.
Percorrer os seis espazos inxeniados de
maneira brillante polo comisario da exposición é cruzar seis territorios dese
universo que conformou Luis Seoane coa súa obra e a súa vida, ao fin e ao cabo
dúas coordenadas que, como a liña e a cor nas súas pezas, non deixan de
cruzarse para artellar unha dimensión creativa propia.
Xilografías, polbos, bestiarios,
estudos para murais, o mundo do circo, bodegóns, retratos, o deseño, a Torre de
Hércules convertida na nosa picassiana Suite Vollard, tapices... todo iso
baliza un camiño de percepción da realidade que desemboca nas súas pinturas dos
anos sesenta e setenta, toda unha eclosión de forza que abraia pola
determinación coa que se resolven paisaxes, retratos e mesmo a publicidade.
Unha síntese expresiva que fai da policromía modernidade. Unha descomposición
fragmentaria das cores,
figuras concebidas coma paisaxes e unha percepción do territorio pictórico
entendido como a trasposición do minifundismo galego ao lenzo. Unha
xeometrización pensada para roturar unha nova pintura ante a que un non deixa
de sinalar encontros con xenios nos que a pintura e o deseño revolucionaron
mundos tan alleos a eles como o de Hollywood. Pensen uns instantes nos deseños
para os créditos das películas ou os carteis de cine de Saul Bass e verán como
ambas propostas non están tan afastadas entre si. Mentes visionarias que
plantexaron, nunha cronoloxía similar, un xeito de representar artísticamente
un motivo para visibilizar novos tempos e novas sensibilidades.
Dende ese ámbito da sorpresa chegamos a
augada, manchas en liberdade capaces de xerar paisaxes que nos farán saltar ao
outro lado do Atlántico para percorrer esa outra patria súa, a Arxentina,
cunhas paisaxes que trazan unha xeografía na que Luis Seoane respirou aires
galegos. Alí, naquela terra que o acolleu, fixo máis forte un amor por Galicia
que á súa volta estourou coma un volcán para converterse hoxe nunha lingua de
lava que non deixa de moverse para fixar o seu territorio, e como non, para
marabillarnos.
Publicado no Diario de Pontevedra 13/07/2014. Imáxenes: MARCO
Ningún comentario:
Publicar un comentario