A Recuperación de Arissa
A Fundación Telefónica desenvolve nos
últimos tempos unha plausíbel tarefa de recuperación da obra de grandes
fotógrafos que recollen parte da nosa memoria. Un deles, o catalán Antoni
Arissa, chega ao CGAC como evidencia do que supón ese esquecemento
'En la feria' (1930). Colección Fundación Telefónica |
O SEU nome é Antoni Arissa. Abofé que
un descoñecido da fotografía, sobre todo para o público en xeral, e ao que
agora o Centro Galego de Arte Contemporánea en Compostela recupera grazas ao
labor feito pola Fundación Telefónica. Un labor de posta en valor, de
resurrección dunha obra esquecida e ata abandoada. De feito gran parte destes
materiais atopáronse de xeito casual nun mercado, e a fortuna, e o bo ollo dun
comprador rescatounos do esquecemento. A Fundación Teléfonica leva moitos anos
traballando na recuperación de fotógrafos cuxa obra quedou esquecida e
maltratada polo tempo, a falla de sensibilidade e a ignorancia, todas elas a
partes iguais, sepultaron a moitos nomes que desenvolveron unha máis que
meritoria tarefa. A destrucción de arquivos ao longo da Guerra Civil e o
perecedero dos materiais precisos para a fotografía acabaron de compoñer esa
faciana de perda e esquecemento.
Con Antoni Arissa o CGAC arrinca a nova
etapa baixo a dirección de Santiago Olmo, obrigado a compoñer unha axenda que
comece a poñer en marcha a maquinaria que precisa un centro destas condicións.
Facelo cunha exposición destas características, ademais do propio valor formal
e artístico da mostra, que é indubidábel, permite poñer en pé unha das liñas de
actuación que levará a cabo o museo como é o de traballar dende a memoria como
un xeito de coñecemento do pasado, e a súa precisa revisión dende a
actualidade. Unha memoria que repousa nas imaxes de Antoni Arissa como a
radiografía dun tempo e de diferentes xeitos de entendela fotografía. A mostra
artéllase en tres estacións, en tres momentos vitais e temporais que se
explican dende diferentes miradas dende a tradición da fotografía. Un primeiro
momento, entre 1922 e 1928, no que o pictorialismo define a imaxe dende a
mirada á paisaxe e o encadre da realidade como unha pintura. A luz, a natureza,
o mundo rural, as figuras na paisaxe protagonizan ese momento que co paso dos
anos iríase acomodando nunha maior modernidade provocada pola vida urbana, a
literatura, o pensamento... Neste segundo momento o fotógrafo achégase aos
ismos da arte da época e a súa mirada enriquécese con puntos de vista novos e
arriscados, lecturas da realidade cotiá, imaxes nas que reflicte a vida dun
tempo novo. Son os primeiros anos trinta e a figura acada unha maior
consideración. É a vida da cidade, das rúas, dos comercios. Tamén dos traballos
no porto e dos interiores das vivendas. Fragmentos dunha vida cotiá revestida
dese realismo social que caracterizou aquel intre.
'Conversación' (1923-1929). Colecc. Teléfonica |
Nun terceiro momento o fotógrafo amosa
unha forte madurez, un discurso artístico pleno, que fala de xeito directo coas
vangardas artísticas. A nova obxectividade, os achádegos da Bauhaus, o mundo do
deseño... impresións que Antoni Arissa coñecía de primeira man xa que
traballaba na imprenta familiar na barcelonesa rúa Caspe dende a que estaba
perfectamente informado do que acontecía na Europa do momento a través de
diferentes publicacións. As fotografías desta derradeira etapa son impactantes
pola contundencia acadada do que pode semellar anecdótico. Obxectos, elementos
publicitarios, lámpadas, tipografías... enchen as súas fotografías dunha mirada
chea de afouteza e afastada de complexos. Artéllanse así pequenos escenarios
case teatrais nos que as luces participan desa exaltación do cotiá e do anonimato.
‘Arissa. La sombra y el fotógrafo’, é
todo un descubrimento. Unha achega a un nome esquecido e agora actualizado que
ademais exhíbese dun xeito moi atractivo, en boa medida pola calidade das
imaxes e da súa reproducción, algo que non ven máis que a incidir nas bondades
como fotógrafo dalguén do que ata hai ben pouco descoñeciamos a súa existencia.
Desafíos na montaña con Javier Vallhonrat
INTERACCIÓNS é a mostra que dende o
pasado xoves pódese ver no CGAC ata o 31 de decembro. Unha exposición
comisariada polo propio director do centro, Santiago Olmo e que chega a
Compostela tras amosarse no Museo da Universidade de Navarra.
52 fotografías, 7 vídeos e unha
vídeoinstalación cos que o seu creador, Javier Vallhonrat, desenvolve un
proxecto artístico mergullado na natureza e o seu achegamento a unha montaña
como gran totem da experiencia co medio.
Esa experiencia reflictirase dende
cinco bloques temáticos que expoñen nocións coma as do itinerario, a
desorientación, as catástrofes, o refuxio e a metereoloxía. Cinco puntos de
paso que miden a relación, dende a fascinación á incerteza, que plantexa o
achegarse a un medio natural agreste.
Esta experiencia xorde a raíz dun
proxecto anterior no que Javier Vallhonrat participou, ‘Tender pontes’, no que
lle chamaron a atención dúas fotografías realizadas en 1853 por Joseph Vigier
do macizo da Maladeta, no Pirineo oscense. Ese é o punto de partida para, dende
unha imaxe primixenia, e case inaugural do xénero documental e da propia
fotografía, estruturar unha aposta artística que vencella ao home coa contorna
natural. Un desafío permanente dende o que o artista reflexiona sobre esa
tensión entre a inmensidade, o inabarcable, e a necesidade de control do medio
polo ser humano, aínda que todo o que acontece sirva para definir outra
variable como é a nosa vulnerabilidade. Algo que se podería extrapolar a
circunstancias da vida lonxe da natureza ou en estados de acoso como os que nos
plantexou e plantexa aínda a nosa sociedade.
Soedade, silencio, frío... toda unha
poética capaz de xenerar numerosas lecturas no espectador, nese camiñante na
natureza.
Publicado no suplemento 'Táboa Redonda'. Diario de Pontevedra y El Progreso. 1/11/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario