E agora que?
Nunca nos vimos noutra igual. Hai que
pactar. O que semella unha ignominia na boca dalgúns políticos é simplemente o
que é, facer política. Con catro partidos amplamente representativos do
electorado non queda outra que conversar e chegar a acordos. Rematou aquilo das
matemáticas de gardería e agora veremos, de verdade, de que pasta están feitos
os nosos políticos.
Resulta moi tenro escoitar, ao raiar a
alba deste novo tempo, ao PP lanzar
recadiños ao PSOE, ao que tratou
como un despoxo ao longo da campaña, facéndolle as beiras ante un posible apoio
ao seu candidato. Tamén emociona o permanente recurso de que ten que gobernar a
lista máis votada e porqué? pregúntome eu. Non estamos nunha democracia
parlamentaria na que ao presidente do Goberno o elixen os representantes do
pobo no Parlamento? Ah! que non sabían o que era unha democracia parlamentaria?
Pois aquí van a comezar a sabelo, e a sabelo de verdade, tras días e meses de
infundir o medo ante o goberno dun conxunto de partidos, como se fose unha
maldición biblica que arrasa as terras, cando iso é, simplemente, unha
coalición.
Publicado no Diario de Pontevedra 22/12/2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario