sábado, 26 de decembro de 2015

O mal do horizonte

Qué significa o peche dunha libraría? O baleiro avanza, e pola súa natureza, ninguén se decata dese imperio até verse no baleiro. O desaloxo das almas, o abaratamento do maxín, a perda de osíxeno
(‘O último día de Terranova’. Manuel Rivas)



Xeografías para a esperanza. Ecosistemas en perigo de extinción. Horizontes dende os que albiscar o que en realidade somos, ou o que queda a estas alturas de nós. As librarías eríxense, nestes días de incertezas ante o que sone a cultura, ante a inmensidade estremecedora dun balbordo estéril, coma un acubillo no que durante uns minutos afastarse dun exterior salvaxe e desafiuzador para todos nós. Máis aló dun negocio unha libraría é un refuxio para a alma, o acougo preciso para facer o macuto, para encher de libros, reflexións ou ideas a nosa equipaxe e poder seguir en pé coa maior dignidade posíbel, ao fin e ao cabo, o único realmente importante.
De librarías, e máis concretamente dunha, pero que pode ser calquera libraría en calquera cidade ou pobo, fala Manuel Rivas na súa última novela, ‘O último día de Terranova’, unha novela que é poñer o compás onde tan necesario é, no punto exacto dende o que enfrontarse aos puntos cardinais, a unha situación de emerxencia nacional afastada de fronteiras e bandeiras.
As librarías esmorecen, día a día perdemos uns territorios nos que percorrer escenarios reais e outros irreais, ámbolos dous de importancia máxima coma sustento vital, nutriente na construción do individuo e masa da colectividade. Esa libraría de nome Terranova acolle nos seus andeis todo un imaxinario no que bulen lendas, historias, narracións, palabras, contos, fábulas, acontecementos... e así un devir de ingredientes dende os que falarnos desas capas que nos fan agromar e que constitúen a nosa identidade. Moitas delas inscritas como labirintos no interior dos libros, receptáculos nos que agochar un pasado sen o que non se entendería o presente. As lembranzas vencelladas a esa libraría emerxen como o osíxeno dende o fondo do mar, unha burbulla na que refuxiarnos durante uns minutos ata que estoure para deixarnos de novo á intemperie e, dende esa urxencia, é dende a que entendemos a súa necesidade. A paz interior que achega a nosa presenza nunha libraría nos fala dunha espiritualidade afastada do dogmático e enraizada na palabra, nunha oralidade que emerxe da propia terra para falar coa súa boca: «Na terra escondida/Fálase unha lingua/Que chove cos pés descalzos». O murmurio da terra que nos fala do mal do horizonte, de libros que levedan, do imperio do baleiro... un oráculo ao pé das lapas cuxas sombras proxéctanse en presenzas nesa caverna na representación da nosa verdade.
Os peches das librarías esquilman ese vencello coa terra, fan que chantemos os nosos pés entre as ruínas da memoria, entre os esqueletes da frustración, esnaquizando as floriñas amarelas ao tempo que se levanta o valado da apatía dunha sociedade indolente e sen capacidade de resposta. Mentras pechen as librarías seguiremos a fuxir de nós mesmos, ao medo á enfrontarnos a nosa propia esencia, ao que dende ben antigo tenta outorgarnos sentido coma especie. O labor das librarías durante moitas décadas aínda está por escribirse e, a maiores, por acadar rango de heroicidade, coma os espazos nos que se preservou a palabra, o porto no que atracaron libros e pensamentos, armas de destrución masiva que moitos perseguiron sinalando o lugar co xe da ignominia coa que eles mesmos quedaban tatuados.
Este sarillo literario serve para ir fiando nunha madeixa todos eses fíos que o mundo da escrita é quen de tecer. Pericia e sensibilidade acadan un relato afoutado dun recuncho concreto pero cun senso de universalidade, a trascendencia que a libraría como reduto da cultura tivo durante moito tempo e que agora estase vendo asoballado por unha realidade que despreza moito do que pode ofrecer, distraíndonos hacia territorios improdutivos, monótonos e alienantes, unha deriva á que o autor fai fronte subido a unha pequena barca coas velas enchidas dunha linguaxe poética pero sobre todo íntima, de voz baixa, de sedimento tras sedimento, para ir xerando unha costa dende a que albiscar a liña do horizonte, aínda que este non sexa moi esperanzador. O mal do horizonte lle chaman. «Enfermou de horizontes», lle dicían a Manuel Antonio, e dese mal tamén semella que esta sociedade vai a enfermar. Os síntomas son moi claros, e un deles é o peche das librarías.



Publicado no Diario de Pontevedra 26/12/2015
Fotografía: A libraría 'La poesía' cuxo peche serviu de inspiración a Manuel Rivas. Autor: Cabalar

Ningún comentario:

Publicar un comentario