sábado, 2 de xaneiro de 2016

Unha luzada violeta

«Dende entón, cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda, coa atmosfera baixa. Todos os anos fai o mesmo tempo, e para min sempre é igual de triste, novembro».
[Palabras de Fina Paz, filla do fusilado Ramiro Paz. ‘Do gris ao violeta’]

Arrinca un novo ano, un 2016 no que se cumpren oitenta anos do levantamento militar que deu orixe á Guerra Civil. Oitenta anos nos que aínda quedan moitas cousas que dicir e das que falar. Palabras que poñan luz no esquecemento, na inxustiza e no desacougo sofrido por moitas familias que se viron directamente afectadas por unha miserábel violencia, pero tamén moitas outras ás que o pano negro dun tempo escuro cubriu para abafar día tras día, en silencio, coma unha lousa que suxeitar sobre as costas e da que era moi difícil liberarse.
Abofé que serán moitas as convocatorias, as publicacións ou os traballos que poñan en revisión moito do sucedido naquel ano 1936 e as súas consecuencias posteriores, algo no que Pontevedra xa leva traballando dende fai algún tempo e que no ano pasado agromou nun fértil proxecto chamado ‘Do gris ao violeta’, no que, baseado na recuperación do papel da muller, plantexouse unha exposición na rúa e un catálogo presentado nestes días de Nadal, ademais dunha serie de actos de homenaxe, conferencias e presentacións de libros. Un meritorio labor encardinado dende o facer do concelleiro Luis Bará para tinxir de violeta un tempo de recoñecemento e aplauso que faga mudar o gris no que se viron envoltas moitas daquelas vidas, aínda descoñecidas para moitos de nós.
Non deixa de ser emocionante asomarse a todas aquelas vidas esnaquizadas, aos testemuños da barbarie, ás palabras afoutadas escritas nas cartas dos que sabían que uns intres despois ían a morrer... como tamén o é ver hoxe como esa recuperación pode levar a xente nova a achegarse por vez primeira a algo que lles pode parecer que aconteceu fai séculos, pero do que só pasaron oitenta anos. Oitenta violetas que nunca debemos deixar murchar, por elas e por nós. Unha obriga cívica como sociedade que aínda ten feridas supurantes sen cicatrizar e que só a través deste tipo de achegas poden chegar a pecharse. De novo o silencio mantense dende os nosos gobernos, a incríbel ausencia da sensibilidade precisa, unha obriga dos nosos dirixentes que ven como a Lei de Memoria Histórica, aprobada polo goberno dese home tan, tan, tan malísimo que foi José Luis Rodríguez Zapatero, agora está derogada de feito pola ausencia de asignación económica nos últimos anos. Aquela lei, co seu recoñecemento ás vítimas, faltáballe a posibilidade de exhumar os corpos das fosas comúns, cadaleito de miles de homes e mulleres sepultados pola terra do desprezo e que nos condena como unha sociedade enferma incapaz de mirarnos en fite, cravándonos os ollos en nós mesmos. Esa enfermidade en Pontevedra tentamos paliala con toda esta serie de accións, enchendo un cesto de mazás, se empregamos o abeizoado título doutra das achegas firmes ao longo do pasado ano, á que non podemos deixar de volver a cara arredor da Guerra Civil, como foi o libro ‘Un cesto de mazás’ da xornalista Montse Fajardo. Historias de represión que agochan un sinfín de relatos sobre o medo máis íntimo e a baixeza á que pode chegar o ser humano. Aínda hai moitos cestos que encher coas mazás da dignidade que precisan saír á luz como un acto de xustiza.
No acto de presentación do catálogo ‘Do gris ao violeta’, unha das mulleres esenciais nesta recuperación da memoria, María Xesús López Escudeiro, pronunciou unha desas frases que se che quedan pegadas á pel. Unha tatuaxe á que volves unha e outra vez polo que se condensa no seu interior, e máis se esculcamos un pouco na vida do seu autor, o poeta arxentino, Juan Gelman, cuxo fillo e nora foron asasinados pola ditadura arxentina, atopando á súa neta en México, moitos anos despois daqueles feitos. A frase é a seguinte: «O contrario do olvido non é a memoria, senón a verdade». Unha frase que estoupou entre as paredes laranxas da Casa da Luz, un destelo escintilante tinxido de cor violeta. Trala palabra o silencio, a reflexión, o pensamento, e agora, neste ano que comezamos, oitenta anos despois do principio do pesadelo, o que toca é a verdade, a verdade do que pasou, sabela é unha obriga, e transmitila unha débeda con quen a sofriu. Por iso, cada vez cun rapaz se achega ao panel dunha exposición ou abre un libro para coñecer algunha destas historias as feridas cicatrizan en forma de esperanza.


Publicado no Diario de Pontevedra 02/01/2015. Fotografía. Visita de escolares á exposición 'Do gris ao violeta' (Olga Fernández).


Ningún comentario:

Publicar un comentario