Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura ▶ A Galería About-Art acolle ata o 8 de abril as
novas pezas propostas pola artista Alejandra Sampedro a partir da súa relación
co mar, ou mellor dito, co que o mar devolve ás costas tras engulilo durante
máis ou menos tempo. Un exercicio plástico que navega entre a memoria, a
recuperación, e o reaproveitamento do que deixou de ser.
«Restos de naufraxios ou cargas dos
barcos que o mar arrastra ata a costa». Así define o diccionario da Real
Academia Galega a palabra creba. Na experiencia artística de Alejandra Sampedro
creba podería entenderse como a unidade mínima de significado, a parte máis
pequena dun discurso que converte a arte en toda unha acumulación de
sentimentos recuperados do vaivén das ondas do mar, das escumas axitadas polo
tempo, pero sobre todo, da memoria daquilo do que puideron formar parte cada
dun destes fragmentos.
A escultura de Alejandra Sampedro é
unha escultura fragmentaria, unha sorte de acumulación de restos do naufraxio
reaproveitados e reasimilados como parte dun plantexamento creativo no que leva
traballando dende hai moito tempo. Cada vez máis confiada no que fai, e máis
madura na súa proposta, as súas pezas non deixan de sorprender polos efectos
plásticos acadados dende un material que esta sociedade xa desbotara como parte
do seu proceso. Unha nova mirada ao arte póvera que reaproveitaba aquilo que xa
non lle valía a unha sociedade cada vez máis farta e con pouca atención ao
medio ambiente. Aquelas pezas que xurdiron nos anos sesenta ou setenta berraron
contra un mundo que comezaba a aplicar un capitalismo atroz e unhas maquinarias
de consumo que ben cedo se lle atrancaron na gorxa a moitos artistas que
procuraban unha maior pureza e sinxeleza, ademais de artellar un discurso de
denuncia desa actitude da sociedade. Alejandra Sampedro vai a sublimar esa
proposta coa poetización do que fai, coa escolla meditada duns fragmentos que
si, son refugallos, máis acadan unha beleza propia, así como a poética da
salvación dende o mar que aqueles artistas, moito máis salvaxes, non acadaron,
e abofé que nin pretenderon acadar. Así é como as pezas de Alejandra Sampedro non
nos provocan rexeitamento, senón que xorden como pezas atractivas e ata cheas
de beleza. Superficies que invitan a botar a man, a entrar en contacto co
material, a tentar, como se fosen unha caracola, a escoitar aquilo que nos
teñen que dicir. Cal foi a súa vida anterior? Quen os tivo entre as súas mans?
Como chegaron ata aquí? Unha chea de preguntas que parecen xurdir do interior
destas pezas que as veces ata se volven brincadeiras e xogan a confundirse con
outras obras de arte. A imitar pezas xa consagradas as que elas tentan
semellarse, como se esquecesen que elas veñen do baleiro, do pozo escuro dunha
sociedade cos desbotou.
Pero nesas crebas hai tamén unha punto
de ignición inesperado, como é o da memoria. Aquel que xorde como parte dunha localización
e unha experiencia concreta, como é o entorno do vello faro de cabo Silleiro en
Baiona, no que traballou o avó de Alejandra Sampedro, e a experiencia da
procura desas crebas como alicerce da infancia, do desafío ao tempo de horas
perdidas a carón dun mar ao que Alejandra Sampedro acostumouse a escoitar, pero
sobre todo a tela paciencia para esperar aquilo que o mar indultaba do seu
interior. Restos de cerámicas ou vidros, da nosa contorna, ou traídos polas
correntes que chegan ao sur da nosa provincia traendo elementos das máis
insospeitadas procedencias.
Alejandra Sampedro a través dunha das súas pezas |
O tempo e o mar encargáronse de facer o
primeiro traballo ao deixar a súa pegada en cada un deses fragmentos, a pulir
co cincel das ondas as súas superficies xa casi preparadas para que a artista
lles conceda unha nova vida. Agora toca buscarlles o lugar axeitado, a
composición xunto ás demais crebas, a análise da superficie e a figura a
compoñer. e é entón cando medra unha nova escultura, a aposta dunha muller para
relacionarse co mundo dende un discurso, o escultórico, que ten nela a unhas
das súas máis arriscadas expoñentes na nosa actualidade.
Así é como vai agromando todo un
bestiario de seres abraiantes, cheos dunha forza que abofé provén deses
fragmentos doutras vidas, como se cada anaquiño depositara a súa forza
anterior, casi telúrica, en cada nova creación, en cada novo avance. As súas
figuras van acadando, deste xeito, novas conquistas con diferentes formulacións
a través dunhas poses sorprendentes capaces de xerar un espazo fascinante
polo que ten de triunfo da imaxinación. Un chega a sentirse observado entre
todas elas, como se quixeran formar parte deste mundo ao que as trouxo a súa
creadora. A intelixente distribución das crebas permite abondar neses novos
aspectos dunha escultura que nunca deixa de sorprender.
Con este novo mar de crebas Alejandra
Sampedro continúa a afondar no seu proxecto, nese que lle levou a participar xa
en diferentes exposicións individuais e colectivas dende a súa presentación en
2011 na Mostra Novos Valores da Deputación de Pontevedra. Ela segue a xerar
novas formas, a facer deses anaquiños fragmentos artísticos que buscan ser
parte dunha nova existencia que procura a nosa emoción e bendice o noso
contacto como público.
Cada vez máis coñecida, aqueles que
aínda non viron as súas pezas teñen nesta mostra na Galería About-Art na rúa
Pasantería unha boa oportunidade ata o 8 de abril para deixarse levar por unha
proposta complexa nas súas pretensións, pero que, a vista do feito, sitúanos
ante unha maneira de facer e de entender a arte con infinitas posibilidades e
aínda un longo percorrido. Alejandra Sampedro sábeo e de aí a súa confianza nas
súas posibilidades e nesas pezas xurdidas do fondo do mar, da memoria dos
tempos, da autosuficiencia como sociedade constituíndose como unha achega máis
deste tempo que se reflicte nos seus fragmentos.
Publicado no Diario de Pontevedra 29/02/2016
Fotografías Juanjo Sánchez
Ningún comentario:
Publicar un comentario