Manuel Moldes amosa
a súa obra máis recente tras un tempo afastado dun exterior nada favorábel ao
ser humano. Ese home recupérase agora na súa pintura como un berro ante a
feracidade actual
CATRO
ANOS pechado no taller. Catro anos ante a pintura. Ulindo pintura, sentindo a
pintura, tentando comprender o mundo dende a pintura. Misterio+Luz=Pintura. O
sumatorio dende o que Manuel Moldesexplica o seu labor ten nesta cita,
escrita como unha lumieira nas paredes do seu estudo, esa sensación de saír da
escuridade, de atopar a luz a partir do pincel como vara máxica. Ergue así
Manuel Moldes ese pincel co que balizar o camiño de hoxe, o do berro
na sombra, o da dor dunha situación complexa que levou por diante a moita
xente, o das labazadas que levaron outros. O pintor opta pola resistencia e
así, día a día, mes a mes, pincelada a pincelada, foi artellando todo un
exército que leva por bandeira a dignidade, a capacidade do home por, aínda que
veñan moi mal dadas, resistir como único alento fronte a adversidade.
Nas
paredes da pontevedresa galería About-Art, que chegou ao rescate do pintor,
atopámonos todo ese imaxinario de labazadas, berros e guerreiros, o froito dun
tempo afastado do círculo expositivo, tan importante para un pintor, pero para
el esa situación non era necesaria, a forza viña polo que acontecía fora e que
precisaba do aillamento do taller para reinterpretalo, para a experimentación,
para a análise, en definitiva, para o compromiso. Manuel Moldes ten
ese compromiso como rede dende a que suxeitar as súas pezas, obras nas que nos
últimos tempos a figuración ausentábase. Foron momentos nos que Moldes apostou
pola abstracción, pola conquista doutros territorios, pero sempre no recordo
mantéñense afoutas esas personaxes no sillón do seu estudo, as figuras
totémicas de Galicia, mulleres, árbores, cuncas de viño, cinceis, ríos...e ao
fondo, Pontevedra. A Pontevedra na que se resume a globalidade. O local como
emblema do universal.
Retorna
así á figuración humana a pintura de Manuel Moldes, que é como acudir ao
rescate do que quedou varado na praia da desilusión deste tempo cruel que nos
aturde ata o punto de desorientarnos. Dende esa figura o pintor pode plantexar
o seu berro rebelde ante o mundo máis aló do taller, deste ‘Gabinete do
pintor’, tal e como se chama a exposición, no que dubidar permanentemente do
que un fai, plantexando novos vierios de expresión. Así é como Manuel Moldes non
deixa de traballar con novos pigmentos, con materiais e texturas que se
densifican, con reflexos e brillos que alentan a sensorialidade do feito
pictórico. Todo iso inxerido na gran circunferencia da vida, un xirar
permanente polo que nos movemos e cuxa figura xeométrica está presente en
tódalas pezas. En ocasións círculos concéntricos que un debe superar como os
aneis do inferno do poeta, como o camiñar por un territorio tantas veces alleo
a nós mesmos e que aparece identificado tamén cunha simboloxía xeométrica que
posiciona a figura no espazo.
Abrir
a porta do taller é como soltar a unhas feras que levaban tempo agardando a ese
intre, a oportunidade de trabar aos que lles obrigaron a existir nese proceso
case de redención do propio artista. Estas son algunhas das conclusións que
achou Manuel Moldes para enfrontarse á pintura, pero tamén a unha
sociedade á que nunca renuncia este home cando se trata de crear. Cando, como
xa fixera naqueles anos oitenta do Atlantismo, se comprometera co home para
centralo na súa pintura, para rodealo con toda unha escenografía que estaba ao
seu servizo, cando agora, todo semella que somos nós os que estamos ao servizo
do que nos rodea.
Ese
vencello coa contorna retómao agora Manuel Moldes, quizais como a
derradeira porta aberta á esperanza, nun tentar reconquistar terreos xa ermos
que moitos se encargaron de esnaquizar. O silencio compuxo estas pinturas para
agora ser balbordo. Un balbordo dende a creatividade inagotábel de ManuelMoldes,
un home que fixo do seu gabinete un bunker no que de novo triunfou a pintura.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 8/05/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario