O
CGAC acolle ata o 26 de xuño unha desas exposicións precisas para entender a
nosa realidade artística, xurdida do paradigma da creación da Facultade de
Belas Artes de Pontevedra e a achega do Atlantismo.
'A aldea pantasma' (2011) de Jorge Barbi. CGAC |
PERMITE
O tempo pasado dende a implantación da Facultade de Belas Artes en Pontevedra
facer certas lecturas necesarias sobre o seu papel dinamizador da arte en
Galicia. Forxa de creadores, con máis ou menos ventura nun territorio sempre
complexo, e asoballado por unha sociedade acostumada a marxinar todo o que
supoña actividade artística, e non digamos xa, se ese arte ten que ver co hoxe
e as percepcións dos creadores máis actuais.
Os
comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, veñen dende
hai un tempo desenvolvendo ese traballo de relectura do feito dende aquel ano
de 1990, pero o fan, non tanto dende o contacto cos que foron alumnos, e son
hoxe artistas, senón que basean a súa digresión no quefacer dos profesores,
normalmente creadores que se debaten entre o seu carácter funcionarial e o
desenvolvemento da súa traxectoria artística. Unha relación que agromou en
exposicións no Museo de Pontevedra nas que baixo o título de En plenas
facultades, con dúas convocatorias, facían un meritorio e clarificador
percorrido por esas realidades artísticas moitas veces a mercé da burocracia e
sometidas polos plans de estudos e a falla de sensibilidade da administración.
A
partir dese tremor a cuestión expándese, e ambos comisarios, bos coñecedores do
acontecer nese eido, desembarcan no CGAC cunha proposta, Agrupar-Desagrupar:
rupturas da representación, baseada nunha cuestión cerna do artista, "a
autoconciencia do feito artístico". Esa entidade do realizado constitúese
como unha sorte de ruptura, subtítulo que explica a dinamización dun discurso
visual moitas veces restrinxido ao lenzo e a un formato máis tradicional, agora
fuxidío. A escolla de Jorge Barbi, Carme Nogueira, Simón Pacheco, Pamen
Pereira, Isaac Pérez Vicente e María Ruido establece unha perfecta
visualización e orientación desa concepción artística espacial e conceptual.
Todos eles lobos solitarios nun tempo que, entre o refluxo da tan coñecida
Xeración Atlántica e as promocións de artistas xurdidos daquela facultade,
víronse metidos nun desfiladeiro polo que atravesar a peito descuberto. Ninguén
saiu virxe daquelo, e así, nesta mostra adaptada a un espazo tamén senlleiro
daquel tempo, daqueles noventa tan ilusionantes como esnaquizados agora dende
diversas perversións administrativas e de xestións erráticas, e que aínda hoxe
semellan querer repetirse —cando non manterse— como é o CGAC, vemos como esa
heteroxeneidade dende o expresivo a través dos máis diferentes soportes, ao
igual que dende as máis diversas inquedanzas discursivas cristaliza nun
conxunto de opcións ante as que ninguén permanece indiferente. A liberdade
absoluta, o rachar calquera posible código, as interferencias nas mensaxes
abócannos a un discurso múltiple de cada un deles que reclama, pese a proximidade
entre si, un aura propia.
Dende
ese camiñar un lembra tamén o paso polo CGAC, dende a súa creación, de moitos
nomes que participaron desa nova epifanía creativa en Galicia, das súas achegas
para configurar un itinerario propio. De cada un deles pero, por extensión,
tamén dunha nova realidade como a xerada neste territorio dende aqueles dous
fitos que a finais dos oitenta e principios dos noventa balizaron un necesario
despegue. A partir deles o plantexamento da exposición, dentro dese discurso de
reflexión e análise daquelas realidades, deixa o camiño aberto a novas
percepcións, a unha nónima extensa de homes e mulleres —sendo esta unha das
importantes achegas dese tempo, a abeizoada inclusión da muller no discurso
artístico—, que seguirán asomando neste obrigado proceso de mirar a diferentes
realidades dende o fío argumental dun tempo e un espazo que segue a dar materia
para a reubicación do artístico pero tamén de nós mesmos.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 5/06/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario