‘Jules
Verne e a vida secreta das mulleres planta’, Premio Lazarillo de Literatura
Xuvenil, é unha feliz inmersión no maxín do autor francés mesturado coa
capacidade de Ledicia Costas para xestionar relatos.
UN
LEGADO TAN inmenso como o de Jules Verne non pode facer outra cousa máis que
medrar e medrar. A súa capacidade para inzar no talento doutros creadores e
inspirar novas proxeccións literarias a partir do maxín do escritor francés non
debería abraiarnos, pero en cambio si que o fai, grazas ao resultado das novas
achegas suxeridas por el e propostas por novos escritores.
A
última en caer no universo de Jules Verne é Ledicia Costas. Tampouco nada
estraño, xa que se alguén na nosa literatura é quen de artellar novos mundos, e
ata inframundos, esa é Ledicia Costas que, cómo non se ía ver seducida pola
imaxinación de Jules Verne e a súa capacidade para trasladarnos a novos
territorios e a enxerirnos neles? Ela, que nos ten transportado a reinos
marabillosos nos que a imaxinación convértese nun vendaval que nos arrastra
cada vez dun xeito máis firme pola súa capacidade para a escrita. Ese vendaval
vólvese a repetir neste ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’, que
recibiu o prestixioso premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, e que agora
edítase por Xerais. Unha historia que xoga cos relatos do creador de ‘20.000
leguas de viaxe submariño’, tomando elementos deles, e intengrándoos neste
relato que nos leva a Vigo, para xerar unha historia que se aproveita da visita
que Jules Verne realizou a esta cidade e á súa ría en 1884 na procura dalgunha
explicación a aquela inesperada, por aquel entonces visita, e aínda hoxe moi
descoñecida por moita xente.
Xorde
así un relato engaiolante, cheo de posibilidades que nos pon fronte á capacidade
dunha autora para facer medrar unha idea e compoñela a través dunha serie de
imaxes que xorden dese texto. A existencia dunhas mulleres planta e unha conta
atrás na vida dunha delas, conforma o tronco narrativo dende o que medran unha
serie de pólas que nos van enfrontando aos diferentes personaxes, ao paso do
tempo marcado polas mutacións da natureza
e cunha misión que cumprir ao que engadirlle a presenza de nomes, como
os de Jules Verne e o coñecido industrial metalúrxico Sanjurjo Badía,
aparicións que suman interese á trama por como se conforma esa mestura de vidas
coñecidas e admiradas nunha situación de ficción.
Cada
vez máis firme na súa escrita, e manexando mellor os segredos de calquera
narración, Ledicia Costas vainos dando cada certo tempo un ingrediente máis
para seguir atándonos ao que se conta, mantendo aberto sempre ese vieiro que
nunca vai fallar ante o que significa Jules Verne na literatura fantástica ou
na literatura xuvenil, conseguindo que lembremos aqueles relatos tan
engaiolantes coma inesquecíbeis, e incluso facéndolle asumir novos papeis como
os que toma neste libro. É posíbel que ninguén volte a mirar ás illas Cíes do
mesmo xeito que as miraba antes de ler este texto, xa que o seu papel no relato
é quen de facer que o lector cambie a súa mirada sobre elas, e abofé que cando
se volte a pasar ante as illas, tentemos descubrir algo do que se conta no
libro. O certo é que esas illas xa nunca voltarán a ser iguais. Esa é a maxia
da escrita e dos escritores. Así como a vida submarina, ou as entrañas da
terra, dende a nosa infancia e xuventude, visualízanse dende os textos de Jules
Verne, tamén Ledicia Costas acada coa súa escrita que moitas partes de Vigo ou
mesmo esas Illas Cíes se entendan xa dun xeito diferente.
Nunca
somos maiores dabondo para permitirnos o luxo de deixar de lado estas lecturas.
Sempre camiñaremos ao lado de Jules Verne e dende hai un tempo tamén o faremos
a carón de Ledicia Costas.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 10/07/2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario