sábado, 26 de novembro de 2016

Pensar e non calar!

«11 anos como xornalista e o #primAcoso mantense: “bonitiña, gracias guapa, pero ti sabes? ti soa?”»
«14 anos. O profesor que lle di á túa compañeira na clase: “con esa faldita que me traes me desconcentras” #PrimAcoso»



Xa pasou onte, 25N, e é hoxe. Unha obvia reflexión da que xorde unha pregunta, e agora que? Onte e os días anteriores estiveron cheos de mensaxes e de iniciativas para loitar contra a violencia de xénero, contra esa peste que se espalla polo noso mundo e que lonxe de atallarse semella medrar cada día. Escoitamos, grazas a outra excelente campaña do Concello de Pontevedra, comandanda pola concelleira Carme Fouces, os testemuños que racharon co silencio  e que agora saen á luz tras ese #primAcoso que revolucionou redes e tamén conciencias, e que segue a liña daquela outra campaña de 2014, tamén de gran éxito e tamén da man do talento pontevedrés de Ovo Publicidade, na que se lle daba protagonismo ao insulto que reciben moitas mulleres.
Pensar e non calar! exclamou nas redes outra das nosas concelleiras, Anabel Gulías, tras ler algunhas desas declaracións. Unha frase que un non pode resistir roubar como título para este artigo dun espazo libre de violencia machista. Libre dese silencio que tapou durante demasiado tempo os berros da miseria moral, as labazadas da cobardía e as mortes daquilo máis noxento que pode haber nun ser que pretende adxetivarse como humano.
Esta campaña levaba hai unhas horas máis de cinco mil comentarios coa etiqueta #primAcoso, cinco mil mulleres que pensaron e non calaron, que lembraron un intre no que sentiron o que era a palabra acoso nas súas vidas, aínda que pola súa idade non fosen conscientes daquel feito, pero sí que o estremecemento que sofriron lles fixo gardar ese momento no seu interior como algo de tanta intensidade que, aínda que fose negativo, debía agocharse para seguir en alerta. Ninguén debería ter que vivir en alerta. Ninguén tería que esperar esa repetición. Ninguén ten que ter esa sombra na súa vida. Agora, non calalo é xa non só unha liberación, senón tamén poñer no outro lado, no dos homes, a posibilidade tamén de pensar e non calar, de que aquilo que moitas veces foi miserabelmente menosprezado ou calificado como ‘cousa de mulleres’ era un feito dunha fonda gravidade que pon de relevo como a sociedade no seu conxunto tamén actuaba contra a propia muller e como o que tiña que ser un apoio converteuse nunha maior sensación de culpa. A un, como home, cando le eses comentarios, aparte da repugnancia, tamén danlle gañas de baixar a cabeza, de preguntarse cómo somos capaces de chegar a esas situacións con quen tanto aporta á nosa vida, tanto de xeito individual coma colectivamente. E tampouco calo, e escribo, e me fago preguntas que eu mesmo son incapaz de resolver sobre o porque: Unha sensación de superioridade? Un carácter primitivo de dominio? Inseguridade? A descarga da ausencia de afectos? Enfermidade? Simplemente maldade?
Hoxe, que xa estamos no día despois, todos estes comentarios que encheron redes, comercios e informacións en prensa non deben disolverse no esquecemento que segue a unha data especial. E non poden ser esquecidos porque son os chanzos polos que esta sociedade ten que gabear para poder mirarse ante o espello da súa reconversión moral. O principio de saír a frote do noso propio naufraxio e aí si que os que vivimos en Pontevedra temos alguns deses chanzos por riba dos demáis. É un orgullo vivir nunha cidade que pelexa por que estas actitudes da dignidade sigan en pé, porque se traballe de xeito decidido por unha educación que, como para tantas cousas, é a única saída cara a superficie. Escapen das habituais liortas políticas, dos que ven todo o que se fai ou escribe en relación ás propostas dunhas ou doutras siglas, o ben feito non ten cores, os xestos e as decisións non entenden de poltronas, como demostrou toda a Corporación de Pontevedra no pleno do pasado luns, cando todos eles vestiron unhas camisetas negras con un lema contra este tipo de violencia. Asi se fai comunidade, así medra unha poboación, moito máis forte e segura de si mesma. Unha poboación que, grazas a este tipo de campañas, decide pensar e non calar. Decide pasar á acción.
Estas liñas foron escritas o pasado xoves arredor das oito da tarde. A esa mesma hora entraba no xornal unha noticia de axencia: «Morre unha muller en Fuenlabrada degolada polo seu marido». E agora qué?




Publicado no Diario de Pontevedra 26/11/2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario