Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura.
‘De catedral en catedral’ é o itinerario artístico que Francisco Remiseiro
(Barro, 1975) propón ata o 13 de xaneiro para coñecer o seu traballo. Unha
achega á arte que non deixa de lado o labor do artesán, o oficio tradicional,
neste caso dende o traballo da madeira, amosando así unha sutil escultura que
fala de nós mesmos.
Home
como motivo, man como ferramenta de traballo. A prolongación procesual dunha
mente na que se xera o relato, na que o escultor aposta por unha narratividade
que se converte en tridimensional cando as súas pezas collen forma, cando se
desprenden do material sobrante e a vida se deposita sobre elas. Si, vida,
porque iso é precisamente o que un sente cando se move entre as pezas que
Francisco Remiseiro amosa na galería About Art de Pontevedra.
En
todos estes soportes das emocións un entende unha achega ao carácter do ser
humano, a ese senso que a escultura, moitas veces por unha aposta en demasía
polo seu carácter ornamental en busca dun público que invirta nela cartos,
perde en prexuízo de si mesma. Francisco Remiseiro honra deste xeito a aqueles
artesáns tradicionais que tallaban a madeira deixando a súa pegada sobre ela, é
o rastro do artista que debe estar sempre presente en cada peza como tributo ao
seu facedor. Sobre elas queda esa fenda do artista, o paso da ferramenta que
devastou unha madeira sobrante agora, pero necesaria tan só uns minutos antes
como parte dunha viaxe, do recóndito do material, é dicir, do abstracto, a unha
conquista do real que tan necesaria é como finalidade a engadir a esta
escultura. A realidade da figura, a figura da realidade. Un xeito de traballar
que rescata ao ser humano de si mesmo, nunha evocadora promesa dunha esperanza
neste terreo de desesperanzas. De homes sen futuro, de artistas á deriva, de
mercados que non atenden ao realmente necesario que non é, nin máis nin menos
que investir no que nós mesmos somos.
Entramos
nese bosque da figuración como quen entra nun libro, un relato perfectamente
argallado pensado para ocupar un espazo tan definido como é este. «Sen historia
non hai obra», ten comentado sobre o seu traballo o propio autor, así a súa
escultura toma o papel da palabra, daquela narración que se pon ante nós, o
significado que se prolonga por riba da forma para facer desa madeira
oralidade, desa xestualidade un adxectivo da emoción que dende as pezas chega
ata nós nun proceso de empatía co reflectido.
Nese
bosque perdémonos, nese bosque ata ulimos aquilo que xorde das ideas, dende un
armario no que se agochan proxectos, ideas, bocetos de futuras narracións
suxeitas con espiñas de rosa sobre madeira de cedro. Inspiracións que
trascenden ao feito físico para conquistas os nosos sentidos, alentando así un
estado de enaxenación transitoria que nos afasta do que sucede portas aforas
dese bosque, desta exposición que nos descubre a un artista da madeira, a un
artesán da figuración ao que polas súas pezas vese feliz do que fai, de balizar
ese itinerario emocional polo que conducirmos na nosa visita.
Neste
territorio da madeira no que se converte a galería About Art percibimos pois
unha nova realidade, aínda que non tan real como nos poida parecer. Figuras si,
pero hai algo tamén de artefacto, un espexismo do propio home sobre o que xira
toda a exposición que procura o equilibrio sobre o real ou o irreal, pero ao
que nunca renuncia é ao diálogo co espectador, a fíar unha conversa dende o
relato de cada unha delas con un visitante fascinado pola man do artista, por
como dispón ante nós a súa capacidade para facer escultura, o seu maxín para
esculpir emocións.
Publicado no Diario de Pontevedra 12/12/2016
Fotografía. David Freire
"...Artefacto...", máquina para pensar leo yo aquí.Trabajo que es precisión de una "Actitud" o forma de estar, actitud que no es "acto/teatro" y sí Esencia de una presencia que es ausencia pero se sabe/se lee/se siente/se piensa aunque no se sepa/se lea porque se siente/se piensa. Gracias... Ramón...
ResponderEliminar