xoves, 23 de febreiro de 2017

Cando a arte foi libre


O Museo Guggenheim de Bilbao acolle unha ampla selección de obras do expresionismo abstracto que permite facer un percorrido polos seus protagonistas, pero, sobre todo, por un fenómeno artístico dunha fera liberdade individual como nunca se vira antes.


"A pintura abstracta é abstracta. Enfróntase a ti", afirmaba Jackson Pollock sobre a pintura que comezou a baleirar moito do tránsito apracible que tivo durante séculos. Como se un estilo ou un movemento fose sucedendo ao outro dun xeito natural, case por decantación. Pero o século XX non se semellaba a ningún outro século anterior e a súa sociedade, tampouco. Tamén o mundo da arte era diferente. A explosión de xeitos de pintar e de interpretar a realidade nunca viu unha eclosión semellante en diferentes direccións. As grandes guerras mundiais deixaron unha paisaxe de desolación, que non se limitaba a cidades esmagadas ou milleiros de cruces nos cemiterios, senón a almas defraudadas pola propia especie á que pertencían, e unha serie de pintores decidiron rachar con convencionalismos ou con formulacións anteriores. O cubismo ou o surrealismo tiñan bases ás que suxeitarse, que modificar, ou mesmo rachar, pero o expresionismo abstracto fixo da liberdade individual e da diversidade o seu alicerce para xerar, non un movemento artístico, senón un fenómeno creativo que vai a redefinir a propia natureza da pintura.
Pollock falaba de enfrontamento, e precisamente moito do que había neses grandes lenzos seus, salvaxemente cheos de pintura, xestualmente marcados, era ese interese pola tensión co espectador, por cambiarlle o paso ao que estaba acostumado cando se achegaba a un cadro. Espontaneidade, expresividade... en definitiva emocións que eran as que pintaban o lenzo, case que ao mesmo tempo que a propia materia, compoñían unhas novas xeografías que redefiniron a escena pictórica norteamericana a partir dos anos trinta, dende a que se coñeceu tamén como Pintura de acción como acuñou o seu crítico ou teórico de cabeceira, Harold Rosenberg.
O percorrido pola abrumadora proposta do Museo Guggenheim, con máis de 130 obras, permiten secuenciar os seus primeiros momentos coas guerras mundiais e a Gran Depresión como pano de fondo, a evolución nos anos cincuenta e o seu itinerario xeográfico dende o seu nacemento neoiorquino ata a súa expansión á outra costa do país, a contundencia da figura mítica de Jackson Pollock e as achegas individuais dos diferentes nomes que, dun xeito ou doutro formaron parte deste fenómeno. Así atopámonos pezas de nomes esenciais do século XX como De Kooning, Newman, Rothko, Still ou o propio Pollock, e ao seu arredor outra constelación de nomes que, sobre todo, propuxeron novos vieiros para facer da súa singularidade parte dun todo. Porque tampouco podemos achegarnos ás obras dos citados dende un camiño único, si como parte dunha paisaxe ou unha sensación nun tempo e nunha xeografía determinada, pero se tomamos o caso de Rothko pouco ten que ver cos seus colegas de exposición, sobre todo despois dese primeiro momento no que si se poden percibir algunhas claves grupais, pero que rapidamente esvaeceron por un traballo único e sen parangón na propia Historia da Arte.

Abofé que a personaxe que arrastrará unha maior atención nas visitas ao museo ata o 4 de xuño será Jackson Pollock, o seu mural para a residencia da coleccionista Peggy Guggenheim —o que é a vida!—, foi un fito para esta pintura e a partir del moitos pintores mudaron os tamaños das súas obras cunha maior confianza no que facían. Pollock estendía o lenzo sen tratar no chan e salpicaba os seus pigmentos, non ao chou senón cun sorprendente control, unha xestualidade medida que permitía unha sorte de desafogo muscular co que o artista pechaba nesa superficie a súa enerxía que quedaba así proposta para o futuro. Ese futuro do expresionismo abstracto foi caendo nunha consideración unitaria dos seus membros, pero esta exposición, se algo plantexa, é ese carácter complexo e poliédrico a partir daquilo que debe ser o elemento de teorización de toda arte, a propia obra, e aquí hai as suficientes para revisitar unha parte da arte do século XX, xustamente cando a arte foi libre.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/02/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario