'Na
casa da avoa' é un emocionante e íntimo percorrido poético asinado por Marta
Dacosta no que a muller se erixe como piar dun mundo de silencios que reclama,
dende o verso, o seu desexo de rebelión para berrar dende o creativo a necesidade
da voz en feminino
"ESCRIBIR
DENDE un xénero excluído e dende unha lingua minorizada", é a posición
asumida dende a responsabilidade da escolla feita que plantexou a inesquecíbel
Begoña Caamaño ao longo da súa vida. Un compromiso que introduce, non só un dos
poemas máis firmes deste poemario de Marta Dacosta Na casa da
avoa (editorial Galaxia), senón que ese contrato está detrás de todo un
mollo de poemas asinado dende a necesidade de facer desa voz feminina sustento
da memoria, dende o familiar ata o social, dende o íntimo ata o público. Os
poemas de Marta Dacosta son todos eles compromisos co seu eu, con esa parte que
todos nós temos aloxada na memoria e ata na alma, xurdida das entrañas que son
as que lle outorgan a tinta precisa á poeta para escribir estas poesías de
fondo alento, inzadas de emoción e respecto cara unha figura, a da avoa que,
como un gran piar, suxeita todo o universo familiar. Unha subida ao faiado da
memoria para atopar nesas gabetas abisais todo un feixe de sensacións que lembran
a esa figura totémica, ao tempo que se amosa como un espello para que a muller
de hoxe faga daquela forza resistencia primeiro, e despois pulo para activar,
de xeito definitivo, o seu papel na sociedade en igualdade de condicións co
home. Non dubida a poeta en mergullar a esa figura familiar nos mitos femininos
gregos, nunha continuidade chea da afouteza precisa para seguir tanteándose a
si mesma. Marta Dacosta emprega como compás unha linguaxe afiada e cortante en
ocasións, que noutras convértese en aloumiño sobre a pel chea de engurras.
Engurras no verso sobre o que acada movernos a poeta para entender como a vida
se enchoupa nesa xeografía táctil, nese tremer axitado polo contacto: "A
muller do poema /sabe da fame/ e da soidade/ porque fixo o milagre de multiplicar
o pan/ e o peixe/ en cada prato que colocou na mesa/ porque contou os nós das
redes/ para enganar o tempo das ausencias/ o tempo que se detiña/
insoportábel/(...)". Aquel "corpo de pel deshidratada" é agora
inspiración desbocada, fervenza coa que acadar, dende a súa escuma, un axitar
de palabras dende as que reflectir o hoxe, a paisaxe que permanece intacta nese
eu inagotábel.
Cando
a poesía se move nesa leira do eu é quen de agromar cunha forza infrecuente, do
mesmo xeito que é capaz de converter os silencios da casa, os silencios de avoa
e nai en voz rotunda, en luz acesa que destrúe a sombra. Raios de luz que fan
da gaiola do pasado unha lumieira da que seguir tirando. Tecer e destecer o fío
da memoria, o ronsel polo que camiñar para tentar enterdermos hoxe o que somos.
As lendas e as serpes, o corpo que mudou, un camiñar do tempo que semella de
vagar pero que cando un senta fronte a el é un lóstrego convertido en tensión.
Un chimpo dende unha ponte no que a aterraxe é o de menos, sendo esa distancia
o pasaporte cara o verso: "Sentir que o tempo nos pertence/ que podemos
ser nenas/ e non virxes casadeiras/ que podemos ser mozas/ en non un enxoval de
terras/ que podemos ser mulleres/ e non covas fecundas/ que podemos ser vellas
sen ocultarnos a todos/(...)". Un tempo que xa se moveu ben despacio ata o
de agora como para seguir manténdoo con ese ritmo nunha sociedade que quere
impoñerlle aínda á muller esa cadencia ancestral para que siga sen saír dela,
acomodada aos propósitos dos homes.
É
tempo de destecer e María Dacosta escolle o verso como ferramenta, tamén como
diagnose duns tempos nos que cada vez temos menos referentes, menos ancoraxes a
un pasado convertido en engurras que é onde á fin e ao cabo se vai sedimentando
a sinceridade e o sentimento. As dúas ferramentas que ten a memoria para
converter esas engurras en desfiladeiro que atravesar ou, desta volta, en verso
que debullar.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 2/04/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario