martes, 2 de maio de 2017

Descubrir a vida despois da morte

Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía. Ata o 5 de maio na Sala Nemonon de Pontevedra podémonos asomar ao fascinante percorrido que plantexa a fotografía de Juan de la Sota. Un percorrido que mira á beleza que se agocha cando semella que todo está baleiro e que xorde dun proxecto vital que lle pon imaxe as palabras da escritora peruana de orixe nipona L. Nosigura.



De la sota resona en Pontevedra como un apelido mítico. Como un resorte do mellor que pode dar esta terra no ámbito da cultura. Pendurado do apelido do seu pai arquitecto, Alejandro de la Sota (unha pegada da que é moi complicado afastarse) Juan de la Sota amosa tamén a súa creatividade dende outro ámbito, o da fotografía, pero unha fotografía que ten moito de pictórica, compoñéndose así unha mirada de confluencias entre ambas disciplinas que pon ante nós unha coleción de imaxes nas que sempre hai moito máis do que nos pode ofrecer unha mirada apresurada. Sempre nas fotografías de Juan de la Sota existe algo máis, unha forza casi segreda que emerxe por algún recuncho para plantexar unha nova existencia, unha nova realidade que xorde dun proceso anterior, dunha vida esgotada que, de xeito abraiante, rexenérase cara o futuro.
No ano 1978 Juan de la Sota amosa na madrileña galería Juana Mordó a súa primeira exposición de pintura, tamén a última. A partir de aí as súas inquedanzas derivan cara a fotografía, cara esa captura do real ao que hoxe en día lle damos tan pouca importancia dotados, como todos estamos, de teléfonos capaces de facer fotografías, cando menos dunha gran calidade técnica. Un rexistro do cotiá que nada ten que ver coa pausa na mirada proposta por Juan de la Sota, con ese achegarse ás diferentes realidades que o rodean para facer delas rexistro: dende a captura dun grupo de flores caídas no chan, dun conxunto de peixes na caixa dunha lonxa, dun insecto ou dun grupo de follas arroladas polo vento nunha árbore... instantes que non terían máis significado de non ser pola suxeita desa fotografía, pola mirada que converte o intrascendente nalgo eterno e cunha fonda carga estética na que se contén unha chea de sensacións que recuperan a beleza onde todo semellaba derrota.
Naquela exposición de pintura Juan de la Sota  coñece a unha escritora peruana de orixe xaponesa, L. Nosigura. Unha conversa e unha similitude de intereses na creación, trabaron unha amizade na que ela poría as palabras e Juan de la Sota as imaxes. ‘Un conto chino en Xapón’, é o enunciado da exposición, pero tamén o marco establecido dende entón entre ambos para establecer unha conxunción de sensibilidades, de miradas transparentes que se suxeitan no aire e que se pousan na terra, como as pegadas dun paxaro en forma de palabras que deixan o seu rastro de memoria e experiencia.
Cando accedemos ao espacio que a Sala Nemonon dispón para acoller as fotografías de Juan de la Sota atopámonos cun retrato desa escritora. Fronte a ela unha imaxe do chan dun bosque no que se amorean follas secas caídas das árbores, pequenos talos que xa perderon a súa función orixinal, seguro que tamén algún insecto, que converteu ese fragmento de natureza no seu hábitat. Percibimos a humidade, tamén adiviñamos a presenza do fin da vida, dunha morte inevitábel rexida polo paso do tempo e, sen embargo, se nos fixamos nese espazo da perda, atopámonos cun brote verde. Un milagre no nacemento da vida que xorde alí onde esta xa estaba abocada ao remate. Un xesto de esperanza onde xa non se contaba con ela e que acciona os mecanismos da beleza dunha fotografía chea de recursos pictóricos, de barrocas fugas e de planos que se suceden dende a calidade fotográfica e da súa reprodución física.
Moi ligado ás filosofías orientais Juan de la Sota observa o seu traballo dende unha liturxia case zen, a de achegarse a súa contorna coa sensación de concederlle importancia ao que realmente é importante, e isto converte a súa posición fronte á arte nun espazo de coñecemento persoal, tamén nunha feliz redimensión deste mundo tan tolo no que nos movemos. Unha asunción da vida que emprega todo canto está nas súas mans para un mellor coñecemento do eu. Reflectirse no ollo dun peixe acubillado nunha caixa, ou observar durante uns instantes os bordes murchos dunhas camelias deitadas ao chou sobre a terra, convértense en toda unha lección de vida e no arrinque dun proceso de autocoñecemento tan inesperado como imprecisábel nas súas consecuencias.
Ao fondo da sala de exposicións dúas caixas de madeira acollen unha chea de fotografías. Poñemos as luvas e manexamos eses materiais que é manexar outras moitas vidas de seres que forman parte da natureza, pero mesmo tamén de seres humanos. Caixas nas que se contén unha chea de miradas que agora se volven contra nós. Mover estas fotografías é pasalas páxinas de décadas de traballo, de décadas de miradas, de achádegos e de instantes felices compostos por fotografías que tentan explicar a un mesmo. Quen sabe se volveremos a ter máis? Se Juan de la Sota voltará a expoñer neste universo de esgotadoras imaxes, de mensaxes visuais que saturan as nosas retinas sen apenas contidos e dunha inmediatez que remata en si mesma. Pero o feito feito está e as fotografías de Juan de la Sota están pensadas para manter no tempo eses instantes, facer das lágrimas na chuvia unha lagoa na que reflectirse sen medo a sentirse defraudados, porque nelas está a sinceridade do mundo. A capacidade da natureza para facer de si mesma emoción, para converter aquela primeira fotografía na mellor de todas, na que reside unha pureza inalcanzábel ao longo de toda unha carreira. Villa Pilar, a que fora sede do Colexio de Arquitectos, e agora estudo do arquitecto Mauro Lomba, acolle ao fillo do noso gran arquitecto, a un fotógrafo que fai da vida toda unha descuberta.








Publicado no Diario de Pontevedra 1/05/2017
Fotografías: David Freire


Ningún comentario:

Publicar un comentario