Unha exposición na Tate Modern de Londres descubre o interese dun nome clave na escultura do século XX polos materiais aparentemente máis fráxiles. Unha brandura que grazas a súa xenialidade convértese en eterna a través da súa achega sobre a figura humana.
Poucas
obras fixeron dende a escultura unha reflexión tan fascinante coma
perturbadora, o que alimentou o interese do público por unha obra na
que se aprecia ese gume da xenialidade capaz de construír un
universo singular que hoxe en día arrasa nas subastas de arte. Ese
universo é o que protagoniza a maior retrospectiva da obra de
Alberto Giacometti en vinte anos, enchendo varias salas da Tate
Modern con máis de 250 obras, moitas delas inéditas, e nas que
toman un destacado protagonismo escaiolas, cadernos e debuxos, isto
é, obras nas que a súa condición de febleza, que xorde deses
materiais e soportes, e que claramente contrastan coa importante obra
en bronce do escultor suízo, dándolle a esta mostra un carácter de
descuberta, de análise dunha parte do seu traballo, non de todo
analizado, que é o que está detrás da proposta da dirección da
institución británica.
É
paradóxico como Londres se achega nesta mostra ao ser humano, como
no medio do fanatismo e o medo que se vive na cidade estas semanas
xorde un espazo como este para entender, non só as posibilidades de
creación do ser humano, senón a marabilla que é integrar na arte
diferentes sensibilidades procedentes de culturas ben diferentes. Nas
pezas de Giacometti o home móvese dentro dese existencialismo
necesario tras a deriva moral que xorde da Segunda Guerra Mundial, do
nazismo, da dor e da perda, e todo iso plásmase nas súas figuras
que teñen moito de inspiración nas culturas primitivas, daquela
arte exipcia que engaiolou a un mozo de vinte anos que paseaba polo
Louvre coa boca aberta. A aquel París chegou Alberto Giacometti a
integrarse naquela paixase irrepetíbel dos anos vinte, adentrándose
no surrealismo cunhas esculturas con movemento, pero tamén a coñecer
o amor, o amor da súa muller Annette, que tantas veces lle serviu de
modelo nun taller, que, como o de todos estes creadores, converteuse
nun recinto mítico.
Dese
estudio xorden moitas das pezas que se amosan nesta exposición nas
que, fronte aos seus bronces, moito máis coñecidos, reclaman un
lugar na historia pezas en escaiola e xeso, que amosan un paso máis
nesa sensación liviá de toda a súa traxectoria, unha fraxilidade
que deixa a figura humana no esencial, no que se recoñece a pegada
do escultor, dese artista que con cada peza se medía ao propio ser
humano e a súa realidade, a un tempo de angustia e desacougo, con
Sartre invadindo París e a filosofía coas súas ideas fundamentais
no século XX, as mesmas que semellan prenderse da materia que
Giacometti amoreaba sobre os finos arames nas que esa materia semella
levedar.
Pero
xunto a esa profundidade da materia, asoma outra percepción no
traballo de Alberto Giacometti que o achega máis as rúas, á vida
cotiá e á propia condición humana chea de incertezas. Alberto
Giacometti coñeceu nese París da bohemia a unha prostituta,
Caroline, da que deseguida queda engaiolado converténdoa en amante e
modelo ata o final dos seus días. Esa historia é recollida nun
pequeno gran libro, publicado o pasado ano, de Franck Maubert, ‘La
última modelo’ editado por Acantilado, nel se relata no só como
foi a súa historia, senón a loita do artista no estudo por
achegarse a reflectir o ser humano, como esa modelo pasaba horas
e horas mirando cara un artista que se amosaba incapaz de reflectila,
de acadar o que el consideraba debía protagonizar o seu retrato. Un
deses retratos colga das paredes desta exposición, é a presenza
daquela muller que reviviu ao artista e ao home, que se entregou a el
e cuxa memoria mantivo no seu interior ata o fin dos seus días, como
se recolle nese libro.
Aquel
home que semellaba dormir todos os días co traxe que levaba posto,
tamén se movía polo mundo co pó pegado a súa chaqueta dese xeso
que no estudio conformou parte da súa obra máis vencellada á vida
do que podamos pensar. Na mostra tamén atopamos un can en bronce que
seduciu mesmo a Marlene Dietrich que tentou ter unha aventura con
Giacometti, el rexeitouna porque estaba con Caroline, a muller de
longo pescozo e as mans cruzadas sobre as pernas, cuxo retrato forma
parte tamén desta mostra, como as súas impoñentes mulleres de
Venecia nas que o material semella que vai esmorecer pero en cambio,
o milagre da arte, volve a dotar a esas figuras dunha eternidade
engaiolante. Vaian a Londres, móvanse entre as esculturas de
Giacometti e lean o libro de Maubert, a súa condición humana verase
fortalecida.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/06/2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario