luns, 5 de xuño de 2017

Seguen a chover flores amarelas


Poucos libros ocupan un espazo tan central na historia da literatura como ‘Cien años de soledad’ de Gabriel García Márquez. O texto cumpre medio século dende que serve de guía para moitos escritores de cara á capacidade de configurar un espazo narrativo no que a ficción e a realidade rexistran un épico debate


O 17 DE abril de 2014 falecía Gabriel García Márquez. A súa Aracataca natal, un pobo do Caribe colombiano, asistíu nos días seguintes a unha morea de xestos e emocións dos sus veciños sabedores da importancia daquel xornalista e escritor, no só pola inmortalidade da súa vila, senón pola configuración dunha nova linguaxe narrativa. Cada unha daquelas homenaxes tiña sempre unhas convidadas pousadas nas mans dos seus veciños, un símbolo literario que xurdiu, como tantas cuestións, da que é a súa gran obra, Cien años de soledad. "Poco después, cuando el carpintero le tomaba las medidas para el ataúd, vieron a través de la ventana que estaba cayendo una llovizna de minúsculas flores amarillas. Cayeron toda la noche sobre el pueblo en una tormenta silenciosa, y cubrieron los techos y atascaron las puertas, sofocaron a los animales que durmieron a la intemperie. Tantas flores cayeron del cielo, que las calles amanecieron tapizadas de una colcha compacta, y tuvieron que despejarlas con palas y rastrillos para que pudiera pasar el entierro", este fragmento escrito despois da morte de José Arcadio Buendía, fixo destas flores amarelas un símbolo da súa escrita que o propio autor adoptou como un amuleto fronte á vida: "Mientras haya flores amarillas nada malo puede ocurrirme".
Tres anos despois da morte de Gabo, e cando se van cumprir cincuenta da publicación de Cien años de soledad, esas flores amarelas aínda caen sobre Macondo. O territorio mítico que Gabriel García Márquez forxou dende unha habitación de México, país no que se instalou en 1961, e na que se pechou tras unha especie de arrebato para escribir unha historia que lle estaba rondando dende había un tempo. O libro xa estaba na súa cabeza, como recolle a espectacular e famosa fotografía de Colita de finais dos sesenta, cunha das primeiras edicións de Cien años de soledad a modo de chapeu. Ese tempo foi o que o levou a facer as súas primeiras armas xornalísticas, a ler os seus admirados Kafka ou Faulkner, ou a descubrir, abraiado, dous libros que o seu amigo Álvaro Mutis lle puxera nas mans, Pedro Páramo e El llano en llamas, ambos os dous de Juan Rulfo, mentres lle dicía: "Léase esa vaina para que aprenda cómo se escribe". Pero todo iso non sería nada sen as lembranzas da infancia, as narracións dos seus avós, un marco de lendas que modificaban a realidade ata convertela nunha ferramenta coa que experimentar ata o límite na recuperación da súa idade infantil cando, da man do seu avó, percorría os escenarios de Aracataca escoitando unha serie de feitos que a aquel rapaz lle debían parecer do máis estraños. A memoria tirou de todo aquilo para configurar un deses espazos chaves na historia da literatura como o Comala de Juan Rulfo ou o Yoknapatawpha de William Faulkner, espazos nos que imaxinación e realidade se engedellan a través dunha linguaxe burbullante chea de cores e sensacións caribeñas na que unha serie de personaxes constrúen unhas vidas pegadas a un territorio, a unha realidade xeográfica da que forman parte como unha especie autóctona que se mantén viva xeración a xeración, nutríndose da pertenza a ese hábitat e das súas relacións coa veciñanza.
No seu libro de memorias Vivir para contarla conta como recupera a palabra Macondo do nome dunha finca bananeira inscrito nun rótulo que vía cando pasaba ante ela no tren: "Esta palabra me había llamado la atención desde los primeros viajes con mi abuelo, pero sólo de adulto descubrí que me gustaba su resonancia poética". Así xorde ese Macondo que ao correr o pano nos deixa un escenario centrado no coronel Aureliano Buendía para describir a fundación, os conflitos bélicos, a explotación bananeira, o importante capítulo represivo dos traballadores en Ciénaga, en definitiva, o apoxeo e o declive dunha sociedade que García Marquez lembra a partir da recuperación da memoria e a través dunha reflexión que escribe no inicio dese libro de memorias: "La vida no es la que uno vivió, sino la que uno recuerda y cómo la recuerda para contarla". Dende aquí o escrito abre o horizonte do recordo, amplía o arco da súa inspiración para facer do relato un novo relato, unha interpretación da realidade na que non todo ten que ser cen por cento real. Así é como, en Cien años de soledad, o real discute consigo mesmo, enfróntase coa capacidade de fabulación, coa poética dunha escrita que emprega o mito ou o conto que xorde da oralidade como sal e pementa da novela. Explícao moi ben Claudio Guillén, nun texto incluído na edición conmemorativa do libro realizada pola Real Academia Española cando explica Cien años de soledad como o enguedellar e superpoñer a arte de contar un conto, coa arte de novelar. Mentres que o primeiro se instala na textualidade no pasado, a novela actualiza o vivir dende o presente, configurándose así un relato que mestura esas dúas liñas temporais fixadas nun territorio, nun Macondo que podería ser unha simbolización de calquera outro territorio, no que todo o que acontece nel queda reflectido no libro, non como noutro tipo de novelas nas que se deixan aspectos da man do lector a partir da interpretación do escrito. Cien años de soledad cóntao todo, narra sucesos, describe ambientes, presenta personaxes principais e secundarios, un abrumador detalle que se move ao longo de seis xeracións dos Buendía en que fai da linguaxe unha abraiante ferramenta onde a lingua máis clásica, procedente de España, se nutre de todo un léxico propio desa terra sudamericana abondosa en expresións cheas de vitalidade, cor e sons que lle conceden ao relato esa pegada ao local, a un territorio que quedou xa para sempre inmortalizado dende estas páxinas que converteron Macondo "en una de las comarcas más memorables de la imaginación literaria", segundo o tamén escritor colombiano William Ospina. O 5 de xuño de 1967, un galego de Corcubión, Francisco Porrúa, tirou do prelo da súa Editorial Sudamericana en Bos Aires a primeira edición de Cien años de soledad para encher o mundo de flores amarelas.
Non son poucos os autores que puxeron os seus pés sobre as pegadas deixadas por Gabriel García Márquez polos camiños de Macondo, e xa dende ben cedo; así Mario Vargas Llosa publicou en 1971 Historia de un deicidio, un estudo polo miúdo sobre a vida e obra de García Márquez, que se detén especialmente nesta configuración literaria que xermolou na obra de moitos outros autores, e non só latinoamericanos, xa que esta novela é sobre a que xira, con especial significación, todo o que se agocha tras o coñecido como Boom Latinoamericano, baseado, e moito, nesa interpretación máxica da realidade que comparte protagonismo cos relatos dos diferentes dictadores que subiron ao poder en diferentes países latinoamericanos nas décadas centrais do século XX, así como o destacado papel do medio rural fronte ao urbano, como orixe de narracións lexendarias, inseridas nun relato de múltiples voces e tempos, xerando unhas narracións cheas dunha rica diversidade, tanto plásticas como narrativas, e que modificaron moito do que foi a literatura a partir deste intre. Nomes como os de Julio Cortázar, Carlos Fuentes, Mario Vargas Llosa ou o propio Gabriel García Márquez estableceron ese novo canon literario do que o colombiano se converteu en máis que un autor, en todo un símbolo que popularizou a literatura facendo dos seus libros fenómenos de vendas, tanto alí como aquí. Por un lado do mapa, polo que tiñan de narración dunha América Latina que buscaba o seu propio relato, a explicación de si mesma e, polo outro, alén do Atlántico, pola admiración a unha literatura renovadora e que fixo que a maioría deses autores se achegasen a París ou Barcelona para traer a Europa, á vella Europa, o seu pulo de modernidade.

Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo. 28/05/2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario