martes, 1 de agosto de 2017

Un novo illote no océano

Vanesa Santiago entra no océano galego da escrita con 'A vida sinxela de Marcelo Firmamento', una fermosísima historia de mares e navegacións que vén de acadar o Premio Illa Nova de Narrativa 2017

SEN DÚBIDA que alguén que nace cando as ondas do mar bican o seu berce está chamado a ter unha vida moi especial. Do resto xa se se encarga a literatura e, neste caso, unha nova escritora, Vanesa Santiago (Fontán, Sada; 1983), da que se nota que a súa formación en Biblioteconomía e o seu traballo en bibliotecas levouna a enchouparse das historias co mar foise encargando, marexada tras marexada, de colocar nos andeis.
Unha nova voz, un novo illote no noso océano literario tan ben surtido de travesías, de escumas salgadas, de lendas a carón da costa, de relatos que fixeron do mundo unha parte do noso, desta Galicia de mar e que polo mar se construiu a si mesma. A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Editorial Galaxia) é, ante todo, un libro de aventuras e dende esa faciana, amósase marabillosamente ben escrito por alguén tan nova. A autora non nos aburre en ningún momento, cada episodio, cada acontecemento na vida deste Marcelo é un gozo do literario que nos leva a lembrar outras historias coas que fornecemos o noso maxín de lecturas, coas que medramos como nenos e que xa non nos deixaron, afortunadamente, nunca máis.
Atopámonos en Sada, na década dos corenta, tempos complicados nunha Galicia na que a Guerra Civil viña de rematar, ou mellor dito, que comezaba a deixar a súa pegada en milleiros de persoas. Comezan as preguntas arredor dese neno, Marcelo Firmamento, que busca respostas, que sobe a un barco e navega polo mundo. Viaxes que como toda viaxe ten partes de realidade e de fantasía, de historias que veñen e van, de acontecementos máxicos xunto a outros reais e que te beliscan a pel. De voces baixas. Historias que nos van levar a navegar, porque un lendo este libro sente que a bordo desas viaxes un tamén navega, que forma parte dunha aventura chea de fazañas e descubertas para tentar descubrir a un mesmo. «En cada mariñeiro dorme un ser mitolóxico». Qué gran verdade di este libro cheo de verdades. Un dos nosos tesouros son os mariñeiros, eles aprovisionáronnos non só de produtos do mar, senón de historias e de relatos que forman parte de nós mesmos. Eles, seres mitolóxicos entón, pousaron en terra as súas fazañas e as fixeron humanas para que nós as sentísemos como nosas lonxe das súas naves, das súas noites estreladas, das acometidas do mar. Nós, na terra, temos as súas historias como novas peles que mudar. Lendas que nos van facendo medrar como veciños dunha comunidade pero sobre todo como seres humanos.
Alén das sereas, alén das baleas, alén do amor que serve para o real e para a imaxinación, alén de todo iso estamos nós, seres e lectores que somos felices cando topamos con relatos de liberdade como estes, con escritos que nos levan a sentir máis de cerca o que é noso: o mar, e todo o que o habita. Un mar que podía apelidarse Galicia, xa que hai de nós en tódolos mares. Así este libro tamén é un relato dos que marcharon, dos que saíron e non voltaron aínda que os nosos portos sempre serán os seus. Dende eses portos os vimos marchar, sabendo que non voltarían, pero todos sabemos que non acabaron de marchar. Que algo deles quedou aquí e a partir diso é dende o que Vanesa Santiago non se esquece dos que marcharon. Unha loábel homenaxe aos que foron polo mar, aos que se cruzaron coa balea, os que escoitaron ás sereas, formando entre todos unha cosmogonía mariña baixo o firmamento.

Mar e firmamento como capas dun libro cheo de crebas que neste caso son as palabras que foi poñendo no seu lugar Vanesa Santiago, para escribir un libro, si; para gañar un premio, tamén; pero sobre todo para poñerlle un nome a un novo illote no océano que dende estes días verá como medran nel as narracións que lle darán afouteza á súa escrita. Cando dentro duns meses volva a publicarse outro libro asinado por ela sempre lembraremos estas historias de mar, porque na auga temos a nosa orixe, e alí explicámonos como especie, porén queda a explicación da nosa intelixencia e aí a mellor xustificación e pousar a ollada no horizonte. Onte todo remata, onde todo comeza.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/07/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario