xoves, 26 de outubro de 2017

Calacús urbanos

Lola na súa horta xunto
ás súas cabazas (Rafa Fariña)

Empurra o outono por facerse un oco no calendario. Tras a vaga de lumes fóra da súa habitual estación, agora un sol que acariña a pel entre o noso gozo, mentres o frío non renuncia a estar presente xunto a nós, fai que non nos esquezamos do paso dos días. Mentres nos supermercados e nalgúns escaparates xa se botan ao Nadal como toliños, aínda temos algúns dos días máis fermosos do ano. Eses días de outono de mans quentiñas polas castañas, de fermosas cabazas decoradas para o Samaín, de árbores que esquivan a cinza e se botan a unha orxía de cores ou de camiñadas a carón dun regueiro mentres as follas sementan ao chou o solo.
Esa natureza presenta no noso singular territorio unha certa especificidade que se amosa nas vilas como unha especie de natureza de supervivencia. Vímolo cando o lume se achegou á contorna de Vigo, con vivendas acosadas nese espazo limiar entre o rural e o urbano que adoita amosar unha perigosa desorde. O progreso, ou o que entendemos por progreso, difumina cada vez máis esas fronteiras entre o asfalto e as corredoiras, unha loita espacial que ás veces aparece acougada dentro de illotes urbanos. Espazos que quedaron rodeados por edificios de decenas de vivendas, rotondas ou cruces nos que se amorean os coches, mentres neses refuxios a natureza loita por ser quen é fronte ao que ten ao seu carón.
Nese refuxio non só descansa a natureza, senón tamén a vista dos que acotío andamos pola cidade como parte dun ecosistema case robótico. Cada vez que paso preto dun destes illotes a vista sofre un desacougo e un non deixa de contemplar a rebeldía da natureza fronte ás nosas accións. Cada vez que me asomo á horta de Lola, no pontevedrés barrio da Parda, atopo un espectáculo que se vai movendo ao longo do ano. Tomates, pementos, patacas, xudías, laranxas e ata a exótica ‘pataca do Brasil’ (coido que chamada ‘chayote’) vanse sucedendo ao longo do ano, pero o que sempre conleva unha maior expectación no barrio é a chegada do outono medido polo crecemento das cabazas que os agarimosos coidados de Lola son quen de acadar. Cabazas de distintas formas, algunhas dun tamaño abraiante, que pouco a pouco van decorando este curruncho de resistencia, e que converten ao peón nun afortunado por poder poñer os ollos nun espazo de liberdade dentro do urbano.
O miradoiro en que se converte a rúa fai que os nenos entendan que as froitas, legumes e hortalizas non medran nos andeis das superficies comerciais, que os ovos saen das galiñas e que os galos cantan ao amencer, e aos maiores permítelles preguntarse polo paso do tempo e por como as cidades se adaptan de mellor ou peor maneira aos cambios. Lola xa ten moitas encargas de calacús para o vindeiro Samaín, e non son poucos os veciños que lle dan saída ao exceso de produción da horta a través de pratos para os que Lola non aforra en consellos: «Isto é moi bo para tal, isto tes que cociñalo así...». E deste xeito Lola, coa súa casiña e a súa horta chantada a carón dunha rotonda, convértese nun desabafo dentro do barrio. A mirada que xoga entre un pasado que esvaece e un presente que non estamos moi seguros de que sexa mellor que o que tiñamos ata agora.
Chegan os días do Samaín e as cabazas de Lola están xa preparadas para alumear na noite, para facernos sentir que a cidade aínda ten anaquiños nos que sentir o latexar da terra e manternos así apegados a unha natureza cada vez máis acosada por nós mesmos, polos nosos actos e polas nosas escasas respostas.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 25/10/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario