mércores, 22 de novembro de 2017

Castelao en Madrid

Estampa do Álbum 'Atila en Galicia' (1937)
Museo de Pontevedra

"O debuxo dun hórreo que polas súas fendas amose únicamente o ceo, di máis da fame dun ano que un artigo de fondo». Con estas palabras expresaba Castelao a importancia que ten a ilustración gráfica á hora de transmitir unha mensaxe, tamén como o impacto na mirada podía superar á palabra escrita nun artigo, nun discurso, ou en calquera libro teórico sobre a política. Esa capacidade do medio gráfico é o que suxeitou cada vez máis o labor de Castelao no mundo da creación, cada vez máis comprometido co ser humano e coa súa terra, e é a mesma que levou a plantexar unha exposición, ‘Castelao grafista’ que leva xa case dous meses amosándose en Madrid, nin máis nin menos que nun dos berces do debuxo, como é a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, redefinindo, de novo, a inesgotábel figura do de Rianxo.
Xa nos achegáramos a el polo miúdo na dobre cita plantexada de xeito exitoso o ano pasado na súa casa, o Museo de Pontevedra, pero agora, da man do comisario Miguel Fernández-Cid, o que se fai no conxunto deste proxecto é pecharse na liña de Castelao, alí onde o seu trazo contén unha infinidade de situacións que definiron o seu labor gráfico a través de pinturas, debuxos ou estampas que participaron de diferentes iniciativas artísticas e de pensamento. Acompañado dun farturento catálogo, que excede esa condición sendo un auténtico libro sobre esa faciana da súa obra, esta redimensión de Castelao volve de novo a sorprender e a marabillar. Ao atopármonos a un infindo talento que se foi axustando a cadanseu instante vital, dende os tempos de Nós e ata o final da súa existencia. Esa adaptación ía a carón do afianzamento do seu compromiso social e co país e agromou nunha serie de traballos que agora, na súa totalidade, amosan a súa identificación con ese proxecto en forma de compromiso.
Nós’, ‘Cousas’ ou as ‘Estampas da Guerra’ configúranse como tres grandes cumes que artellan a exposición, pero ao seu arredor atopámonos outra xeira de traballos que, dende a ilustración de libros, viñetas, a creación de cartaces, traballos etnográficos ou escenificacións teatrais, móvense sempre nesa mesma dirección, que é a de xerar un corpus de acción que sirva para o retrato dun territorio e dunha alma, para que se levante a voz en moitos casos fronte o que acontece e na procura dun discurso artistico propio. Unha arte para unha patria. O Madrid fronte ao que nun tempo Castelao ergueuse para pedirlle máis autonomía para Galicia é o que acolle esta mostra. Agora xa non é o cego que pide esmola, agora é a capital a que honra a un artista galego que puxo o seu talento ao servizo dunha causa. Un talento que se pon agora en Madrid ao nivel do propio Goya cos seus ‘Álbumes da Guerra’ que, como se fosen os ‘Desastres’ pintados polo aragonés, deixan constancia da violencia e da represión sufrida en Galicia na Guerra Civil. Arte e reflexión ao servizo dun pobo. O que comezou anos antes como un interese artístico e humano, agora a sinrazón converteuno nunha obriga moral. Como obriga é por parte de todos nós seguir traballando arredor desta personalidade, tal e como fixeron nesta ocasión tres institucións como a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, a Fundación Mapfre e a Fundación Torrente Ballester empurradas por un deses pontevedreses imprescindíbeis, Miguel Fernández-Cid.
Esas Estampas saíron por primeira vez do Museo de Pontevedra de maneira completa para amosarse fóra, e abofé que moita xente se atoparía por primeira vez fronte a elas para sentir o arreguizo que un sempre sente cando se enfronta a este traballo monumental, e que conforma unha das máis grandes obras da plástica mundial e que xa se bota de menos en Pontevedra, o seu Pontevedra.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 22/11/2017 




Ningún comentario:

Publicar un comentario