luns, 6 de novembro de 2017

Trobar como construción

 ‘A arte de trobar’ de Santiago Lopo é o último premio Xerais de narrativa que sae do prelo. Unha historia de cambios artellada arredor dun Camiño de Santiago que dende o medievo serviu de construción global. A historia dunha troupe de artistas fainos reflexionar sobre ese proceso.



A paisaxe do século XIII establecíase baixo unha loita de relixións, de linguas e de Cortes que intrigaban entre si por acadar máis poder. Certamente falamos dun momento convulso, abofé que non tan escuro como a historia posterior quixo facernos ver, pero no que si se produciron numerosos cambios dentro dun ambiente xeral de enfrontamentos e tensións entre os poderes domiñantes: o relixioso e o político.
Nese atractivo escenario é no que Santiago Lopo (Vigo, 1971) constrúe unha acaída novela na que baixo a apariencia dun relato de aventuras, cheo de momentos que non deixan fuxir ao lector, agóchase tamén unha fonda reflexión sobre esas tensións que construiron un futuro no que todo aínda estaba por facer. Intelixentemente o autor vencella todas esas situacións arredor dunha troupe de artistas itinerantes que se moven por esa vía de comunicación, non só xeográfica, senón tamén humana, como foi o que posteriormente a nosa modernidade acuñaría como Camiño de Santiago.
A novela componse de pequenos capítulos que coma nun cantar de cego secuencian a historia deses músicos e actores nómades que non deixa de ser unha historia de supervivencia, o que xa vén de seu pola súa aleatoria profesión, senón tamén por unha serie de engadidos que a trama irá xerando para desacougo deles e para gozo dun lector que pouco a pouco vai sorteando esa faciana de intrigas relixiosas e se vai deixando levar por uns personaxes que non deixan de medrar ata o remate do libro. Nótase que a Santiago Lopo gústalle este tempo do que amosa unha gran erudición que, lonxe de transmitila de xeito abafante ao lector, vaino facendo pouco a pouco abríndoo a unha convulsa situación social, non só polas loitas entre a nobreza e a igrexa, senón polas propias disensións dentro desa mesma igrexa que, neste tempo de incertezas e miserias, viuse chea de movementos heréticos que desafiaban o poder de Roma. Non podemos perder de vista a Umberto Eco e o seu homérico ‘O nome da rosa’, título no que un non deixa de pensar ao tempo que le esta historian na que o autor inxire un elemento máis que debe ser abeizoado pola súa incorporación ao noso sistema narrativo e polo que Santiago Lopo amosa unha querencia que xorde da súa formación académica, como é a coexistencia entre as linguas. O occitano (a lingua da Provenza e o sur de Francia), o latín ou o galego plantexan, dende diferentes ámbitos, como esas relacións foron sendo tamén parte das friccións daquel tempo tan determinado pero dende o que non hai que esforzarse moito por achegalo ata os nosos días e seguir vendo como certas linguas vense minorizadas por sistemas culturais abafantes, empregados polas castes máis poderosas e que determinan, paseniño, o futuro deses tesouros culturais que ao fin e ao cabo son cada unha das linguas que existen no mundo.
Os nosos trobadores xúntanse dende diferentes xeografías e as súas composicións engaiolan non só ao público que asiste as súas representacións, tamén a outros trobadores cos que mesmo competían en inxenio e por último ao lector desta ‘A arte de trobar’ que serve para fixar tamén a orixe da nosa lingua, a recuperación dunha maneira de falar e escribir que foi da que xurdiu o galego e que estamos a gabar estes días coa chegada a Vigo dese pergamiño Vindel para a súa exposición pública como xeito de viaxar no tempo, de enfrontarnos tamén con ese século XIII e coas cantigas de amigo de Martin Códax.
No texto Santiago Lopo emprega unha coidada escrita así como elementos que inzan o relato dunha frescura que lle senta moi ben, o amor ou o uso dun humor desafiante e irreverente, procaz,como xurdido dun capitel medieval. Unha risa que alumeaba naquel tempo como un desafío a eses poderes que asoballaban a meirande parte da poboación no que a cultura popular desenvolvía un papel merecente aínda de máis estudos en profundidade para desterrar moitos dos mitos que se manteñen aínda do mundo medieval. Que unha novela con estas compoñentes gañara un premio como o Xerais permite albiscar certa confianza na escrita como recuperador intelixente de tempos pasados nos que poder xerar tramas narrativas atraíntes para o lector e abre o abano de posibilidades da nosa literatura para acoller novos lectores.




 Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 29/11/2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario