Foi un tremor
convertido en desacougo para todo o sector da cultura galega. A nova
da súa marcha da dirección da editorial Xerais, así como a
reestructuración desa casa inserida no Grupo Anaya, xerou unha
inquedanza non só no eido editorial, senón en todo o que ten que
ver coa cultura en Galicia pola súa indiscutíbel importancia. O seu
labor deixouse notar ao longo dos 28 anos (case 25 como director) nos
que estivo no seo desa editorial, pero co paso do tempo, ese quefacer
espallouse máis alá dese traballo editorial, converténdose nunha
referencia dende a posta en marcha de diferentes proxectos que
inzaban a nosa terra dunha chea de regalías, así como dos seus cada
vez máis necesarios escritos en prensa ou no seu blog, ‘Brétemas’.
Textos lúcidos adicados a tecer sempre máis que a desfacer, a
motivar a reflexión e a aposta común por un territorio que nós
mesmos somos quen de maltratar coas nosas accións.
Se o traballo de editor
ten moito de valente cabaleiro medieval, de alguén metido en
constantes xustas, mantidas con diferentes sectores que van dende os
propios autores ás administracións, esas lides son cada vez máis
complexas nun mundo que día tras día semella afastarse do papel,
persoas como Manuel Bragado son unha honra para o sector pola
confianza e a puxa pola lectura como unha das maiores achegas que un
pode deixar á súa terra.
Os centos de títulos
saídos do prelo baixo o seu mandato, a aposta por novos nomes, a
creación de novas coleccións e o pulo dos diferentes premios que
concede ese selo son só unha parte dun compromiso emocionante e que
emocionaba cada vez que nos atopabamos ao editor a carón dun autor
presentando o seu último libro. Con independencia de que este fora a
maior ‘estrela’ da editorial, Manuel Rivas, ou o máis recente
nome saído do seu labor de seguemento, como puidera ser Iria Misa,
por citar a quen aínda presentou a pasada semana o seu libro,
‘Segredos no solpor’, xunto a todos eles amosou sempre unha
dignidade e profesionalidade abraiante, a salvo de quilómetros e
esgotamentos, que o levaba xornada tras xornada a percorrer Galicia
de punta a punta como apoio aos seus autores. Unha soberbia lección
ante tanta falla de compromiso como atopamos neses xigantescos grupos
editoriais cada vez máis afastados do tacto da pel e cuxos ollos só
se iluminan ante os balances de resultados. Os ollos de Manuel
Bragado sempre miraron cara a alma dos autores, e tamén cara os
lectores, que coidaba un a un en cada presentación como chanzos
imprescindíbeis para que o libro se mantivese a flote nun ecosistema
cheo de marexadas.
Nalgunhas desas
presentacións tiven a honra de estar ao seu carón compartindo uns
momentos que para min xa serán para sempre inesquecíbeis xunto ao
autor ou autora que tocase. Moitas outras veces estiven no outro
lado, escoitando as súas palabras entre o público e vendo como
entre as súas mans o editor manexaba sempre un caderno cheo de
anotacións, de reflexións, de puntos a salientar sobre o libro a
presentar. Eses cadernos convertéronse agora na alma da nosa
literatura nos últimos trinta anos, neles resúmense varios dos
nosos mellores libros, pero, sobre todo, contense a alma dun editor
afouto, dalguén cunha bonhomía inusual que soubo coidar o máis
importante que ten que facer sempre un editor aínda que soe pueril,
isto é, poñer en circulación libros, libros que falen dun país e
das súas xentes, libros que xa son de todos nós.
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 18/04/2018
Fotografía: Rafa Fariña
Ningún comentario:
Publicar un comentario