Envolto nun mar
de dúbidas, Alberto Núñez Feijóo definiu o seu futuro en clave
galega, afastándose do ’guerracivilismo’ de Génova
A que sabe a dúbida?
Un dos que mellor pode responder a esa pregunta nos últimos días é
o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Navegou
por ela nas últimas semanas entre ventos furacanados que empurraban
porque desembarcase en Génova a pacificar as diferentes tribos do
partido que xa están tomando posicións nas trincheiras. Un
‘guerracivilismo’ que xa se empeza a albiscar cruento e ao que
non está afeito o Partido Popular, pero ninguén dixo que a
democracia fose sinxela.
Esa dúbida semellou
medrar ao longo das semanas. Eu mesmo, cunha cea perdida pola
decisión do líder ‘popular’, penso que tiña máis que claro
hai uns meses ou incluso uns anos atrás que a súa chegada a Madrid
era o seu destino inexorábel ou, dito noutras palabras, era
inevitable que Alberto Núñez Feijóo fose presidente do Partido
Popular a nivel nacional. Pero o PP destas últimas semanas non ten
nada que ver co que se movía fachendoso e seguro de si mesmo sobre a
moqueta do poder. A perda deste, a chegada duns ministros que
semellan compoñer un Goberno socialista cun futuro que o poida
consolidar, o abafante peso da corrupción, con moitos casos
xudiciais aínda por decidirse, e os temidos dossiers nos caixóns,
dos que tanto se fala, presentan un escenario que agota con só
pensar en sentarse ante el.
As dúbidas de Feijóo,
ante ese territorio cheo de minas, tan necesarias para todo ser
humano para entenderse a un mesmo, abofé que levedaron nas
derradeiras horas. Chamadas alí e acá e unha paisaxe nada
alentadora para tentar unha campaña con moitas inseguridades. «A
dúbida é a certeza de non estar seguro», dixo o autor do ‘Libro
do Desasosego’, Fernando Pessoa. Nestes últimos días Alberto
Núñez Feijóo podería tamén escribir o seu libro do desasosego
interior. Un tinteiro cheo de dúbidas co que escribir un futuro en
Madrid ou en Compostela. O valor da dúbida medra en función do que
se atopa detrás da súa conclusión. Unha resposta que pode marcar o
futuro non só dun mesmo, senón de todo un país. Un quere pensar a
Feijóo esta fin de semana pasada como Hamlet movéndose dun
lado ao outro dunha habitación musitando ese «Ser ou non ser. Esa é
a cuestión». Certo é que se un pon nunha man Galicia e na outra o
que se adiviña en Madrid a dúbida despéxase ben pronto. Pero as
arelas dos políticos, por suposto léxitimas, e en boa parte esencia
do seu oficio de xestión pública, tenden a distorsionar as cousas,
a presentar equívocos e a facer que esas dúbidas se impoñan
ás decisións que un deba tomar.
Cada vez que Alberto
Núñez Feijóo bebía un grolo de auga na súa aparición pública
para dar a coñecer a súa decisión, semellaba saborear unhas
dúbidas que esvaraban polo seu interior desfacéndose pouco a pouco.
Unha emoción difícil de conter, as obrigadas palabras do compromiso
con Galicia e os galegos e un fermoso céspede no que florecían os
aplausos dos seus deixábanlle claro cal era o seu lugar: a idílica
Galicia, á que lle ten tomada a medida, o que os modernos chaman a
súa zona de confort, e á que as dúbidas non foron quen de mudala
polos abismos do descoñecido. O ser ou non ser, o ir ou non ir,
queda para unha mellor ocasión, que xa sabemos que os vieiros da
política son inescrutábeis, e se non que llo digan a Mariano Rajoy.
Alberto Núñez Feijóo liberouse das dúbidas e seguramente hoxe
será un político diferente do que o era nese preciso intre en que
todos poñían nel a súa mirada. Xa o afirmou o escritor portugués:
«Nada, salvo o instante, me coñece».
Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 20/06/2018
Fotografía. Pepe Ferrín (AGN)
Ningún comentario:
Publicar un comentario