martes, 10 de xullo de 2018

Letras de magnesio

Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía ▶ 50 retratos de escritores galegos ocupan o vestíbulo da Deputación de Pontevedra conformando a exposición ‘O imaxinario do país’ que poderemos visitar ata o 21 de xullo, antes de moverse por diferentes comarcas da provincia. 50 miradas a alma daqueles que enchen de letras e historias a nosa terra da man de Anxo Cabada.

Lucía Novas

A escrita son palabras, pero tamén son rostros. E o fotógrafo ten que ser quen de poñer imaxe a esas letras contidas no interior do escritor. Estas fotografías, en branco e negro, ascéticas, limpas, directas á cerna de cada un dos escritores son quen de facelo. Un atópase á persoa, pero tamén a quen mira a realidade dende a óptica da palabra, a quen enfía a vida entre as liñas dos textos como se estivese a camiñar entre cantís. Deterse ante cada unha destas fotos que Anxo Cabada soubo rescatar de alí de onde só os artistas saben esculcar, é poñerse ante as alfaias das nosas letras, é a posibilidade de mirarlle aos ollos a moitos dos que encheron, dos que enchen e dos que encherán a nosa vida de relatos e poesías, dunha escritura da que debemos gabarnos como un dos nosos tesouros máis sobranceiros.
Así, fronte a eles, mirándolles a eses ollos, poderemos esculcar no seu interior e ver, como se dicía naquela película, de que material están feitos os soños. Ter a Chus Pato diante, a Agustín Fernández Paz, a Xosé Luis Méndez Ferrín, a Anxos Sumai e a tantos e a tantos é un desafío a nós mesmos para enfrontarnos aos que nos sustentan. Moitas veces, demasiadas veces entendemos a literatura como parte dun negocio, dun sistema económico baseado na escrita e na venda de libros para o mantemento de autores, editoriais...e demais axentes que se moven arredor do libro, pero nos esquecemos de que sen historias, sen relatos non habería comunidade, isto é, calquera sociedade que se teña como tal precisa dunha serie de narracións que lle dan sentido ao que acontece no seu devir como colectivo. Esa tarefa a manteñen en pé, afoutos e afoutas, todos estes homes e mulleres que agora posan ante nós dende a máis absoluta sinceridade. Rostros que se condensan nunha mirada, nun xesto, nunha pose que busca completar o que cada un deles é como escritor. Di Ramón Nicolás no limiar do catálogo que recolle a mostra: «é nesa luzada, irrepetible e única, cando se capta «o momento», en tantas ocasións máxico, mesmo non sei se ás veces epifánico, en que a materia fotografada, neste caso escritoras e escritores de noso, se transforma noutra cousa que vai máis alá dos rostros, das olladas, das mans ou dos posicionamentos corporais que se adoptan...», e nese ‘máis alá’ onde estas fotografías acadan o elemento engaiolante para o espectador, ese espazo de incerteza que consegue que unha obra de arte acade esa condición, o gume do inexplicable e onde autores e autoras xunto ao espectador son parte dunha mesma sensación.
Fina Casalderrey
Esa incerteza é onde o fotógrafo soubo captar o ‘máis alá’, a posibilidade que ten o autor ou autora de facer do seu maxín un ronsel que poña aos lectores e lectoras a camiñar como aos ratos daquel flautista tras o descoñecido pero engaiolante. E ata ese espazo da dúbida tamén nos queren levar todos estes protagonistas que completan cada unha das imaxes das que participan cun texto co que tentan explicar o que rodea esas fotografías, as ‘interseccións’, como di María Reimóndez, que teñen lugar na vida. «Na intersección entre natura e cultura, existo», escribe de xeito tan preciso María Reimóndez, Todos somos interseccións, todos somos mestura, cruces, sumas, restas, idas e vidas, lecturas, aloumiños, miradas, estremecementos, interseccións de vida. Todo iso pode conterse nunha foto, como ata en cincuenta veces foi quen de facer Anxo Cabada, pero tamén como cada un destes autores fai cos seus textos, máis ou menos longos, en prosa ou en poesía, con máis ou menos literatura, pero en todos con emoción, coa carraxe e o acubillo de sentirse, de saber que existen. Eles que teñen a ferramenta da palabra como espada invencible, como daga coa que axustar contas coa realidade . Agora síntense espidos, as súas mans pesan, sen a súa espada, cóstalles domiñalas, pousanse unhas sobre outras, enguedellan os dedos entres si, outros as empregan para posar a súa cabeza, para balizar outras partes do seu corpo. Parécelles que lles molestan esas extremidades sen un bolígrafo ou a teclas do ordenador. Son como animais fora do seu contexto cos que xoga o fotógrafo como fai o gato co rato antes de papalo. Todos eles aceptaron o xogo pero a cámara e o seu manexo por Anxo Cabada foron ben ‘máis alá’, foron ata a alma de cada un deles, abofé que onde ningún deles pensaría chegar. O retrato é captura, pero tamén é axexo, e a súa virtude é que non hai quen o engane.
Xesús Constenla
Camiñar nesta exposición é camiñar entre as olladas de todos eles, tamén é a oportunidade de ler un anaquiño de cada un deles, pero sobre todo é a posibilidade de gabarse dos que nos contan cousas, dos que nos falan e nos relatan como somos. Os ecos da súa presenza inza en todas estas fotografías que Anxo Cabada foi paseniñamente xuntando ate hoxe, cando eles, os contadores da tribo, aparecen xuntos para que os sintamos presentes máis aló das súas páxinas, para cos sintamos en corpo e alma, porque estas fotografías teñen esas dúas cousas, corpo e alma, a intersección que xorde dunha imaxe en branco e negro.



Publicado no Diario de Pontevedra 9/07/2018
Fotografías. Anxo Cabada


Ningún comentario:

Publicar un comentario