luns, 29 de outubro de 2018

Presenzas

Foguetes verdes (2)
No Museo do Mar de Galicia en Vigo podemos facer un percorrido pola obra de Antón Goyanes. Unha pintura chea de tempos e de espazos, pero, sobre todo, de presenzas que a explican.


A CARÓN DO MAR a obra de Antón Goyanes (Monforte, 1934) emerxe como unha gran balea pictórica. O resultado de toda unha vida de navegación polo mar da experimentación e as sensacións que se poden envorcar sobre un lenzo. ‘Goyanes. Unha escolma pictórica’ amosa de xeito reflexivo cada un dos momentos que atravesou este pintor e, se algo trascende nunha primeira ollada, é a coherencia e a lóxica que fía cada un deses momentos entre eles, que nos fan concluír na harmonía conceptual dunha obra resistente ás modas, valente de si mesma e que fala dun pintor que ten moi claro por onde conducir esas expresións. 
As dúas grandes salas que acollen a súa obra, con pezas moi definitorias de cada un deses momentos, xera un espazo de acougo moi oportuno para sentir o que nos quere decir esa pintura. Sentados ante esas pezas un sente a presenza dun ser humano que se contén nelas, aínda sen estar ás veces presente. Toda unha poética que fai das súas obras campos abertos, pinturas expandidas máis alá do lenzo que nos levan, en moitos casos, aos territorios onde foron concebidas. Toledo, Vilanova da Cerveira ou Roma, entre outras xeografías, xorden da asimilación de sensacións do pintor, condensándose nestas superficies a través das formas e das cores. Son espazos dunha emocionante liberdade convertidos en territorios dunha febril suxerencia. É por iso que emociona achegarse a unha pintura que arrinca no ano 1968, e en obras como ‘Sombras’ de 2017, segue defendendo esa territorialidade como unha patria.
A súa pintura dos anos setenta foi un berro de rebeldía, unha rompente na domesticación de moitos xeitos de pintar que en Galicia víñanse arrastrando coma unhas pesadas cadeas nos nocellos de non poucos creadores. Irrumpiu Atlántica e nomes como o de Antón Goyanes plantexaron, desde esa liberdade conceptual, e case vital, un novo ronsel polo que moverse e polo que latexar o feito de pintar. Aquela figuración que vemos nos fermosos murais da Estación Marítima de Vigo foron paseniñamente disolvéndose nunhas atmosferas protagonizadadas pola cor, a mancha e a suxerencia desa presenza que nunca marchou de xeito definitivo.
Con todo, o máis importante á hora de achegarse á obra de Antón Goyanes é a conformación do cadro, a construción dos espazos no seu interior. Unha paisaxe abstracta na que conflúe unha poética que sublima a propia existencia do ser humano, redefinindo a obra dende esa perspectiva, cunha forte depuración formal. Unha limpeza cada vez maior da superficie da obra que en pezas de 1994 como ‘Areal’ ou ‘Diante do cadro’ (ambas na imaxe) plantexa toda a potencialidade dese territorio pictórico no que a figuración humana convértese nunha paisaxe existencial e xeográfica a un tempo, na que a contemplación do espectador é a parte precisa para completar a escena na que o pintor plantexou, de xeito deliberado, un non espazo para que sexamos nós os que construamos aquilo que precisamos.
Grises e amarelos equilibran o conxunto xeral dunha exposición no que tampouco se renuncia aos verdes e vermellos, pero que funciona dun xeito moi equilibrado grazas a unha perfecta distribución e integración das pezas no espazo que lle confiren a exposición ese senso de percorrido cómodo e agradábel para o visitante.
Pintor, muralista, gravador ou escultor a obra de Antón Goyanes é parte fundamental da plástica galega. As súas achegas ao longo dos anos configuraron un traballo ao que é preciso volver de cando e cando. Agora, nas salas do Museo do Mar de Vigo, baixo a arquitectura de César Portela e ante as escumas da ría volvemos a enfrontarnos a ela, recuperando a emoción por todas esas presenzas que a sosteñen e a explican.



Publicado en Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 26/10/2018


Ningún comentario:

Publicar un comentario