mércores, 24 de abril de 2019

Paseo

As figuras de Alberto Giacometti ‘móvense’ entre as obras mestras do Museo do Prado dentro dunha das iniciativas que celebran o douscentos aniversario da gran pinacoteca


COMEZAN as vacacións e iso permítenos movernos cara destinos máis lonxanos aos que estamos acostumados na fin de semana. Madrid sempre é unha boa opción grazas a súa amplía oferta cultural, e se nesa oferta sempre unha cita segura é visitar o Museo do Prado, inesgotábel nas súas posibilidades de contemplación, dende hai uns días unha nova proposta merece a nosa atención.
Os actos de celebración do douscentos aniversario da creación dunha das grandes pinacotecas do mundo están a encher de actividades a este centro a outros moitos, como o Museo de Pontevedra que, durante estes días, aínda acolle o ‘Retrato de médico’ do Greco como préstamo temporal da entidade madrileña. Así é como varias das salas do Museo do Prado están tomadas dende este mes e ata o 2 de xullo por unha serie de figuras correspondentes con esculturas dun dos grandes mestres desta disciplina, como o foi o escultor suízo Alberto Giacometti (1901-1966). Vinte obras, dezaoito esculturas e dúas pinturas, repartidas na primeira planta do edificio de Villanueva. Unha chiscadela á historia a través dunha especie de paseo póstumo entre as grandes deidades da pintura do Prado. Velázquez, El Greco, Rubens, Tintoretto ou Durero son algúns deses autores aos que se lles obriga a ter diante as figuras alongadísimas do escultor. Ese existencialismo vertical, casi flamíxero, aínda que estático, semella case exercer un movemento que o relaciona co que acontece nos lenzos.
En febreiro de 1939 os cadros máis importantes do Museo de Pontevedra abandonaron España, buscando refuxio en Suíza. Non foron poucos os creadores e pensadores daquel momento que se achegaron a ver as obras mestras do Museo do Prado no exilio. Entre eles Alberto Giacometti en pleno proceso surrealista. Varias destas pezas escultóricas sitúanse na gran sala que aparece coroada polas Meninas de Velázquez, aínda que ao seu arredor, varios dos retratos máis importantes do pintor barroco amosan a forza do sevillano e a súa capacidade para trascender á historia.
Non parece estraña a admiración de Alberto Giacometti por pintores como Tintoretto o El Greco. O seu ascetismo formal, a estilización dos corpos lévase ao extremo na obra do suízo pero, sobre todo, xera unha simbiose entre ambas creacións dunha enorme sensibilidade. Todo o contrario acontece con Rubens, e as súas ‘Mujeres de Venecia’, cunha fisonomía moi alonxada da das obras de Giacometti, funcionan de xeito contrario ao anterior, como unha antítese que plantexa unha conversación que excede ao puramente formal e tamén semella trasladarse ao material, xa que ese bronce de Giacometti contrasta coa luminosidade da pel case marmórea das mulleres de Rubens.

Durero, Murillo ou Goya plantexan diferentes encontros co escultor que nunca estivo no Museo do Prado e que agora presenta as súas figuras casi como ex votos ante a contundencia de todos os mestres da pintura, moitos dos que admirou e ata bosquexou en máis dunha ocasión. Achegarse ao Museo de Prado durante as próximas semanas engade un valor ao que significa por si mesmo, convidándonos a participar dunha especie de paseo póstumo no que un non se cansa de mirar cómo funcionan todas esas relacións artísticas por riba dos séculos, por riba dunha historia que, en ocasións como esta, fúndese nunha mesma realidade. Nun plano que nos incorpora para sentir a arte nun momento concreto, nunha encrucillada de camiños que moitos percorreron de xeito maxistral e que agora camiñan ante nós mesmos.



Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/04/2019
foto: Paco Campos (efe)

Ningún comentario:

Publicar un comentario