venres, 17 de maio de 2019

Libros á rúa


HOXE FESTEXAMOS a nosa lingua. Hoxe saltamos de emoción lendo xornais que escriben páxinas en galego, asistindo a celebracións arredor das nosas palabras e vendo como as televisións descubren que temos un idioma propio. Todo iso hoxe, e mañá?, e pasado? e o mes que vén. Así se nos presenta a nosa lingua como unha celebración dun día de festa pero que logo, no día a día, cando deixa de ser festa, esquecémonos dela, situándoa nos cantís da nosa indiferenza e cada vez máis acurralada fronte ao castelán-que tantos ven ameazado- e aos que ben pouco fan para poder equiparar, cando menos ambas linguas.
Entón hoxe toca festa! Pois celebrémola. Sintamos como o que máis sentido lle dá a nosa condición de galegos é a lingua, non mirar cara o horizonte do mar ou acariñar un carballo. A lingua é a que nos identifica como unha cultura e a partir dela é dende onde poder entendernos mellor. Falemos en galego e fagámolo cos nosos cativos, expliquémoslles que hoxe se celebra a edición do libro de Rosalía de Castro ‘Cantares gallegos’, co que a nosa lingua comezou o seu rexurdir tras séculos escuros, aos que non queremos voltar. Merquemos libros en galego para que o noso sistema editorial sobreviva ante tantas incertezas e o desamparo da administración.
Pois para todas estas tarefas hoxe Pontevedra saca moitos libros á rúa, grazas a unha iniciativa do Concello e a implicación de dez librerías. Todas elas desafiarán a chuvia (son ben peores outras ameazas) colocándose baixo os Soportais para amosar as vizosas producións dos nosos autores e autoras. Pontevedra leva xa moitos anos a confiar no libro, o imprescindíbel Salón do Libro, o bofacer da editorial Kalandraka, ancorada como un buque máxico nas nosas rúas, e o incremento do número de librerías na nosa cidade renovan a nosa condición de capital literaria con que xa se coñece a Pontevedra en toda Galicia.
Unha xornada na que ademáis temos uns convidados moi especiais, catro extraordinarios autores que nos visitarán para telos cerquiña e pedirlles que nos asinen os seus libros. Pola mañá Ledicia Costas e Arantza Portabales e pola tarde Pedro Feijoo e Iria Collazo. Catro propostas ben interesantes e nun momento idóneo para todos eles, xa que as dúas primeiras veñen de publicar dúas novelas nas que amosan a súa valentía. Ledicia Costas ao debutar na escrita para adultos con ‘Infamia’ (Xerais) e Arantza Portabales propoñéndonos con ‘Beleza vermella’ (Galaxia) unha novela negra. Ambas obras non nos deixarán indiferentes e non dubiden de que aos poucos días de saír do prelo vanse a colocar na cima das listaxes de vendas. E se falamos de listas de vendas que dicir de Pedro Feijoo, só apuntar o dato de que Xerais, a súa editorial, ven de poñer en circulación a undécima edición de ‘Os fillos do mar’. Unha beizón para a nosa escrita tan necesitada destes empurróns para conquistar lectores. E por último, Iria Collazo, que debuta con ‘A casa do paralelo 54’ na literatura infantil e xuvenil e está a converterse nun deses novos nomes a ollar ben de cerca na nosa escrita.
E se queren seguir de festa tamén teñen ben preto daquí, en Cotobade, na terra natal do homenaxeado neste día, Antón Fraguas, os actos que gabarán a súa figura. Xa ven que teñen diferentes opcións para a celebración, pero a súa mellor opción é a de empregar o galego a cotío, enxerilo no seu ámbito cotiá, para o que nunca é tarde, confiar no futuro dos seus cativos para que manteñan acesa a esperanza de que todos os días sexan días de festa para o galego, para a nosa lingua.


Publicado no Diario de Pontevedra 17/05/2019
Fotografía: Os libros saen á rúa nos Soportais da Ferraría. (José Luiz Oubiña)




Ningún comentario:

Publicar un comentario