O Museo de Arte
Contemporánea de Vigo arrinca unha nova etapa, e o fai dende a base,
amosando o traballo dos que ao longo do século XX foron
contemporáneos e estableceron os alicerces de moitos dos discursos
creativos que chegan ata os nosos días.
Hai cadros que un non
se cansa nunca de mirar para eles. Obras de arte que non entenden do
paso do tempo ou se iso pode facerlle dano as súas posibilidades. A
eternidade esta feita para a arte, e a arte, a boa arte, dende a
disciplina que sexa, fai do tempo un engadido máis á súa
capacidade de trascendencia.
Percorrer a exposición
‘Destacados’ da Colección Teléfonica que ata o 15 de setembro
pódese visitar nas salas do MARCO, é volverse a atopar con algunhas
das obras máis senlleiras da arte do século XX. Un percorrido a
través do traballo de artistas esenciais para coñecer as diferentes
posibilidades de moitos dos momentos e istmos da plástica no pasado
século, permitindo acadar unha panorámica do que foi ese axitado
século artístico. Do mesmo xeito, e como interesante achega,
complétase a mostra cunha selección dos ricos fondos pictóricos
das coleccións do Concello de Vigo, para plantexar como os nosos
artistas tamén formaron parte desa paisaxe, e como se integraron nas
diferentes correntes para facer dende Galicia unha arte propia, con
referencias á súa identidade, pero fiándoo todo as novas
posibilidades de expresión que xurdían dos grandes focos artísticos
europeos.
Artellada en catro
espazos, o primeiro deles ‘O signo e a forma’, céntrase no
traballo da santísima Trinidade do Informalismo español: Tápies,
Saura e Chillida, un berro artístico no tempo do Franquismo capaz de
xerar un universo simbólico e xestual que converte as súas obras en
pura emoción. Algúns dos Tápies aquí expostos son parte dese
territorio emocional que loitou contra a escuridade daquel tempo e
que aínda hoxe contén e transmite toda a súa forza creativa.
O segundo dos espazos e
o das 'Vangardas do século XX'. Picasso, Juan Gris, Magritte,
Delvaux, Daniel Vázquez Díaz, entre outros, cadros e propostas
engaiolantes para o espectador que no se aburre ao observar as
disolucións de formas do cubismo de Juan Gris, as paisaxes de
Vázquez Díaz ou ese espazo entre onírico e metafísico que amosa o
espectacular cadro de Paul Delvaux, ‘L’apell’.
Unha terceira sala,
máis heterodoxa achégase a España e a arte da segunda metade do
século XX. Nomes como Eduardo Arroyo, Luis Gordillo, Darío
Villalba, Pérez Villalta, Soledad Sevilla, Luis Feito ou Menchu
Lamas convértese nesa procura por diferentes territorios,
individualidades dentro dun contexto cada vez máis libre e no que as
pezas convértense sempre nunha búsqueda das posibilidades de
expresión da arte.
A cuarta sala, é o
espazo adicado á plastica galega, a cómo os nosos artistas souberon
interpretar e adaptar discursos formais a toda unha concepción nova
da arte. E se nos ámbitos anteriores atopamos a xenios universais os
autores aquí representados non o son menos. E de novo un asómase
aos inabarcábeis cadros de Lugris, e aos nosos vangardistas: Maside,
Souto, Torres, Colmeiro e Laxeiro, que foron os que mellor souberon
integrar o de fóra co noso, a partir da semente de Castelao,
deixando un campo aberto para sucesivos creadores. Aí temos aos Díaz
Pardo, a Granell e, como non, a Luis Seoane, cuxas formas e
plantexamentos souberon xerar unha nova concepción artística en
Galicia, tan audaz coma moderna, e que serviu de comezo á plástica
das derradeiras décadas do século XX, vencelladas tambén ao mundo
do deseño.
Nunca está de máis,
polo tanto, achegarse a revisar estas obras que, grazas a súa boa
disposición, permiten facer ese varrido artístico a todo o século
XX a partir de moitos dos seus creadores fulcrais. Comeza así, a
nova etapa do MARCO, coa nova dirección de Miguel Fernández-Cid
que, dende esta exposición, coloca un firme tronco dende o que
xurdirán numerosas polas creativas nos próximos tempos que, no
ámbito da pintura, non o dubiden, ten nestas obras moitas das súas
referencias e explicacións.
Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/06/2019
Fotografía: 'L'apell' de Paul Delvaux.
Ningún comentario:
Publicar un comentario