mércores, 16 de outubro de 2019

'Too much'. Á procura da visibilidade

Arte ▶ ‘Too much’ é unha iniciativa artística que procura atopar espazos de visibilidade para artistas cuxas obras posúen unha indudable calidade, pero que non sempre son acollidos polos espazos referenciais das artes galegas. Artistas plásticos e poetas traballando uns a carón doutros xerando novas sensibilidades para a nosa arte


Superar a escuridade. Abater as paredes do estudio. Conectar a obra coa sociedade. Deste xeito é como debemos entender a mostra ‘Too much’ que podemos visitar na Sala de exposicións do Palacete das Mendoza de Pontevedra ata o 25 de outubro. Artistas á busca do público como posición ante unha sociedade que semella darlle as costas ao creativo, ao cultural. Aínda así o máis grave para a nosa arte é a negación deses espazos de visibilidade por parte das administracións, de centros culturais as veces estigmatizados pola procura dunha excelencia que, as máis das veces, convértese en pretendida máis que real.
«A creación é un azar de tenruras e terrores nun labirinto por escribir», escribe o poeta Xaime Toxo, participante, xunto a outros poetas, como Elisabeth Oliveira e Carmen Quinteiro, desta mostra colectiva cos artistas plásticos Xaquín Chaves, Basilisa Fiestras, Lito Portela, Antón Sobral e Fiz Valcárcel. Nese labirinto é no que nos sitúan todos eles con este paso adiante na reclamación da súa consolidación como creadores que, de xeito inevitable, precisa de plataformas de acción, de escenarios dende os que darlle o sentido final ao seu traballo, isto é, dende o contacto co público.
Antón Sobral exerce de comisario, e tamén de dinamo, desta pequena mostra do que pode ser nun futuro. Sementeira dun Observatorio Galego das Artes, con esa premisa da visibilidade e da aposta por unha serie de creadores galegos necesitados de atopar eses puntos de luz. Propiciar un debate sobre a función das políticas culturais do país, atopar o apoio da empresa privada no mundo da cultura establecendo canles de colaboración, así como xerar un diálogo entre todos os axentes vencellados dun ou doutro xeito á cultura, serían tres das liñas de traballo deste Observatorio que, dende a positividade, buscaría achegar posibilidades sempre dende a visión dos artistas, duns creadores que moitas veces son sempre o último elo da cadea, cando son os maiores protagonistas.
Os nove creadores que aquí nos convocan fan da súa individualidade unha parte do colectivo, e amosan, cunha ollada, a súa maneira de enfrontarse ao artístico. A lírica da abstracción de Xaquín Chaves, a simbólica paisaxe de Antón Sobral, a mezcla de linguaxes de Carmen Hermo, a natureza de Lito Portela, a figuración de Fiz Valcárcel, a sensibilidade de Basilisa Fiestra, o inxenio de Elisabeth Oliveira, a emoción de Xaime Toxo e a intensidade de Carmen Quinteiro, confírmanos esa sensación de novos aires na nosa creatividade, e o ben que lle senta a nosa sociedade que novos nomes teñan o seu espazo. Se algo deixan claro é a súa calidade como creadores, as posibilidades das súas maneiras de entender a sociedade dende o soporte elexido, e cómo as súas linguaxes pódense medir coas de calquera outro creador, de aquí e de lonxe de Galicia, cando tantas veces nos deixamos levar por aquilo de que o que vén de fóra é mellor co noso.


Así acontece en demasiadas ocasións, cada vez máis a nosa presenza deixa de ser requerida dende centros artísticos de primer nivel que terían que ter como obriga da súa programación o apoio aos nosos creadores, máis aínda cando a súa calidade, como xa se afirmou, non ten que envexar a ningunha outra, ao tempo que se moven nunha situación de desamparo que ‘Too much’ tenta paliar dende este primeiro chanzo.



Publicado en Diario de Pontevedra 14/10/2019
Fotografía: Gonzalo García


Ningún comentario:

Publicar un comentario