PENSO que sería arredor do ano 2007,
pola data que aparece escrita a lápis xunto ao prezo nunha das páxinas da
edición en castelán que comprei de ‘En salvaxe compaña’, tras escoitar na radio
unha entrevista a José Manuel Caballero Bonald quen, á pregunta de que libro
lle houbera gustado ter escrito, sen pensalo moito contestou, ‘En salvaje
compañía’ de Manuel Rivas. Non creo que tardara nin unha hora en plantarme na
libraría para atopar un exemplar dese libro que aínda non lera, pero que ante
tal afirmación, e vindo de quen viña, tiña que devorar de inmediato. Nas
existencias da Libraría Paz no figuraba o texto en galego, polo que tiven que
apañarme coa edición de peto de Punto de Lectura. Así saín do desacougo con
aquela lectura en castelán chea de mitos, lendas e corvos negros que chegaban
ata a mesma praia do Orzán.
Pasaron os anos, moitos, ata que a
finais do pasado ano cumpríronse os vintecinco da escrita dese texto que fora
Premio da Crítica en 1994. Neses días de celebración, e descorrendo a mirada
polos andéis da libraría Cinania, chea de libros que xa pasaron por moitas mans
de lectores anteriores a nós, atopei un exemplar daquela edición orixinal saída
do prelo de Xerais. Como os trescentos corvos de Xallas aliñados naquela torre,
ou sobre a varanda da praia coruñesa, o libro pousouse dende entón nos andéis
da miña casa á espera da súa lectura, agardando que se saldase a débeda coa
lingua na que foi escrito.
E así chegaron estes días do desasosego
que semellan saír dunha novela distópica, de non ser polo arreguizo da
morte e a dor que nos pon ante o real, e aqueles corvos comezaron a berrar
rachando o silencio do encerro. Así foi como neste peche chegoulle á hora a
este texto fascinante que, coa musicalidade do noso idioma percorre unha nova
corredoira. Un tremer alén do tempo de voces baixas do pasado que se
enguedellan cunha serie de narracións cheas de humanidade e de heroes cotiás
chantados na boca da terra.
Nunha ocasión Manuel Veiga Taboada
contounos no Táboa Redonda, e falando de autores que escribiron dende o
encerro, como Manuel Rivas illouse durante seis meses en Irlanda para a escrita
deste libro. Moitas veces os illamentos son necesarios para pensar, para atopar
novos vieiros de expresión, máis tamén de coñecemento dun mesmo. Todas estas
voces de seres, de persoas e de animais acubilláronse no maxín de Manuel Rivas,
como agora acoden ao noso rescate. ‘En salvaxe compaña’ é unha marabillosa
lectura para estes días, a recuperación dun texto totémico da nosa escrita,
cheo de espiñas e frores de toxo e encantamentos convocados por unha lingua
feiticeira.
Publicado en Diario de Pontevedra 26/03/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario