domingo, 1 de novembro de 2020

Cons en Sálvora

 

[Ramonismo 42]

Paula Cons debuta de xeito brillante no cinema de ficción con ‘La isla de las mentiras’, a historia do Santa Isabel




NUNHA SECUENCIA de ‘La isla de las mentiras’, que aínda podemos ver nos nosos cines, o xornalista interpretado por Darío Grandinetti pregúntalle ao fareiro da illa de Sálvora, Aitor Luna, pola forma que teñen uns cons que se atopan diante deles. O fareiro alude aos mitos, aos relatos máxicos e ás lendas que enchen a nosa terra, pero el, que tamén exerce de mestre cos chamados colonos da illa, explica, baixo os postulados da razón, a composición material daquelas rochas e o efecto da erosión, do vento e do mar, sobre a súa superficie para xustificar o capricho desas formas.

Esa secuencia serve para amosar como o vivir nunha illa, nun ecosistema tan singular marca a vida dos seus habitantes, pero tamén nos serve para achegarnos ao debut da directora Paula Cons (Compostela, 1976) no mundo da ficción, e como unha traxectoria artística é quen de mudar en función das circunstancias que a rodean. Afeita a traballar no xénero documental ese interese polas historias agochadas na nosa terra levou a Paula Cons a descubrir o relato do afundimento do Santa Isabel fronte a illa de Sálvora.

Non tardaron en asomar, como o restos do naufraxio, preguntas, pero sobre todo unha inquedanza por contar a historia daquelas mulleres que foron auténticas heroínas, ao botarse ao mar para rescatar a máis de corenta persoas dunha morte segura. A historia, os rumores, pero sobre todo, o tratarse de mulleres, fixeron o resto. Que esa historia permanecese ben agochada baixo a superficie da nosa historia oficial, para só saír en certas investigacións ou sondeos xornalísticos, explica moito do que somos. Da nosa falta de orgullo, da nosa pouca intención en coñecer onde están as nosas afoutezas e, sobre todo, a pouca confianza en nós mesmos. Abofé que pensar naquelas tres mulleres levou a Paula Cons a mudar o seu labor documental, que tamén, e de xeito afortunado, está presente en todo o que rodea a un filme moi respectuoso cos costumes do mar e a ambientación, para así lanzarse a facer unha película de ficción.

E que acontece ao remate da proxección? Pois seguramente o mesmo que lle pasou a Paula Cons cando coñecía máis e máis cousas daquela historia. Que o capítulo daquel naufraxio, no que chegaron a morrer 213 persoas nunha fría noite do 2 de xaneiro de 1921, a medida que se suceden os minutos, queda nun segundo plano de interese, sentíndonos absolutamente atrapados nas historias e comportamentos daqueles seres humanos illados do mundo. Paula Cons revélase como unha extraordinaria directora de mulleres e que con nomes como os de Nerea Barros, Victoria Teijeiro, Ana Oca ou María Costas (abraiantes todas elas) configura ese universo feminino de mulleres marxinadas polos homes, de seres atrapados, ameazados nunha contorna hostil dende o físico e o humano, que as leva a actuar case como animais coas gadoupas sempre afiadas nunha actitude de defensa.

Así é como as pesquisas dese xornalista por tentar aclarar o que sucedeu aquela noite, ante feitos escuros que asoman non filme, vense superados por como interactúan aqueles seres que, como os cons da illa, son traballados paseniñamente por unha erosión física e mental que leva a cada unha delas a tomar certas decisións imposibles de entender nun ámbito máis domesticado. Unha illa que se configura como un personaxe máis, a parte dunha historia que máis alá de ser paisaxe é o gran activo da narración, tamén illa como feminino, illa como unha muller zarandeada non só pola propia natureza, senón polo silencio, pola noite convertida en caixa de Pandora onde de novo, como na mitoloxía clásica, todos os males semellan recaer no lombo das mulleres. Mulleres que non deixan de traballar, de facerse ao mar, de labrala terra, de atender ao fogar, unha loita permanente que xa de por si debería ser suficiente para a louvanza pero que, neste caso concreto, tivo a oportunidade de pasar á historia cunha heroicidade á que se quixo someter baixo o pano da dúbida.

Paula Cons sobrevoa arredor desta historia de naufraxios pero sobre todo de vidas mudas, de historias que ficaron caladas e que, case cen anos despois, teñen unha axeitada revisión para poñer a nosa historia en valor, algo ao que esta xornalista non renuncia dende ningún dos ámbitos profesionais polos que pasou, dende ese xornalismo, ou co guión de traballos como ‘Lobos sucios’, ou a moi interesante, e tamén reveladora dun episodio escuro da nosa historia, ‘La batalla desconocida’, xerme dun futuro proxecto de serie televisiva en formato western que alumee na extracción de wolframio por parte dos nazis durante a II Guerra Mundial. Historias que fan mudar a pel de quen as conta, como mudan os cons en Sálvora.


Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 31/10/2020

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario