[Foguetes Verdes]
Unha exposición no Museo do Mar de Galicia en Vigo da man do profesor da Facultade de Belas Artes, Manuel Sendón, converte o que o mar deixa na area nun azaroso obxecto artístico
ÉNCHENSE as nosas costas de lendas sobre obxectos que chegan a elas a cabalo da mar salgada. Un baile de escumas no que os máis diversos elementos humanos converten praias e cantís nunha xeografía intervida. O espazo de recepción dunha chea de elementos, os máis deles inesperados e abraiantes, que converten a nosa natureza nun espazo modificado, nunha contorna que muda a súa realidade en función dese elemento que a coloniza tras o contacto coa natureza que, dende o paso do tempo, traballa sobre os materiais acadando unha contundente presenza física chea de engaiolantes matices.
A Costa da Morte ten a sorte de ter como veciño a Manuel Sendón, referencia da nosa fotografía e profesor na pontevedresa Facultade de Belas Artes, e Manuel Sendón tamén ten a sorte de ter ante el esa xeografía estremecedora que ademais dalle de cando en cando estas sorpresas. Elementos que rápidamente soubo interiorizar e asimilar como parte dun proxecto artístico co que reflexionar, dende a chegada á praia do Rostro desas ‘crebas’ tan particulares, e deixar así plantexados ante o espectador temas como o azar, a memoria, o paso do tempo ou a ecoloxía.
Trinta grandes fotografías amosan todos eses elementos que xorden do mar dotados dunha pátina pantasma e mesmo poética. Crease así unha escenografía teñida de ciencia ficción que medra ao amosarse esas fotografías sen rastro do ser humano e cunha liña do horizonte que incrementa esa sensación de desacougo fronte ao que non vemos pero intuimos. Xunto ás imaxes de gran formato un espectacular mural de sesenta fotografías recolle, ao fondo da sala de exposicións do Museo do Mar, en forma de mosaico, unha chea de pequenos elementos, obxectos cotiás, refugallos, plásticos... e tamén aves mortas. Partes dunha natureza cada vez máis contaminada polas nosas accións, moitas delas froito da nosa escasa conciencia sobre o coidado e respecto do tesouro que nos rodea.
Manuel Sendón exerce así de camiñante na natureza e remata por converterse en receptor dunha serie de elementos que forman parte da tradición oral que en moitos pobos mariñeiros aluden ao mar como contador de historias, non só de lendas mariñas, senón tamén de bultos que, de xeito regular e polo tránsito de barcos por esa ruta dun mar imprevisible, acaban chegando ao pé da xente, incorporándose a toda unha serie de relatos que forman parte da comunidade.
O fotógrafo xoga coas escalas dos obxectos, coas súas superficies e como o paso do tempo traballou sobre elas, pero tamén coa metonimia que posibilitan elementos como un xersei ou unhas luvas deitadas sobre a area que nos levan, de xeito inmediato, a falar da ausencia que foi presenza humana. Vidas extinguidas, náufragos do universo do mar, non só por cuestións laborais, senón tamén, como adoitamos comprobar día tras día, por fuxir das súas realidades vitais en zonas do mundo cheas de conflictos que os obrigan a botarse ao mar sen mirar cara atrás e cunha forte carga de esperanzas que non sempre se cumpren.
Ata o 4 de abril, alí onde Vigo xa é máis océano que ría, nese Museo do Mar que é o mellor escenario posible para esta mostra entre ferramentas e materiais feitos para ser parte do mar, Manuel Sendón xera un espazo que nos enfronta a unha chea de novas paisaxes. Un percorrido polo mar e a costa que lle serve de refuxio durante moitos días do ano e que algo ten de laboratorio dende o que buscar esa íntima conexión coa contorna, a través do contacto coa xente que lembra naufraxios e historias que xa teñen moito de mitoloxía. E dende o seu labor de fotógrafo, coa recuperación visual destes elementos pousados sobre a area e que xeran unha paisaxe chea de texturas e cunha infinidade de percepcións do visitante que sente fronte a eses horizontes grazas ao estudado da mostra e como se resolve o espazo.
Cada fotografía, dende a sorprendente batea-casa inicial, convértese así en parte dunha viaxe por esa xeografía de mar, ceo e area na que o noso paso entre elas é un xeito de compartir a experiencia do autor que converte en atemporais unha serie de elementos cunha data de caducidade imposta polo noso mar.
Publicado no Diario de Pontevedra 18/03/2021
Fotografías Manuel Sendón
Ningún comentario:
Publicar un comentario