venres, 12 de marzo de 2021

O fume volveuse negro

 

Saga/Fuga


ERGUÉRONSE na mañá limpa do martes as columnas de fume negro para converter o horizonte da ría nun escenario de loita. O branco fume das chemineas de Ence deixaba paso á negrura no ceo cos neumáticos queimados e o corte de tráfico como protesta dos traballadores polo posible peche da fábrica. Mentres, dende os despachos, os seus xefes frotaban as mans ao ver como os seus reféns, os que levan poñendo a cara por eles cada vez que as cousas se lle poñen mal, subían un chanzo máis na espiral de presión que sofre esta cidade e a súa contorna durante anos.

Eles procuran defender o seu traballo, están en todo o seu dereito (pero nunca coa violencia), ese mesmo traballo que a empresa non defendeu durante as últimas décadas sabendo que estaban obrigados, coa súa caducidade de 2018, a saír desa concesión e instalar a súa fábrica noutro lugar. Os anos pasaron, as contas de resultados medraban, os brazos seguían cruzados e as complicidades políticas permitían que nada mudase. Agora semella haber un fío de esperanza para que a nosa contorna sande esa ferida que a historia cravou nun dos seus espazos máis fermosos nunha época na que as cousas eran moi diferentes a como o teñen que ser agora. O mundo vai por un lado mentres Ence quedou varada como un animal prehistórico nun espazo que podería ofrecer mil veces máis do que deixa Ence.

Co tempo a piques de esgotarse volta a presión, o medo nas rúas, e as diferentes maneiras de chantaxear a toda unha cidadanía que dende hai moitos anos cos seus votos nas eleccións municipais, onde este asunto é parte central, xa manifestou a súa maioritaria opinión sobre a estadía de Ence na ría de Pontevedra.

Moitos xa estamos fartos de ser reféns dunha empresa privada que se considera con máis dereitos que outras que xeneran tanto ou máis beneficios, sen laios nin presións, e que de xeito permanente pretende amosar que sen ela todo isto viríase abaixo, que non hai máis empresas ou que as demais son menos importantes. Había Pontevedra antes de Tafisa e a houbo despois. Existía Pontevedra antes de Ence e existirá despois.

Somos tamén reféns do seu secuestro ecolóxico dunha ría que sería moito máis produtiva sen a súa presenza, ollo!, xunto coa necesaria mellora dos verquidos dos concellos das súas orelas. Un secuestro ecolóxico que non só se mide en emisións a atmosfera senón tamén en consumos de auga nunha época con cada vez máis secas en tempos de cambio climático, ou dunha ferida urbanística que limita o crecemento da cidade e a recuperación e xeración de novos usos nun espazo marítimo que podería crear numerosos empregos (e non falo de pisos ou chalés). Hai moitos xeitos de contaminación e non todos eles entran na estatística. Máis alá da ría a nosa paisaxe tamén é refén dunha política forestal que despreza a produción de madeiras máis rendibles no económico e moito menos perversas co noso ecosistema, como comprobamos cada verán e lume tras lume.

Tamén son reféns os cidadáns de Pontevedra que escoitan palabras sobre as posibilidades dun accidente que poría a esta cidade ante unha catástrofe e que de non chegar a un acordo na súa permanencia non se investiría nas instalacións. Reféns por sentirnos culpables de que os obreiros perdan os seus postos cando outros eludiron as súas responsabilidades.

Que ninguén pense que esa perda sería unha alegría, eses traballos son polos que se debería apostar en serio para mudar unha ubicación errada e que cada día que pasa o é máis.


Publicado en Diario de Pontevedra 12/03/2021

Fotografía: Corte de tráfico dos traballadores de Ence diante da fábrica o pasado martes (Javier Cervera-Mercadillo)


2 comentarios:

  1. Concordo plenamente. Non é unha loita contra os traballadores. E ENCE, que xa comezou enfrontándose á poboación e enviando daquela ós grises, segue coas mesmas tácticas, encirrando ós seus traballadores para chantaxearnos. Non é unha loita contra eles, nin contra os postos de traballo

    ResponderEliminar
  2. Escribo en Castelán, non dominó a escritura en galego, aínda que o entendo e o falo sen problemas.

    Totalmente de acuerdo con la necesaria desubicación de Ence...pero quería expresar que por experiencia propia ( he conocido hace ya bastantes años a un ingeniero de Celulosas y he estado en un coro en que él estaba - gran formación musical desde luego ). Bueno , siempre tuve la impresión de que Ence financiaba diversas actividades culturales y otras que no conozco, pero presumo que sí. Ésto influye, aunque sea de manera minoritaria, en la percepción de ENCE. Respecto a la cuestión de generar incendios para comprar madera semiquemada, ésto me consta que no es cierto y un ingeniero agrícola de ENCE, nada sospechoso para mí, me argumentó que a ENCE no le interesa pan para hoy y hambre para mañana.,en fin, no me vota extender....¿ Qué hay detrás de todo ésto ? Ni se sabe ni creo que el Alcalde lo haya dicho expresamente, porque no puede legalmente, supongo.
    Un saludo a tod@s

    ResponderEliminar