Dez mestres da Facultade de Belas Artes atopan na Fundación RAC un espazo de encontro arredor da súa obra en permanente diálogo coa súa actividade coma docentes
NON quixo a pontevedresa Fundación RAC permanecer allea á celebración do trinta aniversario da creación da Facultade de Belas Artes e para iso abriu as súas portas ao labor de dez creadores que ao tempo imparten clases nese centro académico. Non poucas veces ao falar dunha facultade a maior atención céntrase no propio alumnado, nos futuros artistas aos que van dirixidos todos os esforzos e que teñen ante eles un prezado futuro para amosar o aprendido, pero se algo define e singulariza á Facultade de Pontevedra dentro do seu xénero é a importancia dos seus mestres como artistas. Creadores que dende o mesmo comezo da Facultade formaron parte do seu claustro, procedendo de diferentes ámbitos académicos e artísticos da península e que dende Pontevedra fixeron a súa vida, tanto como ensinantes coma plantexando unha traxectoria artística propia. O paso do tempo, as diferentes promocións que saíron á rúa e a incorporación de novos docentes, moitos deles formados na mesma Facultade, conformaron unha heteroxeneidade que, como adoita acontecer, non fai máis que aumentar as posibilidades do centro e que fai da suma de sensibilidades un camiño axeitado para o progreso e a mellora do capital humano sempre imprescindíbel á hora de manexar a educación.
Marcos Covelo, Javier Tudela, Marina Núñez, Elena Lapeña, Mª Covadonga Barreiro, Nati Bermejo, Juan Carlos Meana, Juan Carlos Román Redondo, Basilisa Fiestas e Xoan Anleo son os dez protagonistas que responden a esa realidade docente dos últimos trinta anos, con mestres veteranos, e outros que se incorporaron co paso dos anos e os que sendo ex alumnos agora mudaron o seu rol dentro da aula. Todos eles, baixo o comisariado de Sara Donoso e Xosé Manuel Buxán Bran, decano da Facultade, plantexan un conxunto de obras, baixo o título de ‘Campo de sementes’ que amosan a diversidade de plantexamentos que, dende os máis diferentes xéneros, artellan un conxunto equilibrado co que poder gozar dunha arte de fondas compoñentes conceptuais que nos levan á reflexión sobre a materialización dun discurso creativo dende diferentes formatos.
Escultura, vídeo, pintura, instalación, debuxo ou fotografía xeran na exposición unha serie de percepcións da contemporaneidade e como ela é quen de explicar o noso mundo, neste caso a través da mirada de artistas que á vez son mestres. Docentes que sementan para un futuro artístico mellor e coa esperanza de facer da arte unha posibilidade de dialogar cunha realidade, certamente, cada vez máis complexa.
Publicado no Diario de Pontevedra 12/05/2021
Fotografías. De arriba a abaixo. Obras de Marcos Covelo (parede) e Javier Tudela en primeiro plano. Peza de MªCovadonga Barreiro e escultura de Basilisa Fiestras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario