Saga/Fuga
A SALA-X da Facultade de Belas Artes pasará a chamarse Sala de Exposicións Universitaria Manuel Moldes. Así se anunciou por parte da Vicerreitoría da Universidade de Vigo no Campus de Pontevedra como recoñecemento e permanente lembranza a un creador pontevedrés estreitamente ligado á propia Universidade e, en concreto, á Facultade de Belas Artes da que esta sala serve de nexo entre o seu interior e o exterior. Nela foron moitos os alumnos que a empregaron como a súa primeira oportunidade de sentir o que é facer unha exposición, como abofé que moitos deles a carón de Manuel Moldes entenderon o que significa o feito pictórico, algo que vai moito máis alá dos manuais teóricos ou dos apuntes, tendo moito máis que ver co manexo dos materiais, coa ollada fronte á vida e coa decisión de facer da realidade a inspiración para o que posteriormente conterá un lenzo.
A Sala-X sempre tivo esa pegada de ser un espazo incógnito, esa X que a nomeaba era, xustamente iso, a incerteza da ecuación que estaba por vir no futuro, sempre complexo e cheo de dúbidas dos recén licenciados. Agora despéxase esa incógnita para converter esa X nunha realidade, a que supuxo a figura de Manuel Moldes e a que supón hoxe a súa obra. El foi un dos mestres máis querido polos alumnos e só hai que lembrar o seu pasamento para recuperar imaxes que poucas veces se poden ver entre alumnos e profesores e que amosan, por un lado a singularidade do alumnado e do que supón formarse en Belas Artes en Pontevedra, e, por outro, as calidades humanas de Manuel Moldes, inesquecibles para todos os que o coñecimos, así como a súa conexión cos alumnos que ía máis alá do propio centro de estudios.
Ao tempo que chega, posiblemente despois do verán, ese bautismo artístico, que se completará cunha mostra sobre o pintor nese espazo, tamén agardamos pola posta en marcha da Fundación que levará o seu nome e que se instalará próximamente no último andar do reformado edificio da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal, case enfronte do seu estudio, dese taller do que xurdiron tantos cadros que recolleron moito do que é esta cidade e dunha Galicia que sempre estivo presente nas súas obras. A feliz e plausible decisión da Consellería de Cultura de, ao pouco tempo da súa morte, poñer xa en marcha esta Fundación, ten que ser un empuxón definitivo para que a súa obra sexa unha presencia permanente na nosa cidade, traballando na súa conservación, estudio e difusión entre a cidadanía, así como ser elo de diferentes axentes culturais, que fagan da obra de Manuel Moldes un punto de encontro entre as persoas, como sempre aconteceu ao longo da súa vida, tanto no seu propio estudio, nas súas exposicións ou mesmo nas aulas da Facultade de Belas Artes. Iso sería algo que faría moi feliz a Manuel Moldes, que as súas obras sexan a excusa para xuntarnos, para falar de arte, da cidade, ou mesmo deste mundo tan tolo que estamos facendo e que nos últimos anos o fixo berrar tanto dende a súa pintura, que era, nin máis nin menos, o espazo no que mellor descifraba a nosa sociedade.
Universidade de Vigo e Fundación Manuel Moldes camiñarán polo tanto ao mesmo tempo nesa tarefa de gabar a un dos nosos veciños, algo que honra a ambas institucións, e que nos fai mirar con esperanza ao futuro na consideración dun nosos artistas máis sobranceiros, do que non podemos permitirnos o luxo de prescindir ou deixalo caer no esquecemento, como lle aconteceu a tantos outros cuxa incógnita segue sen ser despexada.
Publicado no Diario de Pontevedra 28/05/2021
Fotografía. Manuel Moldes traballando nunha peza no Pazo da Cultura de Pontevedra no 2005 (Rafa Fariña)
Ningún comentario:
Publicar un comentario