Saga/Fuga
O SALÓN
‘Saavedra’ de Francisco Leiro volveu a ese salón que forman as augas do Lérez
nun dos seus remansos ao longo dun cauce cheo de fermosos recunchos. Todo un
espectáculo natural que temos ás portas das nosas casas e que deberíamos gozar
máis polas súas posilibidades. Do mesmo xeito esa Illa das Esculturas é a
combinación perfecta para facer da natureza unha aula de cultura dende a que
coñecer un dos movementos artísticos máis importantes do século pasado, o
land-art e que, nestes tempos de pandemia, reivindica tamén moitos dos seus
postulados fronte as consecuencias do noso mundo, cada vez máis sometido á destrución
do natural e a uns intereses económicos que foron, precisamente, os que levaron
a aqueles artistas revolucionarios a fuxir das cidades e do seu consumismo
desbocado nas galerías.
Isto é
posible que non o coñeza moita xente, que non ten porque sabelo, pero é unha
mágoa que tendo un dos conxuntos escultóricos máis sobranceiros ao aire libre
de Europa non saibamos sacarlle todo o partido que este auténtico museo podería
ofrecer como reclamo turístico, ao tempo que como complicidade dende o noso
granito cos cidadáns de Pontevedra.
A nómina dos
artistas que se reuniron naquel Xacobeo de 1999 é toda unha selección mundial
dos mellores. Autores que moitos tivemos que estudar nos nosos manuais de
Historia da Arte, creadores aos que os grandes museos do mundo pagaban
cantidades exorbitadas para poder contar cunha das súas obras mentres que nós
os temos como veciños e compañeiros dos nosos paseos por esa Illa do Covo,
felizmente recuperada dende o ámbito ambiental e paisaxístico, pero que en
canto ao poder desas pezas aínda con moito por facer.
Agora que xa
estamos acostumados a súa presenza e esquecidos os ataques vandálicos aos que
se viron sometidas nun principio, e xa con máis de vinte anos de traballo da
natureza sobre elas, sería un momento ideal para converter este espazo nunha
referencia que en toda a Península Ibérica non ten comparación. Contar con
Richard Long, Jenny Holzer, Robert Morris, Ulrich Ruckriem, Anne & Patrick
Poirier, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, José Pedro Croft, Giovanni Anselmo, Fernando
Casás, Francisco Leiro e Enrique Velasco é unha auténtica pasada, que aínda nos
sorprenden ao irse integrando as obras nesa natureza para a que foron pensadas.
Traballar na
súa difusión con percorridos por todo o conxunto explicando o seu plantexamento
e a singularidade de cada peza, tanto con escolares como con público en xeral;
facer congresos ou encontros arredor do que significa ese espazo; pensar na
incorporación de novas pezas; calibrar a posibilidade de que o conxunto formase
parte do Pazo da Cultura como parte da súa programación e compromiso coa
cultura, ou empregar a Illa como un reclamo cultural e paisaxístico na difusión
turística da cidade, serían cuestións esenciais e obrigadas para todos os que
teñen calquera tipo de responsabilidade dende as administracións hacia este
espazo que é un soño para calquera vila.
Fagan a proba
e se poden, nestes días solleiros, déixense caer por ela nas primeiras horas da
mañá, cando o día arrinca e toda aquela contorna semella un cadro recén
pintado. Asegúrolles que as diferentes emocións levaranos a pensar na sorte que
temos de que ese conxunto se crease xunto a nós, e que os seus comisarios,
Antón Castro e Rosa Olivares, traballasen para que se incorporase ao ámbito
público. Oxalá ese Leiro recuperado sexa o sinal de toda unha
recuperación.
Publicado no Diario de Pontevedra 21/05/2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario