mércores, 8 de decembro de 2021

A luz de Ledicia

 

[Ramonismo 92]

'Golpes de Luz’ amosa a madurez creativa dunha autora que enguedella a mirada dos cativos coa dos adultos



SE ALGUNHA autora énchenos de ledicia cos seus golpes de luz esa é Ledicia Costas. Perdoen esta brincadeira das palabras, pero é moi complicado resistirse a non caer nela cando cada libro que xorde do maxín de Ledicia Costas convértese nunha luminosa obra que te abraia. E iso tanto dende o territorio da escrita dirixida á xente máis nova, como a que atende a esa xente adulta á que a creadora de ‘Escarlatina a cociñeira difunta’, lle propón, nos últimos anos, algúns dos textos máis sobranceiros da nosa literatura.

Así, tras o libro de relatos ‘Un animal chamado néboa’ e a novela ‘Infamia’, chega agora aos nosos andeis ‘Golpes de Luz’, como as anteriores editada en Xerais, ao tempo que en castelán podémola atopar na editorial Destino. Unha novela na que Ledicia Costas sobe un chanzo máis no seu desafío permanente á escrita, procurando novos camiños, explorando diferentes posibilidades dunha narrativa na que Ledicia Costas nunca deixa aos seus lectores indiferentes. Desta vez faino coa historia dunha familia na que interveñen tres voces, a dunha muller maior, no remate dos seus días; unha muller separada, e angustiada ante a súa situación vital; e un neno que vive nese ambiente e afastado do seu pai. Luz, Xulia e Sebas son esas tres miradas que nos levan a formar parte dun triángulo de emocións, de voces interiores que tentan ollar cara unha realidade nada sinxela para cada un deles, pero na que todos teñen que dar o mellor de si mesmos para poder saír adiante.

«As nais non choramos, as nais construímos diques» é unha das frases coas que Ledicia Costas consegue deter a nosa lectura, facer do lector un cómplice momentáneo que precisa dun tempo para calibrar o que hai no interior desas palabras en relación a unha novela na que se poñen de relevo todas esas cargas que se pousan nas costas das mulleres como por unha sentenza ancestral. A muller como soporte da familia na que recae todo o esforzo, o traballo máximo, máis tamén as desgrazas, son as que teñen que soportar por un designio divino. Unha ollada comprometida co feminino, pero tamén a ollada de Ledicia Costas diríxise cara diferentes problemáticas sociais que esnaquizaron e esnaquizan moitas familias ante a incomprensión da sociedade.

Temas como o consumo de drogas entre a xuventude dos anos oitenta e como o paso do tempo sepultou iso nun esquecemento colectivo, que non foi así na cerna das familias, amosa moitas persoas afectadas pola necesidade de ser escoitadas, de amosar, para sandar as súas feridas, as marcas invisíbeis daquel tempo. Sinais que emerxen en canto se remexe no que aconteceu, e Ledicia Costas remexe e remexe ben. Tamén a violencia de xénero amosa a súa faciana no relato como parte dos silencios que adoita xerar unha sociedade demasiado afeita a mirar cara outro lado ata que xa é tarde. E xunto a eles, unha terceira problemática, a do coidado das persoas maiores, e cuxa soidade convértese para calquera sociedade do noso tempo nun dos asuntos que vai precisar máis altura de miras pero que nunha primeira resolución son, como non, as mulleres das familias as que teñen que afrontar esa situación.

Pero se algo consegue de xeito exemplar a autora nestes ‘Golpes de Luz’ é enguedellar o universo infantil, as súas miradas inocentes, as súas fantasías ou a necesidade de saber, co universo dos adultos, con todas esas sombras que tinxen as vidas dos nenos e das nenas incapaces aínda de xuntar as pezas que lles faltan, e que poucos adultos adican o tempo preciso para ensinarlles a colocalas de manera axeitada. Sebas, xunto cos seus compañeiros de colexio (un universo escolar que Ledicia Costas coñece ben polas súas constantes visitas a eses centros cos seus libros baixo o brazo) Noa e Guerreiro, son quen de xerar ao seu arredor todo un espazo incríblemente artellado pola autora, boa coñecedora dos territorios xuvenís, das súas lecturas, dos seus desexos e ata dos seus pensamentos. Nenos que miran cara os maiores e a súas sombras como aqueles nenos de ‘A noito do cazador’ o de ‘Matar un reiseñor’, filmes clásicos e de cuxas imaxes é imposíbel afastarse cando ambos mundos, o dos cativos e o dos adultos entran en colisión.

 

Publicado na Revista. Diario de Pontevedra 4/12/2021


Ningún comentario:

Publicar un comentario