[Ramonismo 142]
'Vémonos mañá’ novela a biografía de Osorio-Tafall e Josefina Arruti nunha historia tan arriscada coma necesaria
NON é sinxelo a maior parte das veces descorrer o pano da historia para mergullarse en feitos do pasado que tiveron unha especial importancia no seu momento, pero aínda é máis arriscado, e mesmo valente, cando un escritor pousa a súa mirada en feitos pretéritos que suceden nun eido familiar, íntimo, e moi determinado, como son os acontecementos que, arredor da vida de Bibiano Fernández Osorio-Tafall e a súa muller, Josefina Arruti, protagonizan a novela de Xosé Monteagudo, ‘Vémonos mañá’, en edición de Xerais.
Falo de valor e risco porque nunca é sinxelo fisgar na vida dos demais, aínda que á esas persoas a historia colocounas nun lugar de relevancia. Así aconteceu con Bibiano Fernández Osorio-Tafall, científico, alcalde de Pontevedra na República, Comisario Xeral dos Exércitos desa República no ano 1939 e, despois do exilio, o funcionario español de maior rango da ONU. Pero tras ese currículo hai tamén unha historia familiar chea de escuridades, de silencios e dúbidas, de tristuras e desacougos, de medos e inquedanzas que foron as que rodearon á familia de Osorio-Tafall naquela Pontevedra de sons de motocicletas que ocultaban as torturas da Garda Cívica, de murmurios e miradas da veciñanza que sinalaban á xente, de escasezas económicas e de esforzos por levar adiante a unha familia composta por dúas mulleres e tres fillos: José Ángel, Carmen e Manuel. Afortunadamente o tempo coloca, aínda que as veces o faga de xeito moi lento, todo no seu lugar, de aí que a historia de Josefina Arruti imponse nos últimos anos á de Osorio-Tafall, moito máis coñecida pola súa faciana pública, e por ser a historia dun home, fronte a dunha muller que foi exemplo de sacrificio, loita e resistencia por facer dos seus sentimientos o acubillo fronte aos acontecementos nos que a vida nos sitúa en determinadas ocasións, pero ante os que se algo sempre fixo foi o de mirar polos fillos para que o seu futuro fose o mellor bálsamo fronte á amargura.
Xosé Monteagudo, grazas aos traballos arredor da memoria das mulleres de Montse Fajardo, caeu na historia de Josefina Arruti, e, certo é, que para calquera escritor iso é deixarse caer por un pozo cheo de inspiracións para artellar unha novela que xorde, como acontece en todo relato, dun feixe de preguntas e, arredor desta historia, se algo nos atopamos son preguntas e moitas delas sen respostas, ou, cando menos, estas respostas estaban afastadas do ámbito público. E esas respostas son ás que pouco a pouco, coa mestría a que nos ten xa acostumados o escritor de Moraña, chegamos en cada un deses capítulos que mesturan esas dúas vidas separadas por unha guerra, pero tamén polas actitudes das persoas, deles mesmos, e das que os rodearon, ao longo dun tempo cheo de axitacións e esquinas que unha vez que as dobras non sabes moi ben das súas consecuencias.
Esas vidas, que nun momento de felicidade, de comezo dunha vida en común que só entendía dunha eternidade compartida, transformáronse dende a distancia en dous contextos moi diferentes entre si e que respostaban a dúas situacións marcadas por un pasado que estivo presente en ambas ata o final. Aquela separación de xullo de 1936 converteuse nunha separación que nunca se superou, nun mañá que se converteu nun nunca. As diferentes viradas dos seus destinos impediron ese achegamento, tamén a falla de valor por asumir responsabilidades por parte de quen tantas responsabilidades tivo ao longo da súa vida, e unha decisión acubillada baixo o segredo familiar que no libro, como na vida, fixo que todo mudase, e a nós sérvenos para entender moito do que a historia non foi quen amosar, pero que supuxo a auténtica deriva desa relación que os fillos tentaron reconducir nun posible encontro pero que, certamente converteuse en imposible e que nun punto límite volveu a amosar a enorme dignidade que sempre mantivo Josefina Arruti, a quen o Concello de Pontevedra lle adicou unha rúa no ano 2015, dentro dun vizoso programa de recuperación da memoria das mulleres no espazo público.
Esa posibilidade da ficción para amosar recunchos ocultos da historia é moi interesante nesta nova achega literaria de Xosé Monteagudo, na que el mesmo reflexiona sobre esa relación entre ficción e historia e as súas posibilidades para clarexar certas cuestións que, ao fin e ao cabo, son necesarias dende o privado para explicar o público. ‘Vémonos mañá’ atopa así un espazo necesario para contar unha historia sinalada na nosa cidade e á que Xosé Monteagudo de novo agasalla cunha excelente novela, como xa fixera con ‘Todo canto somos’, poñendo luz nas escuridades da historia.
Publicado na Revista. Diario de Pontevedra. 4/02/2023
Ningún comentario:
Publicar un comentario